Instituto de Medicina Legal de Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Instituto de Medicina Legal de Galicia | |
---|---|
Tipo | organización |
Data de fundación | 2006 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
Na rede | |
https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/xustiza/imelga | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) é un órgano da Administración de Xustiza en Galicia, que ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense. Esta organización, integrada polos médicos forenses e persoal técnico e auxiliar, ten a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados, ademais de nesta cidade, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
O IMELGA foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, da Xunta de Galicia[1]e, en virtude de Orde do 23 de marzo de 2006, entrou en funcionamento.
Nas súas funcións técnicas o Instituto actúa con carácter independente e sometido unicamente ás regras de investigación científica.
Funcións
[editar | editar a fonte]A investigación medicolegal en todos os casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade é a función máis coñecida dos médicos forenses, malia que tamén é recoñecida a súa intervención no control periódico da evolución dos lesionados e a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como a asistencia e vixilancia facultativa das persoas detidas.
Ademais desta vertente máis salientada, as súas funcións comprenden o estudo e a emisión dos informes que lle sexan requiridos polas autoridades xudiciais e fiscais en todos os aspectos medicolegais. Tamén constitúe o seu labor a emisión de informes previstos na normativa sobre o Rexistro Civil (sobre a idade ou sobre o sexo das persoas implicadas en expedientes gobernativos, sobre a causa da morte etc.).
No seo do IMELGA estas actividades organizaranse a través do Servizo de Patoloxía Forense (medicina forense de mortos) e do Servizo de Clínica Médico-forense (medicina forense de vivos).
Alén disto e dentro dunha concepción ampla da saúde, a intervención de psicólogos no Servizo de Clínica garante o estudo, avaliación e informe dos aspectos da súa disciplina profesional.
Por último, cómpre destacar que tamén se encadra na misión deste centro a formación e especialización dos médicos forenses e do persoal técnico do Instituto.
O persoal médico forense
[editar | editar a fonte]O persoal médico forense consta de funcionarios que constitúen un corpo nacional de tituladas e titulados superiores ao servizo da Administración de xustiza. Para o acceso a este corpo esíxese estar en posesión da licenciatura en medicina.
O persoal médico forense destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia depende do director do Instituto e no curso das actuacións procesuais están ás ordes das autoridades xudiciais e fiscais, pero emiten os seus ditames médicos con plena independencia e baixo criterios estritamente científicos.
Organización territorial
[editar | editar a fonte]O Instituto estrutúrase en sete subdireccións territoriais, cada unha delas coas súas respectivas áreas de patoloxía forense e de clínica medicolegal.
O ámbito territorial das subdireccións é o seguinte:
- Subdirección territorial da Coruña, cuxo ámbito de actuación comprende os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.
- Subdirección territorial do Ferrol, que comprende os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.
- Subdirección territorial de Santiago de Compostela, para os partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.
- Subdirección territorial de Lugo, con ámbito de actuación en toda a provincia.
- Subdirección territorial de Ourense, tamén con ámbito provincial.
- Subdirección territorial de Pontevedra, cuxo ámbito de actuación son os partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
- Subdirección territorial de Vigo , que comprende os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño e Tui.
A Dirección do Instituto de Medicina Legal
[editar | editar a fonte]Para acadar a necesaria uniformidade e coordinación o Instituto de Medicina Legal de Galicia está dotado dun órgano central, a Dirección.
A esta corresponderalle realizar os labores de organización, planificación e control do funcionamento dos sete centros de traballo.
Este órgano sitúase en Santiago de Compostela, cidade na que a institución ten a súa sede oficial.
Compoñen a Dirección o director, quen, ademais das súas funcións directivas e de representación, asume a xestión operativa da subdirección no centro de Compostela, e o Consello de Dirección (integrado polo director, os subdirectores territoriais, os xefes de servizo, e representantes do persoal), ao que lle corresponde aprobar as directrices técnicas e os protocolos xerais de actuación dos servizos.
Ocupa o cargo de director o Dr. Benito López de Abajo.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Decreto 119/2005 polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia
- ↑ Os segredos dos corpos Arquivado 31 de maio de 2020 en Wayback Machine., Galicia Hoxe, 21/02/2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- R.D. 386/1996, Regulamento dos Institutos de Medicina Legal.
- R.D. 862/1998, Regulamento do Instituto de Toxicoloxía.
- R.D. 296/1996, Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses, corrección de erros e modificación.
- Orde do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos.