Historia de Polonia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
Historia de Polonia | |
Mapa de Polonia de 1814. | |
Historia | de Polonia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Polonia |
Categoría | Historia de Polonia |
A historia de Polonia abrangue a historia de Polonia e a dos seus estados predecesores.
Idade Media
[editar | editar a fonte]No a no 966 sitúase a fundación de Polonia, co bautismo de Miescko I ó catolicismo. Mieszko era o duque dos polanos e fundador da dinastía Piast. O seu fillo, Boleslao I, unificou os territorios no que aproximadamente hoxe é Polonia. E en 1025 coroouse baixo autoridade papal primeiro rei de Polonia. En 1138, os fillos de Boleslao III herdan o reino e repárteno en catro partes. O país entra nun período de guerra civil e loitas polo poder. En 1241 os mongois invaden Polonia.
En 1226, Conrado I de Masovia alíase cos cabaleiros teutóns para pelexar contra os prusianos. Trala vitoria, os teutóns levarían a guerra contra os propios polacos e incluso contra os lituanos nos séculos XIV e XV. Debido á presión da guerra, Polonia expándese neses séculos cara o leste. Por fin, baixo Ladislao I de Polonia, conséguese a reunificación. O seu fillo Casimiro III de Polonia "o Grande", morrería sen fillos e sería o derradeiro monarca da dinastía Piast. O seu sobriño, o anxevino Lois I de Hungría, herda o trono.
En 1385, a filla de Lois I asina co Grande Duque de Lituania un acordo de alianza contra os cabaleiros teutóns (ver Unión polacolituana).
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Dinastía Xaguiellón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Xaguiellón.
Os exércitos unidos do Grande Ducado de Lituania e do Reino de Polonia, obteñen a decisiva vitoria na batalla de Grundwald en 1410. Os cabaleiros teutóns xamais se recuperarán da derrota, e ata vense obrigados a desface-lo seu Estado Monástico Teutón en Prusia. En 1569 lituanos e polacos únense na Rzeczpospolita (república en polaco) (ver Unión de Lublin). O estado resultante é o segundo maior de Europa tras Rusia e ten unha considerable influencia en Europa oriental e Central, e ata serve de contraforza contra o Imperio Otomán. No século XIV prodúcese unha importante inmigración de xudeus dende Europa occidental por ser acusados de expandi-la Peste Negra. En Polonia existe a liberdade relixiosa e ata os xudeus son ben recibidos polas clases aristocráticas e as familias reais. Sendo mal vistos polo campesiñado católico. No século XVIII chegarán a se-lo 7% da poboación urbana. A maior porcentaxe de poboación xudía nun país católico.
Unión polacolituana
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Unión polacolituana.
En 1572 o rei Sigmundo Augusto morreu sen herdeiros. Debido a prosperidade polaca, ninguén defendeu un claro candidato e fixo provocar unha guerra civil. No canto, Polonia celebrou un sistema de elección polaco para o seu próximo rei (a democracia dos nobres). En 1573 reuníronse en Varsovia tódolos nobres polacos e votaron "libremente e entre iguais" por catro candidatos. Henryk Walezy gañou a elección (derrotando ó tsar Iván IV e ó rei de Suecia entre outros), pero tras catro meses de reinado, recibiu novas da morte do seu irmán -o rei de Francia-, e volveu a Francia para tomar posesión coma Henrique III de Francia. Isto desconcertou á nobreza polaca, xa que nese tempo Polonia era un estado máis rico que Francia.
Unha serie de disputas entre os nobres no século XVIII, e a negativa de moderniza-los sistemas produtivos no agro, atrasou a industrialización en Polonia e relegou a súa influencia en Europa. O 3 de maio de 1791 apróbase unha Constitución moderna, que converte á Unión polaco-lituana nunha monarquía parlamentaria (Primeira República Polaca). As posibilidades de recuperación económica que traía a Constitución foron truncadas polas invasións das nacións veciñas.
Particións de Polonia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Particións de Polonia.
A finais do XVIII, Polonia foi repartida tres veces dando morte á Unión polaco-lituana. A saber:
- 5 de agosto de 1772, Prusia, Rusia e Austria asinan en Viena a primeira repartición de Polonia (30% do territorio). Stanislao II pediu axuda ós países de Europa occidental, pero non responderon. O Parlamento polaco foi obrigado a asina-lo repartimento.
- 23 de xaneiro de 1793, en 1790 Polonia asinara un tratado de alianza contranatural con Prusia. Cando o exército ruso invadiu Polonia en 1792, os prusianos non axudaron. De feito, Prusia e Rusia se repartiron outra terceira parte de Polonia. En 1794 houbo unha pequena tentativa de recupera-la soberanía nacional liderada polo revolucionario Tadeusz Kościuszko. A revolta foi rapidamente sufocada.
- 24 de outubro de 1795, coa terceira repartición, outra vez entre Prusia, Rusia e Austria, Polonia desaparece -literalmente- do mapa.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Grande Ducado de Varsovia e vasalaxe rusa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Grande Ducado de Varsovia.
