Inokentii Lototskyi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de novembro de 1915 Stari Petlykivtsi, Ucraína (en) |
Morte | 4 de xullo de 2013 (97 anos) Chicago, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | Saint Nicholas Ukrainian Catholic Cemetery (en) |
2º Bispo diocesano | |
22 de decembro de 1980 – 2 de xullo de 1993 ← Jaroslav Gabro (pt) – Michael Wiwchar → Diocese: Eparquía de San Nicolás de Chicago | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica e Igrexa católica bizantina ucraína |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1981–), sacerdote católico (1940–) |
Consagración | Yosyf Slipyi |
Inokentii Iliarii Lototskyi (en ucraíno: Інокентій Ілярій Лотоцький), nado en Stari Petlykivtsi (distrito de Buchach, Ucraína) o 3 de novembro de 1915 e finado en Chicago o 4 de xullo de 2013, foi un relixioso grecocatólico ucraíno, bispo de San Nicolao de Chicago entre 1980 e 1993.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu o 3 de novembro de 1915 en Stari Petlykivtsi, entón no Reino de Galicia e Lodomeria.[1] Logo de rematar os estudos na súa vila natal, trasladouse a Buchach ao Instituto Misioneiro de San Xosafat dependente do mosteiro basiliano de Buchach, do que graduouse en 1932. Ao rematar os seus estudos entrou no novizado basiliano de Krekhiv, tomando o nome de "Inokentii". Completou o novizado en 1934 facendo os primeiros votos alí, e continuou a súa formación relixiosa en Lavriv, preto de Starii Sambir. Entre 1936 e 1937 estudou retórica en Dobromyl, onde fixo os votos solemnes o 8 de agosto de 1937. Posteriormente estudou filosofía até 1939 en Krystynopil.
Co estoupido da segunda guerra mundial, profesores e estudantes de teoloxía trasladáronse a Olomouc (Checoslovaquia), onde Lototskyi foi ordenado sacerdote o 24 de novembro de 1940 por Pavel Peter Gojdič.[1] Permaneceu en Olomouc até xaneiro de 1941, cando trasladouse a Viena para ampliar os seus estudos teolóxicos.[1]
En novembro de 1946 trasladouse a Bélxica, exercendo o seu ministerio entre a diáspora ucraína,[1] e a finais de ano trasladouse aos Estados Unidos de América,[1] onde foi mestre e abade até 1951 en Filadelfia. Entre 1951 e 1953 foi profesor en Nova York para a provincia basiliana de América, e posteriormente até 1958 párroco da Igrexa de San Xurxo en Manhattan.[1] En 1958 pasou a ser mestre de novizos en Glen Cove,[1] e en xaneiro de 1960 abade do mosteiro basiliano de Chicago.[1] A partir de novembro de 1961 foi párroco da igrexa de San Nicolao, e o 1 de agosto de 1962 foi trasladado como abade e párroco á igrexa da Inmaculada Concepción de Hamtramck.[1]
O 22 de decembro de 1980 foi nomeado por Xoán Paulo II bispo de San Nicolao de Chicago. Foi consagrado bispo o 1 de marzo de 1981 en Roma por Yosyf Slipyi.[1]
Permaneceu no cargo até que lle foi aceptada a renuncia por razón de idade o 2 de xullo de 1993. Foi ingresado por problemas respiratorios o 29 de xuño de 2013 no Presence Saints Mary and Elizabeth Medical Center de Chicago, onde finou o 4 de xullo.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Volodymyr Kubiiovych, Danylo Huzar-Struk, ed. (1993). "Lotocky, Innocent". Encyclopedia of Ukraine (en inglés) 3. University of Toronto Press. p. 191. ISBN 9780802033628.
- ↑ "Bishop Innocent Lotocky, OSBM has passed away". Ukrainian Catholic Eparchy of Edmonton (en inglés). 8 de xullo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 07/05/2019. Consultado o 7/05/2019.