Júlio Dinis
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de novembro de 1839 Porto, Portugal |
Morte | 12 de setembro de 1871 (31 anos) Porto, Portugal |
Causa da morte | tuberculose |
Educación | Universidade do Porto |
Actividade | |
Ocupación | escritor, mestre, médico escritor, poeta |
Pseudónimo literario | Júlio Dinis |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) |
Joaquim Guilherme Gomes Coello, nado no Porto o 14 de novembro de 1839 e finado no mesmo lugar o 12 de setembro de 1871 foi un médico e escritor portugués. É máis coñecido polo seu pseudónimo Júlio Dinis.
Biografía
[editar | editar a fonte]Joaquim Guilherme Gomes Coello, que no período máis brillante da súa carreira literaria usou o pseudónimo de Júlio Dinis, naceu no Porto, Portugal, o 14 de novembro de 1839, na rúa do Reguinho, freguesía de San Nicolau, sendo bautizado o 18 do mesmo mes na Igrexa de San Nicolau. Faleceu na mesma cidade, no número 289 da Rúa de Costa Cabral, casa que xa non existe, á 1ª hora da mañá do 12 de setembro de 1871, freguesía de Paranhos.
Júlio Dinis era fillo de José Joaquim Gomes Coello (Ovar, Aveiro, 22 de agosto de 1802 – Lisboa, 21 de xullo de 1885), cirurxián, e de Ana Constança Potter Pereira Gomes Coello (San Nicolau, Porto, 11 de xaneiro de 1801 - Porto, 25 de setembro de 1845), de ascendencia anglo-irlandesa, e vítima da tuberculose pulmonar cando Júlio Dinis contaba só seis anos de idade. Eran os seus avós paternos José Gomes Coello e Rosa Rodrigues, de Ovar; maternos António Pereira Lopes e Maria Potter, do Porto. Foi educado so os moldes da burguesia británica, da cal asimilou os costumes e valores.
Frecuentou a escola primaria en Miragaia. Aos catorce anos de idade (1853), concluíu o curso preparatorio do instituto. Matriculouse na Escola Politécnica, tendo, axiña, mudado para a Escola Médico-Cirúrgica do Porto, cuxa carreira completou o 27 de xullo de 1861, cunha boa nota. Posteriormente a súa saúde foise agravando, polo que foi obrigado a recollerse en Ovar e despois para a Madeira e a interromper a posibilidade de exercer a súa profesión. Durante eses tempos dedícase á literatura. Máis tarde (1867), foi incluído no corpo docente desta mesma Escola.
Xa entón sufría da doenza da tuberculose polo que, esperanzado en encontrar cura no ambiente máis saudable da provincia, trasladouse temporalmente para Grijó e posteriormente para Ovar, para a casa dunha súa tía, Rosa Zagalo Gomes Coello, que vivía no Largo dos Campos. E foi aínda esperanzdo cunha cura de aires, que estivo dúas veces na illa da Madeira, alén doutras peregrinacións que terá feito a través do país. Simplemente, o mal de Júlio Dinis non tiña cura. E con case trinta e dous anos só, morría aquel que foi o máis «suave e terno romancista português, cronista de afectos puros, paixões simples, prosa limpa»[1]. De resto, esa espantosa doenza, que xa matara a nai e a avoa materna, en 1845, foi a causa da morte de todos os seus oito irmáns.
A novela As Pupilas do Senhor Reitor foi publicada en 1867 en libro (despois de ser publicada en folletíns do Jornal do Porto en 1866), sendo desde entón varias veces representada, levada ao cine e á televisión so a forma de adaptacións.[2] Un ano antes fora publicada Uma Família Inglesa e, en 1870 publicouse Serões da Província.[3]
O ano do seu falecemento, con só 31 anos de idade, publicouse a novela Os Fidalgos da Casa Mourisca. Só despois da súa morte se publicaron Inéditos e Esparsos, en dous volumes, así como as súas Poesias, dadas á estampa entre 1873 e 1874. Encóntrase sepultado nun sartego de familia co número 58, no cemiterio privado da Orde Terceira de S. Francisco, dentro do Cemiterio de Agramonte.
Foi o creador da novela campesiña e as súas personaxes, tiradas, na súa maioría, de persoas con quen viviu ou contactou na vida real, están imbuídas de tanta naturalidade que moitas delas nos son aínda hoxe familiares. É o caso da tía Doroteia, de A Morgadinha dos Canaviais, inspirada pola súa tía, na casa de quen viviu, cando se refuxiou en Ovar, ou de Jenny, para a cal recibiu inspiración da súa prima e madriña Rita de Cássia Pito Coelho.
