Ifigenia (novela de 1924)
Ifigenia (novela de 1924) | |
---|---|
Autor/a | Teresa de la Parra |
Orixe | Venezuela |
Lingua | lingua castelá |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ifigenia, diario de una señorita que escribió porque se fastidiaba, é a primeira novela da escritora venezolana Teresa de la Parra, editada en 1924.[1]
Argumento
[editar | editar a fonte]Protagonízaa unha moza duns 18 anos, María Eugenia Alonso, quen recentemente volveu a Caracas despois dunha longa estadía en Europa, o que producirá un choque entre os dous mundos que se contapoñen na novela, por unha banda o dos seus soños e o que viviu no Vello Continente, e por outra o das condutas tradicionais e o matrimonio amañado.[2] Descobre que xa non ten herdanza, e así ten que vivir na casa da súa avoa e buscar un bo matrimonio. Tres meses despois da morte do seu pai, María Eugenia vese obrigada a regresar a Venezuela dende París, onde pasara o tempo gastando en moda e libros. Ao chegar, é recibida polo seu tío Eduardo, a súa esposa María Antonieta e os seus tres fillos. Toda a familia cáusalle moito desgusto a María Eugenia, pero pronto regresa á casa da súa Avoíña.[3]
Un día, a avoa coméntalle que a herdanza, unha leira, xa non lle pertence. O seu tío Eduardo herdouna. Despois, o seu tío Pancho explica que o seu pai lla encargou a Eduardo cando se foi a Francia e deixouno como único administrador. O seu pai gastouse todo o seu diñeiro en Europa, pero Eduardo enganouno, polo que ao morrer, pareceu que o gastou absolutamente todo, incluíndo a herdanza da súa filla. Con todo, Pancho di que sospeita que tres cuartas partes da facenda son súas e que estas foron roubadas por Eduardo, pero que non hai maneira de rescatalas. A Avoíña, mentres tanto, nega firmemente calquera dúbida que haxa sobre o seu fillo e hónrao dicindo que é o único fillo que si vive de acordo a unha boa moral. Ademais, critica a María Eugenia quen regresou de Europa con ideas demasiado libertinas e quen se xunta, por mor do seu tío Pancho, con Mercedes Galindo, quen tamén apoia eses pensamentos parisienses.
O tío Pancho e Mercedes preséntanlle a Gabriel quen, ao principio, non lle parece moi atractivo a María Eugenia, pero ao final termina namorándose del. Despois dun altercado con Avoa e a súa tía Clara, ela vaise cos seus amigos e, ao regresar, a súa avoa dille que se irán á facenda de tío Eduardo un tempo para que ela "aprenda a querer á súa familia". Fano e, co tempo, a reclusión da sociedade fai que María Eugenia empece a querer aos seus curmáns e deixe algunhas das súas ideas libertinas. Pronto escoita que Gabriel casou e ela queda abatida.[4]
Pasan dous anos e María Eugenia comeza a escribir o seu diario de novo, no que di que xa deixou atrás eses pensamentos de liberdade: agora aprendeu a cociñar, a tecer, senta "como señorita", xa non ten conversacións coa súa serventa negra e, ademais, ten noivo. Chámase César Leal e coñeceuno porque a súa avoa permitiulle asomarse á xanela despois dos dous anos de loito que tivo polo seu pai. Ao facelo, chamou a atención do mozo quen xa abandonara a outras noivas, pero que parecía decidido con María Eugenia. Ela acepta casar con el, pero durante o compromiso descobre que quere controlar cada aspecto da súa vida: non pode maquillarse nin ter o pelo curto nin ir bailar nin ao teatro nin usar escote nin pedir cousas de Francia nin ler (porque o seu prometido cre que as mulleres teñen cabeza só para adornar e non para ser usada, senón para que compraza aos homes e saiba procesar as súas ordes)... Ela acepta todas as limitacións e empeza a censurarse mesmo na maneira na que fala.
De súpeto, o tío Pancho enférmase gravemente o cal causa que Gabriel visíteo no hospital. Alí, vólvese a atopar con María Eugenia e confésalle o seu amor. Dille que non é feliz coa súa esposa e que nin sequera vive con ela. María Eugenia non sabe como sentirse e pasa uns días evadindo como pode a Gabriel. Aínda que se miran no hospital, nunca poden falar porque sempre hai outros presentes. Finalmente, morre o tío Pancho e no seu leito de morte eles bícanse. Gabriel mándalle unha carta esa mesma noite dicíndolle que se escapen e que ás 5 da mañá esperaraa nun carro para irse a Nova York dicindo ser recentemente casados e logo irse a Francia en segredo. Ela empaca as súas maletas e vaise a esperar a media noite, pero tía Clara descóbrea. María Eugenia dille que quería ir a misa moi temperán e que, ao darse conta que era media noite, decidiu esperar no celeiro. Tía Clara diríxea de regreso á casa. Ás tres da mañá, María Eugenia chama a César Leal para dicirlle que xa non se quere casar, pero o medo impídello e el dille que o loito non é suficiente causa para atrasar un matrimonio e que casarán en oito días. Ela acepta e, desanimada, escribe unha carta a Gabriel onde di que a súa carta a partiu en pedacitos e que está indignada de que propoña tal cousa. Declara estar namorada de César Leal. A serventa, Georgina, vai deixar a carta e Gabriel mándalle a dicir a María Eugenia que se vai a Nova York para nunca regresar a Venezuela, pero que sabe que o que escribiu na súa carta é mentira. O día seguinte, chega o vestido de noiva de María Eugenia, pero ela, cansada fisicamente (con olleiras) e emocionalmente, dille á súa tía Clara que non o quere probar nese momento.
