Incunable
Un incunábel ou incunable[1] (do latín incunabŭla ‘cueiros’), tamén escrito incunábulo[2] ou incunabula en plural,[3] é un libro impreso nos primeiros tempos da imprenta con letras (tipos) móbiles. A popularización da prensa comezou a notarse de 1450 en diante, con Gutenberg. O termo refírese a obras impresas entre 1455, data aproximada de publicación da Biblia de Gutenberg, até 1500.[4] Estas obras imitaban libros manuscritos. Así, pasaron 50 anos para que o libro impreso tivese características propias, abandonando aos poucos as características dos libros anteriores, como os manuscritos iluminados.[5]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A súa orixe provén de incunabŭla ‘cueiros’[6] á súa vez derivado da expresión latina in cuna (no berce), referíndose así ao berce da tipografía.[5]
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro uso rexistrado do termo foi nun panfleto de Bernhard von Mallinckrodt, De ortu et progressu artis typographicae (Do éxito e do progreso das artes tipográficas),[7] publicado en Colonia en 1639, que inclúe a frase prima typographicae incunabula (primeira infancia da tipografía), que el, arbitrariamente, deu por rematada en 1500, data que permanece como convención. Con todo, é habitual falar tamén de "incunables" de todo o século XVI.
Materiais e características
[editar | editar a fonte]Un de cada dez foron ilustrados con gravados feitos en madeira ou metal. Outros tiñan a letra inicial do capítulo manuscrita artísticamente despois da impresión. O incunable máis común, Liber Chronicarum (tamén coñecido como Crónica de Núremberg de Schedel) de 1493, do que quedan 1250 exemplares, tamén é un dos máis ilustrados. De varios só queda un exemplar e de media quedan 18 exemplares de cada un. Da Biblia de Gutenberg, a primeira e sen dúbida a máis famosa e valiosa dos incunables, quedan 48 copias coñecidas (noutras versións 49).
Idiomas
[editar | editar a fonte]Hai incunables en dezaoito linguas, en orde decrecente: latín, alemán (alto alemán medio), italiano (italiano medio), francés(francés medio, moyen français), neerlandés (middelnederlands), castelán (castelán medieval), inglés medio, hebreo (lingua hebraica medieval), catalán (catalán medieval), checo (checo antigo), grego (grego medieval), eslavo eclesiástico antigo, galego-portugués, sueco (sueco antigo), bretón (bretón medio), danés (danés medio), frisón (frisio medio) e sardo (sardo logudorese e sardo campidanese).
Identificación
[editar | editar a fonte]Os tipógrafos máis coñecidos desta época son Albrecht Pfister (Bamberg), Günther Zainer (Augsburgo), Jean Neumeister (Albi), Johannes Mentelin (Estrasburgo), William Caxton (Bruxas), Michael Furter (Basilea) e Henri Mayer (Toulouse). Identificáronse ao redor de mil tipógrafos e os seus respectivos libros, pero ao redor de 150 aínda non foron identificados, denomínanse tipógrafo de libro... Como a maioría dos libros nin sequera contiñan o nome, data ou cidade, a identificación realízase estudando as fontes utilizadas, as características do papel e as posibles marcas de auga. A dixitalización das coleccións facilitou moito a comparación de edicións, xa que o alto valor histórico e mesmo monetario dos libros dificulta o transporte e o acceso a eles.
Cantidade e localización
[editar | editar a fonte]Coñécense ao redor de vinte e oito mil títulos, a maioría usando letras góticas. Os estudosos adoitan clasificar os incunables polas características da letra, que fai referencia ao tipógrafo e á súa localización xeográfica.
A maioría atópanse en museos e coleccións de Europa, onde foron producidos. Algunhas coleccións foron adquiridas por museos e coleccionistas dos Estados Unidos e Asia, especialmente Xapón.
Galiza e lusofonía
[editar | editar a fonte]A imprenta chegou ao reino de Galiza uns trinta e cinco anos despois da invención por Gutenberg. Inicialmente, a maioría dos impresos eran de carácter relixioso e a Igrexa constituía o principal cliente destas publicacións. Os primeiros centros de produción de incunables en Galiza localizáronse en Ourense, Monterrei, Mondoñedo e Santiago de Compostela, sendo esta a única cidade galega que mantivo obradoiros tipográficos de maneira continuada até o século XIX. O Breviario auriense, conservado na Catedral de Ourense, considérase a primeira obra impresa en Galiza, estimando a súa creación entre 1485 e 1490.[8] Outros dos primeiros incunables galegos recoñecidos son o Missale Auriense, impreso en 1494 en Monterrei[9] e un fragmento excepcional do Misal compostelano de 1495, recuperado recentemente, que achega información sobre a vida eclesiástica antes do Concilio de Trento.[8]
No reino de Portugal, a imprenta chegou tamén a finais do século XV. O primeiro libro impreso coñecido en Portugal foi en Faro no ano 1487, o Pentateuco, significativo tanto pola súa temática relixiosa como polo papel da comunidade xudía na introdución da imprenta.[10][11] Lisboa e o Porto establecéronse como centros de impresión.
