Józef Kowalski
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de marzo de 1911 ![]() Polonia ![]() |
Morte | 4 de xullo de 1942 ![]() Auschwitz, Polonia ![]() |
Relixión | Igrexa católica ![]() |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico ![]() |
Orde relixiosa | Sociedade de San Francisco de Sales ![]() |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 4 de xullo ![]() |
Józef Kowalski, nado en Siedliska o 13 de marzo de 1911 e finado en Auschwitz o 4 de xullo de 1942, foi un sacerdote católico salesiano polaco asasinado no campo de concentración de Auschwitz durante a segunda guerra mundial.[1] Foi beatificado en Varsovia o 13 de xuño de 1999.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Kowalski naceu en Siedliska (terceira partición de Polonia) o 13 de marzo de 1911, o sétimo dos nove fillos de Wojciech e Zofia Borowiec.[2] Foi ordenado sacerdote salesiano o 29 de maio de 1938 en Cracovia[2] e exerceu como secretario do provincial da congregación.[3] Durante a ocupación alemá de Polonia os salesianos continuaron co seu labor educativo. A Gestapo arrestou a Kowalski o 23 de maio de 1941, xunto con outros 11 salesianos que traballaban en Cracovia. Foron levados á prisión de Montelupich e torturados.
Auschwitz
[editar | editar a fonte]O 26 de xuño de 1941 Kowalski foi enviado ao campo de concentración de Auschwitz, co número de prisioneiro 17.350 ou 17.950.[4] Alí predicou en segredo aos compañeiros prisioneiros no Bloque 25 e tentou fortalecer a súa vontade de sobrevivir no campo. Absolveu condenados a morte, normalmente en segredo, mais polo menos unha vez en público no momento das execucións en masa. En Auschwitz era coñecido como Padre Józef. Nunha das veces que pasou lista, o Blockführer Gerhard Palitzsch descubriuno co seu rosario e ordenoulle pisalo. Kowalski negouse, polo que se lle asignaron traballos forzosos. Na última carta aos seus pais, Józef escribiu:
Non vos preocupedes por min; estou nas mans de Deus. Quero que teñades a certeza de que sinto a Súa axuda en cada paso que dou. Malia todo, estou feliz e en completa paz.[3]
O 3 de xullo de 1942 foi humillado, ridiculizado e fortemente golpeado polos gardas por ser sacerdote. Esa mesma noite sacárono do barracón, mallaron nel e posibelmente o afogaron. O corpo de Kowalski foi atopado o día seguinte e incinerado con outros.[2] Tiña 31 anos.[4]
En Polonia empezouse a venerar a súa figura após a segunda guerra mundial. O papa Xoán Paulo II coñecérao persoalmente antes da guerra, cando Kowalski vivía e exercía na parroquia de San Estanislau Kostka en Dębniki, Cracovia. Nunha das súas visitas a Polonia, Xoán Paulo II beatificou a Kowalski en Varsovia. A misa cerimonial de tres horas tivo lugar o 13 de xuño de 1999, á que asistiron unhas 600.000 persoas, entre elas o entón presidente Aleksander Kwaśniewski.[1] Kowalski foi un dos 108 mártires polacos da segunda guerra mundial beatificados polo papa aquel día.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Luxmoore, Jonathan (14 de xuño de 1999). "Pope blesses Poles martyred by the Nazis". The Guardian (en inglés) (Varsovia). Consultado o 5 de febreiro de 2024.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Józef Kowalski". Salezjanie Don Bosco (en polaco).
- ↑ 3,0 3,1 "Blessed Jozef Kowalski". CatholicSaints.Info (en inglés).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Joseph (Józef) Kowalski. Priest and Martyr".