Hieronymus Duquesnoy o Novo
- Non confundir con Hieronymus Duquesnoy o Vello pai de Hieronymus Duquesnoy o Novo.
- Para outros personaxes co mesmo apelido, ver a páxina de homónimos Duquesnoy.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de maio de 1602 Bruxelas, Bélxica |
Morte | 28 de setembro de 1654 (52 anos) Gante, Bélxica |
Causa da morte | pena de morte |
Actividade | |
Ocupación | escultor, arquitecto, artista visual |
Membro de |
Hieronymus Duquesnoy o Novo (coñecido tamén co seu nome de pía en francés: Jérôme), nado na cidade de Bruxelas cara a 1602 (bautizado o 8 de maio dese ano) e executado na vila flamenga de Gante o 28 de setembro de 1652, foi un escultor e arquitecto brabantino.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hieronymus recibiu a súa primeira educación artística en Bruxelas da man do seu pai, Hieronymus Duquesnoy o Vello, e aínda moi novo, en 1618, marchou a Roma para completar a súa formación, xunto co seu irmán François. As disputas persoais entre os irmáns fan que estes se separen e Hieronymus viaxa posteriormente a Lisboa, Florencia e Madrid, onde traballa na corte do rei Filipe IV.[2]
Reconciliado con François entre 1641 e 1643, cando este se atopaba gravemente doente, traballou no seu obradoiro en Roma e, tras a morte deste, volveu a Bruxelas, onde o arquiduque Leopoldo Guillerme de Austria, elixido como gobernador dos Países Baixos por Filipe IV, o nomeou escultor da corte. En Bruxelas comezou unha carreira sobresaliente. As obras con certas influencias barrocas do seu irmán supuxeron para Hieronymus un referente para o resto da súa vida e convertérono nun dos principais espalladores deste estilo polos Países Baixos.
Entre 1644 e 1646 esculpiu catro grandes estatuas dos apóstolos Paulo, Tomé, Bertomeu e Mateu para unha nave da catedral de San Miguel e Santa Gúdula de Bruxelas.
En 1651 foi nomeado arquitecto e escultor da corte. E ese mesmo ano esculpiu unha estatua de Santa Úrsula para a igrexa de Nosa Señora do Sablón, en Bruxelas, e en 1653 outra talla da "Educación da Virxe por Santa Ana", para a catedral bruxelesa. Como un arquitecto, construíu entre 1651 e 1656, a capela de Nosa Señora da mesma catedral.[3]
Destacan tamén entre as súas obras o "Cristo na cruz" en marfil da igrexa de Beatos de Mechelen, a estatua dos santos da abadía de San Miguel en Anveres e un "Rapto de Ganímedes" para o escultor Luc Faid'herbe.[4]
A partir de 1651 traballou, sobre todo, para edificar o mausoleo do bispo Antoon Triest na catedral de San Bavón, en Gante.[5]
Cando o mausoleo non estaba aínda rematado, foi acusado dun acto de sodomía sobre dous nenos de oito e once anos. Como consecuencia desta acusación, foi condenado a morte e, o 28 de setembro de 1654, foi executado esganándoo atado a un poste. O seu corpo foi reducido a cinzas na praza do mercado do gran, en Gante.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Jerôme Duquesnoy II Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". En Baroque in the Southern Netherlands (en inglés)
- ↑ "Du Quesnoy family". En Grove Art Online. Oxford University (en inglés)
- ↑ Coekelberghs, Denis. "A propos de Jérôme Du Quesnoy le jeune". En La Tribune de l'Art, 1 de setembro de 2006 (en francés)
- ↑ De Busscher, Edmond . "Les sculpteurs De Quesnoy, Delvaux, Calloigne". En Annales de la Société Royale des Beaux Arts. Gante, 1877. P. 305-440 (en francés)
- ↑ "Philippe Malgouyres: Le buste d'Antoine Triest (1576–1657), évêque de Gand, par les frères Duquesnoy, entre au Louvre". En La Revue du Louvre et des musées de France. 2000. N° 4, P.15-17 (en francés)
- ↑ Eekhoud, Georges. "Un illustre uraniste du XVII siècle. Jérôme Duquesnoy, sculpteur flamand". En Jahrbuch für Sexualzwischenstufen mit besonderer Berücksichtigung der Homosexualilät. 1900. P. 277-287 (en francés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hieronymus Duquesnoy o Novo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hadermann-Misguich, Lydie. Les du Quesnoy. Gembloux, Duculot, 1970
- De Busscher, E. "Les sculpteurs De Quesnoy, Delvaux, Calloigne". En Annales de la Société Royale des Beaux Arts. Gante, 1877 (en francés)
- Philippot, P. et al. L'architecture religieuse et la sculpture baroques dans les Pays-Bas méridionaux et la principauté de Liège 1600-1770. Éditions Mardaga. Wavre, 2003. Páxinas 769-771 [ISBN 978-2-87009-838-7] (en francés)