Illa de San Borondón
A illa de San Borondón é unha suposta illa atlántica cuxa existencia se afirma nunha lenda popular das Illas Canarias (España), que trata sobre unha illa que aparece e desaparece desde hai varios séculos, con orixe no periplo lendario de San Brandán de Clonfert («San Borondón»). Este mito ten orixe nos autores da Grecia clásica, e coñécese en Europa como «illa de San Brandán» desde a súa plasmación polos cartógrafos medievais, pero nas Canarias a tradición foi adoptada con entusiasmo, e adaptada, até no nome, á idiosincrasia nacional propia.[1] Debido ás súas características e comportamentos estraños, como o aparecer e desaparecer ou esconderse tras unha espesa capa de néboa ou nubes, foi chamada «a Inaccesible», «a Non Trubada», «a Encuberta», «a Perdida», «a Encantada» e algún apelativo máis.[2]
A existencia real da illa dábase por posible no século XV, polo que é mencionada nos tratados internacionais da época. Así, o Tratado de Alcaçovas, subscrito entre España e Portugal en 1479 para repartirse territorialmente o Atlántico aínda por navegar, especificaba claramente que San Borondón («aínda por gañar») pertencía ao Arquipélago Canario.[1] A baía de Samborombón (Provincia de Buenos Aires, Arxentina) foi nomeada de tal modo durante a expedición de Magallanes en marzo de 1520, na crenza de que fora formada polo desprendemento da illa de San Borondón do continente americano.
Xeografía do mito
[editar | editar a fonte]Posición e configuración
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f7/Guillaume_Delisle_North_West_Africa_1707.jpg/250px-Guillaume_Delisle_North_West_Africa_1707.jpg)
Leonardo Torriani, enxeñeiro encargado por Filipe II para fortificar as Illas Canarias a finais do século XVI, describe as súas dimensións e localización e achega como proba da súa existencia as arribadas fortuítas dalgúns mariños ao longo dese século.
Esta illa localizaríase ao oeste do arquipélago, a 550 km en dirección oeste-noroeste do Hierro e a 220 km en dirección oeste-suroeste da Palma, aínda que segundo outras «testemuñas» que din tela visto, sitúase directamente entre as illas da Palma, A Gomera e O Hierro.[3]
San Borondón mediría 480 km de longo (de norte a sur) e 155 km de ancho (de leste a oeste), formando cara ao medio unha considerable concavidade e elevándose polos lados en dúas montañas moi eminentes, sendo a maior delas a da parte setentrional.[3]
Cartografía na que aparece representada
[editar | editar a fonte]Abundan as representacións cartográficas nas que, a través do discorrer dos séculos, aparece San Borondón. Sen ser exhaustivos, poden citarse:[4][5]
- Hereford Mappa Mundi, (Mapamundi de Hereford), de Richard de Haldinghan (finais do século XIII) [1]
- Ebstorfer Weltkarte (Planisferio alemán de Ebstorf ), coa inscrición "Illa Perdida. San Brandán descubriuna pero ninguén a atopou desde entón" (finais do século XIII)
- Carta de Pinciano (1367)[5]
- Mapa anconitano de Weimar (1424)[5]
- Carta náutica de Beccario (1435)[6]
- Mappamondo di Fra Mauro (Mapamundi de Fra Mauro )(1457)
- Mapa de la isla de San Borondón de Leonardo Torriani (1590)[7]
- L'Afrique, dressée sur les observations de Mrs de l'Académie... [8] de Guillaume Delisle (1700) [2]
- Delineacións de Juan Smalley (1730)[9]
- Planos de Próspero Casola (século XVIII)[10]
- Cartes en couleur de Gautier D'Agoty (1755)[11]
A procura de San Borondón
[editar | editar a fonte]Hai relatos desde hai séculos que narran a aparición da illa, a súa visión por moitas testemuñas e a súa posterior desaparición, mentres que outras persoas atribúen a estraña aparición a algunha acumulación de nubes no horizonte ou a un fenómeno de espellismo.
