José Ernesto Díaz Noriega
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1912 Barcelona, España |
Morte | 21 de febreiro de 2002 (89/90 anos) |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema |
José Ernesto Díaz Noriega, nado en Barcelona en 1912 e finado en Madrid o 21 de febreiro de 2002, foi un director de cinema afeccionado, coñecido principalmente por El cine amater (1965).
Viviu e filmou en Madrid, nos anos 1930, e vinte anos despois en Galicia.[1] Adoitaba asinar os seus filmes como JEDN ou Díaz-Noriega. Na película Os Suevos (1974) asina como Xosé E. Díaz-Noriega, e como X. E. Díaz-Noriega nos créditos de Illa (1976), na que aparece como actor.
A finais da década de 1980, xa xubilado, mudouse a Madrid.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Casado con Julia Villalva Aguirre, durante a guerra civil española combateu co exército franquista, logo de que o seu sogro Federico Villalva, habilitado do Congreso dos Deputados, fose asasinado xunto ao seu fillo Bernardo, o 7 de xuño de 1936 nos arredores de Madrid.[3]
Traballou como enxeñeiro agrícola en Valencia, Madrid e na Coruña, onde chegou a principios de 1960,[1] despois de estar máis de vinte anos sen tocar unha cámara.[4] Foi membro fundador, en 1963, do Club de Cine Amateur da Coruña[5][6], dependente da Asociación fotográfica de educación e descanso.[7] Nas súas instalacións promoveu, entre 1963 e 1971, sete edicións do Festival de Cine Amateur.[1][7] Tamén foi o primeiro presidente da Asociación de cine de Galicia. Dirixiu o Certame de Cine de Humor da Coruña e foi xurado de moitos festivais.[2] Filmou as súas películas en 8mm, S8mm e 16mm.
Las ninfas de la charca (1935) é unha parodia do cinema de excursións,[4] pero ao mesmo tempo se inspira nas coreografías de Busby Berkeley. As imaxes filmadas no interior dunha prisión franquista para Revista 8 (1939) foron reutilizadas por Péter Forgács na súa obra de remontaxe El perro negro: Stories from the Spanish Civil War (2004).[8][9] Banderas victoriosas (1939), tamén coñecida como Trailer, é unha parodia ou "caricatura" do desfile da vitoria franquista.[5]
Sever Odnum, ou El mundo al revés (1964), é unha aparente obra vangardista que na realidade está parodiando "os filmes pretenciosos", cheos de "simbolismos de patacón", presentados por Font e Pruna no II festival de Cine de Humor da Coruña.[10] Os nomes destes cineastas cataláns repítense burlonamente na banda sonora.
As súas películas e sonorizacións teñen unha forte compoñente política. O seu filme Os Suevos (1974), que naceu como encargo familiar, foi incautada en 1974 polo gobernador civil durante as Xornadas de cinema de Ourense, polas súas referencias políticas e irreverencia relixiosa.[11]
Al-nasr al-tair (1969) foi un encargo institucional do concello de Carballo con motivo dunha homenaxe a Eduardo Pardo, xeneral de aviación. Díaz Noriega remontou as imaxes da cerimonia con irreverente humor, rompendo a sincronización de imaxe e son. O concello negouse a pagar pola película, polo que acabou nos tribunais, onde Díaz Noriega foi recoñecido como autor da montaxe e por tanto do significado da película, por moito que as imaxes en sí non estiveran rodadas por el.[12] O título Al-nasr al-tair, que Díaz Noriega tirou dun artigo de Álvaro Cunqueiro na revista Destino,[13] é o nome árabe da estrela Altair (Alpha Aquilae) e significa "aguia voadora".[14]
Sonorizacións
[editar | editar a fonte]Díaz Noriega sonorizou películas mudas (de Buster Keaton, Charles Chaplin, Ernst Lubitsch, Murnau, Fritz Lang, Eisenstein),[15] desde unha óptica humorística e política. Nalgunhas destas sonorización simplemente actualiza o argumento, pero a outras lles aplica un proceso de "deturpación" ou détournement (ao estilo das películas de René Viénet)[16] que cambian e subverten por completo o seu significado. A súa adaptación de Nosferatu (Murnau, 1922), titulada Manuscrito encontrado en Zarazwela o Nos fera tu la pugnete (1977), é unha sátira política dos anos da Transición española. A súa Metrópolis (sonorización da obra de Fritz Lang de 1926) introduce a diglosia existente en Galicia, ademais da dicotomía de clase, ao facer falar galego ás clases traballadoras do submundo e español ás clases dominantes.[17] Esta utilización do galego é similar á empregada nas sonorizacións de Alexander Nevski (Eisenstein), na que emprega o galego cando falan os tártaros, e na de The Iron Horse (John Ford), na que os nativos americanos falan galego.[18]
En Sangre y arena (sonorización de Blood and Sand, Fred Niblo, 1922), "nova versión musical falada en andaluz, con subtítulos en inglés",[19] fai unha ruptura da banda sonora para "crear outro filme diferente cunha magnífica utilización da música",[20] que inclúe a Carmen de Bizet e cancións de Antonio Machín, Sara Montiel, "La banda está borracha" e "Son tus perjúmenes mujer".[19]
