Saltar ao contido

Hippodamia convergens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hippodamia convergens

Chuchando un áfido, en Rock Creek Park
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Superfamilia: Cucujoidea
Familia: Coccinellidae
Subfamilia: [`Coccinellinae]]
Xénero: Hippodamia
Especie: Hippodamia convergens
Guérin-Méneville, 1842

Hippodamia convergens é unha das maruxiñas máis comúns de Norteamérica e encóntrase en todo o continente. Os áfidos son a súa dieta principal, polo que se usan no control biolóxico de pragas destes insectos.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Son maruxiñas nativas de América do Norte, pero tamén foron importadas desde California e establecéronse en América do Sur.[1]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

A femia pon de 200 a 300 ovos ao longo de varios meses durante a primavera e principios do verán. Os ovos son pequenos e fusiformes e póñenos preto de onde hai presas, en posición dereita e en grupos de 15 ou 30 ovos. As larvas son escuras e parecidas a un aligátor.[2] Unha vez que as larvas empezan a alimentarse, medran rapidamente e mudan catro veces nun período de tempo dun mes. O estadio pupal dura unha semana e o apareamento ten lugar pouco despois de que saia o adulto. Se hai abundante comida, a femia pode empezar a poñer ovos unha semana despois de aparearse, pero se escasea, pode esperar ata nove meses.[3]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Agregación de adultos de H. convergens.

As primeiras larvas que fan eclosión en cada lote de ovos poden empezar a comer os outros ovos que non eclosionaron. Isto pode proporcionar enerxía para as larvas antes de que atopen áfidos. As larvas do cuarto ínstar ou estadio poden comer uns 50 áfidos ao día e os adultos uns 20. Cando escasean os áfidos, os adultos poden comer melada, néctar e pole ou mesmo pétalos e outras partes moles de plantas.[4] Porén, deben comer áfidos para poder reproducirse.[5] No oeste dos Estados Unidos estas maruxiñas poden pasar ata nove meses en diapausa en grandes agregacións en vales de montaña, lonxe das súas fontes de alimentación de áfidos. En primavera os adultos espállanse polo territorio na procura de sitios axeitados para poñer os ovos, onde haxa abundancia de áfidos. Este comportamente de dispersión é especialmente marcado nesta especie en comparación con outras maruxiñas.[2]

Control biolóxico

[editar | editar a fonte]

As H. convergens utilízanse no control biolóxico de pragas aumentativo, no que se incrementa temporalmente a cantidade do predador para controlar así os áfidos. A especie está dispoñible comercialmente en América do Norte, pero debido aos hábitos de hibernación dos adultos non repordutores, as maruxiñas liberadas tenden a dispersarse rapidamente desde o sitio onde as soltaron. Os adultos liberados en lugares pechados como invernadoiros poden contribuír a rebaixar o número de áfidos.[6]

Inimigos naturais

[editar | editar a fonte]

Os fungos entomopatóxenos usados como biopesticidas, como Metarhizium anisopliae, Paecilomyces fumosoroseus e Beauveria bassiana poden tamén infectar as larvas.[1]

H. convergens pode ser hóspede de diferentes parasitos invertebrados como Dinocampus coccinellae, Homalotylus terminalis e Tetrapolipus hippodamiae.[7]

  1. 1,0 1,1 Obrycki, John J.; Kring, Timothy J. (xaneiro de 1998). "Predaceous Coccinellidae in Biological Control". Annual Review of Entomology 43 (1): 295–321. PMID 15012392. doi:10.1146/annurev.ento.43.1.295. 
  2. 2,0 2,1 Cornell University
  3. Balduf, W. V. (1935). The Bionomics of Entomophagous Coleoptera. St. Louis, MO: John S. Swift Co. 
  4. Hagen, Kenneth S. (1960). "Biological Control with Lady Beetles". Plants and Gardens: The Brooklyn Botanic Garden Record 16 (3): 28–35. 
  5. Haug, G. W. (1938). "Rearing the Coccinellid Hippodamia convergens on Frozen Aphids". Annals of the Entomological Society of America 31 (2): 240–248. doi:10.1093/aesa/31.2.240. 
  6. Obrycki, John J.; Harwood, James D.; Kring, Timothy J.; O'Neil, Robert J. (novembro de 2009). "Aphidophagy by Coccinellidae: Application of biological control in agroecosystems". Biological Control 51 (2): 244–254. doi:10.1016/j.biocontrol.2009.05.009. 
  7. Bjørnson, S. (marzo de 2008). "Natural enemies of the convergent lady beetle, Hippodamia convergens Guérin-Méneville: Their inadvertent importation and potential significance for augmentative biological control". Biological Control 44 (3): 305–311. ISSN 1049-9644. doi:10.1016/j.biocontrol.2007.10.001. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]