En 1807 no marco das guerras napoleónicas, Francia derrota a Prusia e Napoleón I establece o Ducado de Varsovia (comunmente chamado Grande Ducado de Varsovia) e pon no trono a Federico Augusto I de Saxonia. ISto fixo entre os nacionalistas polacos os máis fiei aliados de Francia xa que recuperaron os azos de recuperar algún día a súa patria.
Trala derrota final de Francia, no Congreso de Viena de 1815 no que se decide o futuro de Europa, o ducado pasa case na súa totalidade a se-lo Reino de Polonia, baixo mandato do csar ruso.
Século XX
[editar | editar a fonte]Independencia
[editar | editar a fonte]As potencias derrotadas da Primeira Guerra Mundial retiráronse de Polonia polo Tratado de Versalles (1919), Rusia en plena guerra civil tamén viuse obrigada a retirarse, perdendo territorio incluso na guerra polaco-soviética e moi danada pola guerra civil subseguinte á revolución bolxevique. O tratado ata lle daba a Polonia territorios prusianos do Segundo Reich (corredor de Danzig).
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Segunda guerra mundial.
O 23 de agosto de 1939 o Terceiro Reich e a Unión Soviética asinan un tratado de non agresión, no que deciden un novo repartimento de Polonia. O 1 de setembro de 1939 Alemaña invade Polonia. O 17 de setembro a invade a Unión Soviética. No verán de 1941, segundo a Operación Barbarossa, toda Polonia queda en mans alemás. Formouse un goberno no exilio (que durou ata 1990), primeiro en París e logo en Londres. 400.000 polacos loitaron no lado do Exército Roxo e 200.000 na fronte occidental mandados polo goberno do exilio e encadrados en divisións británicas.
Cando os alemáns descubriron as fosas de Katyn onde miles de oficiais polacos foran asasinados polos soviéticos. O goberno polaco no exilio esixiu a investigación da Cruz Vermella. A Unión Soviética cortou entón relacións co goberno polaco.
En xullo de 1944 os soviéticos conquistaron o leste polaco e estableceron en Lublin o "Comité Polaco de Liberación Nacional". Durante a guerra 6 millóns de polacos foron asasinados polos alemáns, 2,5 millóns deportados a Alemaña a campos de traballos forzados, 3 millóns de xudeus polacos foron asasinados en campos de exterminio (ver Holocausto), nos guetos ou por enfermidades nos guetos. Outro medio millón de polacos foron deportados ó gulag.
Trala guerra, a Silesia alemá, Pomerania e parte de Prusia, xunto con Danzig foron dadas á nova Polonia. Oito millóns de alemáns foron expulsados dos seus fogares e recolocados en Alemaña. Medio millón de alemáns morrerían nos vindeiros anos nos campos de traballos forzados do goberno comunista polaco (Lambinowice).
República Popular de Polonia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: República Popular de Polonia.
Nunhas eleccións controladas polo Partido Polaco dos Traballadores Unidos (PZPR), os comunistas acadaron o poder. Era o ano 1947, o mesmo partido non perdería o poder ata 1989.
En outubro de 1978 Xoán Paulo II converteríase no primeiro Papa polaco. O 1 de xullo de 1980, a billonaria débeda do goberno polaco, levouno a subi-lo prezo da comida. As folgas subsecuentes paralizaron durante o verán as minas de carbón en Silesia. O 31 de agosto de 1980, os traballadores asinaron un acordo de 21 puntos co goberno comunista. O máis importante era o dereito dos traballadores a formar sindicatos á marxe do goberno comunista.
Nos estaleiros de Danzig (Gdansk en polaco), fundouse o sindicato Solidariedade, dirixido por Lech Walesa. Sería a punta de lanza dun amplo movemento anticomunista que abranguía dende a Igrexa católica polaca (quen contaban cun grande aliado no Vaticano) ata sectores esquerdistas prodemocráticos. O goberno cada vez perdía influencia.
Trala desfeita do PZPR e o descubrimento da corrupción e enriquecemento persoal dos dirixentes do partido. O descontento conta os comunistas aumentou en Polonia e outros países. A Unión Soviética incrementou notablemente as posicións do seu exército na fronteira polaca (1980). En 1981 o xeneral Wojciech Jaruzelski é elixido Primeiro Secretario do PZPR. Entre o 12 e o 13 de decembro ordena arrestar ós principais membros de Solidariedade e declara a lei marcial. Esta duraría dous anos. Ata 1986 non sería liberada a meirande parte dos influentes dirixentes de Solidariedade.
Transición e democracia
[editar | editar a fonte]En 1989 as Conversacións da Mesa Redonda, entre Solidariedade e o goberno comunista deron lugar a unhas eleccións semi-libres das que Lech Walesa sairía presidente. Este feito desencadearía o colapso das ditaduras comunistas de Europa oriental (ver Guerra fría).
Tras 1989 Polonia adopta a democracia como sistema de goberno e o capitalismo como sistema económico. Ingresa na OTAN e na UE.