O libro remata explicando que na mitoloxía grega houbo unha Ifigenia que se tivo que sacrificar polo ben dos homes e porque os deuses requiríano. Debemos asumir que isto mesmo está a facer María Eugenia.
Crítica e recepción
[editar | editar a fonte]Máis alá da valoración literaria da novela Ifigenia e do legado narrativo da súa autora, a obra representa a testemuña dunha época, na que se recolle a imaxe dunha parte da muller na sociedade venezolana dos anos vinte, pero tamén visto con ollos femininos.[2]
Ifigenia marcou un cambio na literatura venezolana. A obra é un retrato da sociedade caraqueña de principios do século XX. As estritas normas morais están representadas na novela no personaxe da Avoa. A personalidade ambiciosa, común nesa época debida á corrupción na administración, aparece representada no personaxe de Tío Pancho. Ademais de ser unha dura crítica da sociedade, Ifigenia é unha obra chea de ritmo, con descricións moi detalladas.
A obra supuxo graves problemas para a súa autora xa que o entón ditador venezolano Juan Vicente Gómez decidiu negarlle calquera tipo de subvención para publicar a novela. Da Parra decidiu entón trasladarse a París.[1]
Adaptacións
[editar | editar a fonte]Unha versión para a televisión desta obra (con guión de Salvador Garmendia, Mariela Romeu e Norberto Díaz Selectos) foi filmada por Venezolana de Televisión en 1979[5], con Amanda Gutiérrez, Leopoldo Regnault e Daniel Lugo nos roles principais. Doutra banda o cineasta venezolano Iván Feo rodou, en 1986, unha película homónima.[6]
En 2008, a canle privada RCTV preparou e transmitiu unha nova versión da man do escritor Martín Hahn, protagonizada por Marianela González e Hugo Vásquez, titulada Ninguén me dirá como quererche a cal, ao contrario das anteriores, foi ambientada na época contemporánea.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 lecturalia.com. "Ifigenia - Teresa de la Parra". Lecturalia (en castelán). Consultado o 2019-11-04.
- ↑ 2,0 2,1 Rodríguez, Froilán José Ramos (2016). "Teresa de la Parra e "Ifigenia" (1924): mujer y escritura". Folios: revista de la Facultad de Humanidades (43): 3–15. ISSN 0123-4870.
- ↑ Guerra de Avellaneda, Grisel (2009-05-27). "Ifigenia: la casa encerrada de una sociedad pacata. Reconfiguración social de la Venezuela de comienzos del siglo XX en los espacios de la novela de Teresa de la Parra". Nuevo Mundo Mundos Nuevos. Nouveaux mondes mondes nouveaux - Novo Mundo Mundos Novos - New world New worlds (en castelán). ISSN 1626-0252. doi:10.4000/nuevomundo.56138.
- ↑ Profeballa (miércoles, julio 03, 2013). "Venezuela y su historia: Reseña sobre "Ifigenia" de Teresa de la Parra". Venezuela y su historia. Consultado o 2019-11-04.
- ↑ Marin, Ana Teresa Delgado de (2019-01-03). "Novela “Ifigenia” de Teresa de la Parra, desde este lunes 7 de enero a través de la emisora 90.7 FM “Pacifica”". Sitara Magazine (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2019. Consultado o 2019-11-04.
- ↑ "Ifigenia, la película". Consultado o 2019-11-04.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ensayo sobre Ifigenia en Analítica
- "Mujer y espacio urbano en Ifigenia" Ensayo de Elena González-Muntaner en La ciudad en la literatura y el cine: Aspectos de la representación de la ciudad en la producción literaria y cinematográfica en español. Eds. Santiago Juan-Navarro y Joan Torres-Pou. Barcelona: Promociones y Publicaciones Universitarias, 2009.
- Teresa de la Parra e Ifigenia (1924): Mujer y escritura Arquivado 04 de novembro de 2019 en Wayback Machine.
- Confesión de rebeldía y sacrificio: Notas sobre Ifigenia, de Teresa de la Parra