Isoroku Yamamoto
Isoroku Yamamoto (山本 五十六, やまもと いそろく), nado en Nagaoka, prefectura de Niigata, no Xapón, o 4 de abril de 1884, e finado nas Illas Salomón en 1943, foi un almirante xaponés.
Cursou estudos na Escola Naval e máis tarde participou na guerra ruso-xaponesa. En 1926 foi nomeado agregado naval da embaixada xaponesa en Washington e, entre 1934 e 1935, representou ao seu país na conferenza naval de Londres, na que rexeitou as peticións internacionais para que o Xapón reducira a súa frota de guerra.
En 1936 foi nomeado viceministro da frota xaponesa e, pouco despois do inicio da segunda guerra mundial, comandante en xefe das forzas navais. Opúxose á participación xaponesa na contenda bélica, argumentando que o Xapón non contaba cos recursos necesarios para vencer aos Estados Unidos, pero unha vez decidida, planificou o ataque sobre Pearl Harbor, convencido de que só un ataque por sorpresa danaría ás forzas estadounidenses. Porén, tal como predicira, trala vitoria estadounidense na batalla de Midway a guerra cambiou de signo e comezou o declive do Xapón.
Yamamoto morreu durante unha inspección da fronte, ao ser derribado o avión no que viaxaba polo exército estadounidense, que lograra descifrar o código secreto dos xaponeses e coñecía a ruta que ía seguir o aparato que trasladaba ao almirante.