Un dos primeiros libros impresos en galego-portugués é o Vita Christi de Ludolfo da Saxónia,[12] impreso en 1495 por Valentim Fernandes de Morávia. Esta obra combina a vida de Cristo con meditacións e comentarios. A elección do galego-portugués, en vez da habitual lingua latina, exhibe o status da lingua naquela época, onde a diversidade lingüística se comezaba a reflectir, e foi financiada pola rainha D.ª Lionor de Viseu, viúva do rei D. Xoán II.
Outros exemplos son o Tratado de Confissom impreso en 1489, que desde a súa descuberta na década de 1960 é o incunable máis antigo en galego-portugués (e por tanto tamén o primeiro libro impreso en lingua galega e en lingua portuguesa), e as "Constituições que fez o Senhor Dom Diogo de Sousa, Bispo do Porto", publicadas en 1497, por Rodrigo Álvares no Porto.
Co tempo, diversas institucións en Galicia e Portugal teñen adquirido e preservado incunables para estudo, investigación e conservación.[13] En Portugal, a Biblioteca Nacional posúe unha colección substancial que inclúe moitos dos primeiros incunables impresos no país e en galego-portugués.
Os exemplos coñecidos no Brasil derivan na súa maioría da chegada da familia real portuguesa en 1808, e atópanse na Biblioteca Nacional do Brasil, no Río de Xaneiro. Outros foron levados por congregacións relixiosas, como os seis exemplares da Biblioteca do Mosteiro de São Bento (1598), ou adquiridos a particulares, como os nove exemplares da Biblioteca Mário de Andrade, tamén de São Paulo.[14]
-
Produción de libros impresos por cidade até 1500
-
Proporción de libros impresos no século XV por lingua
-
Proporción de libros impresos no século XV por rexións
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-28.
- ↑ "ÁREA DE FILOLOXÍAS GALEGA E PORTUGUESA - Presentación". yumpu.com. Consultado o 2024-12-28.
- ↑ Do mesmo xeito que a forma plural latina curricula (plural de curriculum), é pouco utilizada, só en contextos que manteñen unha certa formalidade ou como tecnicismo, e non leva acento gráfico.
- ↑ "Biblioteca Nacional Portuguesa". Arquivado dende o orixinal o 2007-04-07. Consultado o 2007-03-26.
- ↑ 5,0 5,1 "INCUNÁBULO - Definição e sinônimos de incunábulo no dicionário português" (en portugués). Consultado o 2024-07-16.
- ↑ "incunable". DiGalego; digalego.xunta.gal. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ Mallinckrodt, Bernhard (1640). De ortu ac progressu artis typographicæ dissertatio historica, in qua praeter alia pleraque ad calcographices negocium spectantia de auctoribus et loco inuentionis praecipuè inquiritur, proque Moguntinis contra Harlemenses concluditur: a Bernardo a Mallinkrot ..
- ↑ 8,0 8,1 Hernández, Silvia (2011-08-19). "Los verdaderos incunables gallegos". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2024-12-28.
- ↑ "O ‘Missale Auriense’, 530 anos dun dos libros impresos máis antigos de Galicia". Real Academia Galega. 2024-02-01. Consultado o 2024-12-28.
- ↑ "Gacon, Samuel: O primeiro livro impresso em Portugal veio do prelo de Samuel Gacon, em Faro.". tipografos.net. Consultado o 2024-12-28.
- ↑ "Judeus em Portugal" (en portugués). 2024-11-13.
- ↑ O título en latín coincide co Vita Christi de Isabel de Villena, un dos primeiros textos devocionais escritos por unha muller na Península Ibérica, pero son dúas obras distintas.
- ↑ "Fondo Incunables de Abanca". biblioteca.galiciana.gal.
- ↑ "Biblioteca Mário de Andrade". Arquivado dende o orixinal o 29 de fevereiro de 2008. Consultado o 25 de dezembro de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Incunable |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Incunable |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- (en latín) Bernhard von Mallinckrodt, De ortu et progressu artis typographicae (Do éxito e progreso das artes tipográficas), Colonia - 1639.
- L. Hain, con versión revisada por W. Copinger e D. Reichling, Repertorium bibliographicum. c. primeira metade do século XIX.
- (en alemán) Gesamtkatalog der Wiegendrucke - O máis completo catálogo de incunables.