Saltar ao contido

Intermedio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Intermedio durante unha representación de Lebedinoe ozero (en galego, O lago dos cisnes).

Un intermedio ou intervalo é unha interrupción entre dúas representacións ou sesións, en eventos como unha obra de teatro, unha ópera ou un concerto de música. Ás veces tamén hai unha interrupción na exhibición dunha película, especialmente se é moi longa. Unha obra ou ópera pode ter varios intermedios, dependendo da súa duración.

Orixinalmente pensadas como descanso para actores ou locutores, os intermedios tamén son unha oportunidade para que o público poida socializar, consumir merendas ou usar os baños. A miúdo dálle ao público a oportunidade de mercar produtos relacionados co espectáculo como CD, programas de alta calidade, impresións artísticas e/ou fotográficas e outra parafernalia.

En ópera, e especialmente en zarzuela, denomínase intermedio ó intermezzo, número musical curto que se realiza, a telón pechado, durante un cambio de escena, ou como preludio dun acto distinto ao primeiro: famosos intermedios son, por exemplo, o de La leyenda del beso ou o de La boda de Luis Alonso.

Os intermedios ou entreactos adoitan durar entre 15 e 20 minutos e hai diferentes xeitos de indicar ao público que volva aos seus asentos. O método tradicional no concerto de ópera ou sinfonía é facer palpebrar as luces do local varias veces ou ter unha persoa cun glockenspiel na man camiñando entre a xente, tocando unha melodía de catro notas.

Un intermedio tamén é denominado entr'acte, derivado da palabra en francés para significar "entre os actos".