Expedicións navais
[editar | editar a fonte]A lenda de San Borondón chegou a adquirir tal forza nas Canarias que durante os séculos XVI, XVII e XVIII se organizaron expedicións de exploración para descubrila e conquistala. Entre elas poden enumerarse:
- Finais do século XV: Fernando de Viseu, sobriño do Infante Don Enrique o Navegante de Portugal.[4]
- 1526: Hernando de Troia e Francisco Álvarez, veciños de Gran Canaria.[4]
- 1570:
- 3 de abril: Hernán Pérez de Grao, rexente da Real Audiencia das Canarias; afirma ao seu regreso ter estado nas súas costas e perder alí a parte dos seus tripulantes.[4]
- Pedro Vello, piloto portugués, relata como preto das Canarias tivo que cambiar o seu rumbo para refuxiarse do vento e atopouse con San Borondón. Desembarcou na illa xunto con outros dous tripulantes, que debeu abandonar nela porque o vento aumentou e obrigouno a retirarse con présa.[1]
- Fernando Villalobos, rexedor da Palma, con tres navíos.[4]
- Alonso de Espinosa, gobernador do Hierro.[4]
- 1604: Gaspar Pérez de Acosta e Frei Lorenzo de Pinedo, franciscano e mariñeiro; só achan unha acumulación de nubes e celaxes no horizonte.[4]
- 1721: Gaspar Domínguez, capitán de mar e veciño de Santa Cruz de Tenerife, cunha balandra no que foi a última expedición oficial, por encargo de Juan Mur e Aguirre, Capitán Xeneral das Canarias.[4]
Avistamentos recentes
[editar | editar a fonte]En 1953, o diario ABC titulaba: «Foi vista outra vez a misteriosa “Illa Sirena”, ao noroeste da do Hierro (Canarias)»[12], e en 1958, no mesmo diario: «A Illa errante de San Borondón foi fotografada por primeira vez».[13][1] Non obstante, ningún mapamundi actual nin foto de satélite avala a existencia real desta illa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Merino, Roberto (20 de marzo de 2011). "Larga vida a San Borondón". ABC. Consultado o 25 de marzo de 2011.
- ↑ "San Borondón, la isla fantasma.". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2013. Consultado o 09 de febreiro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 Historia General de las Islas Canarias, Viera Clavijo, Imprenta de Blas Román, Madrid (1772)
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 San Borondón, la isla descubierta, Tarek Ode y David Olivera, Litografía Trujillo, La Laguna (Tenerife) (2004), ISBN 84-609-3640-6
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Sabas, Martín (2007). Ínsula de Babel (1a. ed.). Santa Cruz de Tenerife: Idea. ISBN 9788483821619.
- ↑ Codazzi, Angela (1970). "BECCARIO, Battista". Dizionario Biografico degli Italiani 7.
- ↑ Torriani, Leonardo (1959). "CAPITULO I: De la isla Antilia o de San Borondón, que no se halla". Descripción e historia del reino de las Islas Canarias:antes Afortunadas, con el parecer de sus fortificaciones (PDF) (en castelán). Santa Cruz de Tenerife: Goya. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de maio de 2020. Consultado o 12 de abril de 2018.
- ↑ "L'Afrique, dressée sur les observations de Mrs de l'Académie royale des ...". Gallica. Consultado o 11 abril 2018.
- ↑ Poggio Capote, Manuel; Regueira Benítez, Luís (2009). La isla perdida : memorias de San Borondón desde La Palma. Cartas diferentes. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2018. Consultado o 12 de abril de 2018.
- ↑ Tous Meliá, Juan (2000). Visita de las yslas y reyno de la Gran Canara.. hecha por Yñigo Briçuela Hurbina [estudio crítico]. Ministerio de Defensa, Museo Militar Regional de del Centro de Historia y Cultura militar de Canarias.
- ↑ Gautier-Dagoty, Jacques-Fabien (1756). "Mer Atlantique Occidentale". Cartes en couleur des lieux sujets aux tremblements de terre dans toutes les parties du monde selon les sistème de l'impulsion solaire.
- ↑ "Ha sido vista otra vez la misteriosa "isla sirena" al nor-oeste de la de Hierro". ABC (en castelán). 1 setembro 1953.
- ↑ "La isla errrante de San Borondon ha sido fotografiada por primera vez". ABC (en castelán). 10 agosto 1958.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illa de San Borondón |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Brandán
- Illa de San Brandán
- Baía de Samborombón
- Mapamundi de Ebstorf
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Poggio Capote, Manuel; Regueira Benítez, Luís (2009). La isla perdida : memorias de San Borondón desde La Palma. Cartas diferentes. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2018. Consultado o 12 de abril de 2018.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La isla descubierta, exposición itinerante inaugurada o 14 de xaneiro de 2005 en Santa Cruz de Tenerife, con investigación, material orixinal e reconstrucións sobre unha suposta viaxe a San Borondón realizada en 1865. A exposición foi, en realidade, unha ficción artística sobre o mito.(en castelán)
- San Borondón en Rincones del Atlántico (en castelán)