Júlio Dinis viu sempre o mundo polo prisma da fraternidade, do optimismo, dos sentimentos do amor e da esperanza. Canto á forma, é considerado un escritor de transición entre o romanticismo e o realismo.
Alén deste pseudónimo, Júlio Dinis usou tamén o de Diana de Aveleda, co que asinou pequenas narrativas inxenuas como Os Novelos da Tía Filomena e o Espólio do Senhor Cipriano, publicadas en 1862 e 1863, respectivamente. Foi con este pseudónimo que se iniciou nas andanzas das letras, tendo, con el, asinado tamén pequenas crónicas no Diário do Porto. Ao nivel das publicacións periódicas, tamén se encontran colaboracións súas nas revistas Semana de Lisboa (1893-1895) e Serões[4] (1901-1911).
A casa onde Júlio Dinis naceu, foi demolida coa abertura da Rúa Nova da Alfándega, e aquela onde morreu deu lugar á construción dunha casa de espectáculos cinematográficos.
Obras de Júlio Dinis
[editar | editar a fonte]- Justiça de Sua Majestade (1858)
- Um Rei Popular (1858, teatro)
- Um Segredo de Família (1860, teatro)
- As Pupilas do Senhor Reitor (1866 en folletín no Jornal do Porto e 1867 en libro)
- Uma Família Inglesa (1867 en folletín no Jornal do Porto como Uma Família de Ingleses e 1868 en libro co título final[5]) (eBook)
- A Morgadinha dos Canaviais (1868) (eBook)
- Serões da Província (1870)
- Os Fidalgos da Casa Mourisca (1871) (eBook)
- Poesias (1873)
- Inéditos e Dispersos (1910)
- Teatro Inédito (1946-1947)
Adaptacións da obra
[editar | editar a fonte]Adaptacións cinematográficas
[editar | editar a fonte]- 1921 - Os Fidalgos da Casa Mourisca - Dirixido por Georges Pallu
- 1924 – As Pupilas do Senhor Reitor – Dirixido por Maurice Mauriad – con Eduardo Brasão, Augusto Melo, Duarte Silva, Maria de Oliveira, Maria Helena e Arthur Duarte.
- 1935 – As Pupilas do Senhor Reitor – Dirixido por Leitão de Barros – comnMaria Paula, Paiva Raposo, Lino Ferreira, Maria Matos e Leonor D'Eça.
- 1938 - Os Fidalgos da Casa Mourisca - Dirixido por Arthur Duarte
- 1949 - A Morgadinha dos Canaviais - Dirixido por Caeltano Bonucci e Amadeu Ferrari - con Eunice Muñoz
- 1961 – As Pupilas do Senhor Reitor – Dirixido por Perdigão Queiroga – con Anselmo Duarte, Mansa Prado, Isabel de Castro, Raúl Solnado e António Silva.
Adaptacións televisivas
[editar | editar a fonte]- Os Fidalgos da Casa Mourisca foi adaptado para teatro televisivo en 1964 pola RTP.
- Existen dúas adaptacións brasileiras para telenovela d' As Pupilas do Senhor Reitor, a primeira en 1970 e a segunda en 1994.
- Os Fidalgos da Casa Mourisca foi adaptado para a televisión brasileira en 1972.
- A Morgadinha dos Canaviais foi adaptada para unha miniserie da RTP en 1990.
- João Semana, miniserie da RTP que adapta As Pupilas do Senhor Reitor
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Redação (2019-09-11). "12 de setembro, morre Júlio Dinis, “suave e terno romancista”". PT Jornal (en portugués). Consultado o 2020-03-26.
- ↑ "Gutenberg". www.gutenberg.org. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2020. Consultado o 2020-03-26.
- ↑ Infopédia. "As Pupilas do Senhor Reitor - Infopédia". Infopédia - Dicionários Porto Editora (en portugués). Consultado o 2020-03-26.
- ↑ "Seroes : revista mensal ilustrada [1901-1911]". hemerotecadigital.cm-lisboa.pt. Consultado o 2020-03-26.
- ↑ artigo Família Inglesa (Uma), in Biblos - Enciclopédia VERBO das Literaturas de Língua Portuguesa, volume 2,1997
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Libero Cruz (2002). Julio Dinis, uma biografía .Lisboa, Quetzal.
- Carmen Matos Abreu (2015). Julio Dinis, o romance portugues de raíz inglesa. Salvador, EDUFBA.
- Saraiva, Antonio José; Lopes, Óscar (1978): História da literatura portuguesa. Porto.
- VM.A.G. Arala Chaves (2016). O Porto de Julio Dinis. Porto, Afrontamento.