Díaz Noriega e o cinema galego
[editar | editar a fonte]Díaz Noriega foi o "grande impulsor do cinema afeccionado en Galicia".[21] Tanto polo seu activismo cinematográfico como pola súa filmoteca persoal, así como pola súa destreza técnica, Díaz Noriega converteuse nunha "especie de pai espiritual"[19] ou "padriño" dun grupo de xoves cineastas (Carlos L. Piñeiro, Xavier Villaverde, Manuel Abad, Enrique Baixeras) que darían pé á fundación dos colectivos Imaxe, Lupa ou Enroba.[22]
Filmografía
[editar | editar a fonte]- Las ninfas de la charca (1935, 8mm)
- El viejo parque del Oeste (1936)
- Revista 8. Apuntes del 36 al 39 (1939)
- Un frente en calma (1939)
- Banderas victoriosas (1939)
- Pastizales (1962)
- Los viernes de moda (1963)
- El martes pasado en Marined (1963)
- Nuestros montes, nuestros pinos (1963)
- Dos versiones del mar (1964)
- Marinona marinera (1964)
- Sever Odnum (Mundo al revés) (1964) (codirixida por Rafael Luca de Tena)[23]
- El cine amater (1965)
- El Jurado (1965)
- Bosques de Galicia (1966) (realizado con Guillermo Camarero)[3]
- El festival (1967)
- Poema en JEDNS (1968)
- Al-nasr al-tair (1969)
- El anillo (1973)
- Os Suevos (1974)
- Una idea, un esfuerzo, una realidad (1981)
- Jet Society (1982)[1][5]
Sonorizacións
[editar | editar a fonte]- Fausto (Murnau)
- Alexander Nevski (Eisenstein)
- The Iron Horse (John Ford)
- Paleface (Buster Keaton)
- Manuscrito encontrado en la Zarazwela o Nos fera tu la pugnete (1977)
- Metropolis
- Sangre y arena (sonorización de Blood and Sand, de Fred Niblo, 1922)
Como actor
[editar | editar a fonte]- A tola (Miguel Gato, 1974)
- Fendetestas (Antonio Simón, 1975)
- Illa (Carlos L. Piñeiro, 1976)
- O herdeiro (Miguel Gato, 1976)
- O pai de Migueliño (Miguel Castelo, 1977)
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]Os seus filmes, pero especialmente El cine amater, gañaron numerosos premios en festivais de cinema amateur como os de Brno, Cannes, Estoril, Dubrovnik ou Bruselas.[24] Pero Díaz Noriega estaba especialmente orgulloso do Premio Tesoiras de Prata Delmiro de Caralt concedido polo Festival de Cinema Amateur de Barcelona.[25] Dos versiones del mar obtivo o primeiro premio no Certame Internacional de Cine do Mar de Santander, e El jurado gañou o primeiro premio do Festival de Oviedo.[3]
Foi homenaxeado no Festival de Cine de Humor da Coruña.[26]
En 2003 a súa obra foi depositada na Filmoteca Española.[5]
En 2006 Marcos Nine rodou a mediametraxe biográfica Pensando en Soledad e a curtametraxe J.E.D.N., versión reducida da anterior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Cuesta e Folgar (1983), p. 144.
- ↑ 2,0 2,1 Fernández, C. (21 de febreiro de 2002). "Fallece Díaz Noriega, forjador del cine amateur gallego y Palma de Oro en Cannes". La Voz de Galicia.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Fernández, Carlos (2 de febreiro de 2002). "José Ernesto Díaz-Noriega fue el gran dinamizador del cine aficionado coruñés". La Voz de Galicia.
- ↑ 4,0 4,1 Contel (1966).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Martín e Navarro (2020).
- ↑ Gómez Viñas (2015), p. 67.
- ↑ 7,0 7,1 Gómez Viñas (2015), p. 203.
- ↑ Gómez Viñas (2015), p. 71.
- ↑ Díaz Aznarte, Juan José (). El cine documental. Nuevas tendencias. Universidade de Granada, p. 17.
- ↑ Costa e Folgar (1983), p. 147.
- ↑ Cuesta e Folgar (1983), p. 149.
- ↑ Gómez Viñas (2015), p. 72.
- ↑ Cunqueiro, Álvaro (1969, 8 febreiro). "La Rubia y las estrellas". Destino. Barcelona, p. 25.
- ↑ "Altair". Dicionário de Nomes Próprios.
- ↑ Cuesta e Folgar (1983), p. 151.
- ↑ Pagán (2020), p. 77.
- ↑ Pagán (2020), pp. 78-79.
- ↑ Folgar, Xosé Mª (1982, xullo-agosto-setembro). "O cine en Álvaro Cunqueiro", Grial nº 77, p. 208.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Cuesta e Folgar (1983), p. 154.
- ↑ Pérez Perucha citado en Weinrichter, Antonio (2007). La forma que piensa. Tentativas en torno al cine ensayo. Punto de Vista, p. 27.
- ↑ Consello da Cultura Galega (2004), p. 97.
- ↑ Gómez Viñas (2018), p. 24.
- ↑ Gómez Viñas (2015), p. 75.
- ↑ Consello da Cultura Galega (2004), p. 196.
- ↑ Cuesta Pastor (2020).
- ↑ Cuesta e Folgar (1983), p. 145.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Consello da Cultura Galega (2004), Libro branco de cinematografía e artes visuais en Galicia, Santiago de Compostela, ISBN 84-95415-96-8
- Contel, Agustín (1966). "Galería de cineístas. José E. Díaz Noriega". Otro Cine, Año XV, Nº 80, setembro-outubro 1955, p. 24.
- Cuesta, Xoán; Folgar, Xosé Mª (1983, abril-maio-xuño). "JEDN. José Ernesto Díaz Noriega". Grial, Tomo XXXI. Galaxia, pp. 142-154.
- Cuesta Pastor, Juan (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. Un cineasta adelantado a su tiempo"
- Gómez Viñas, Xan (2015). Do amateur ao militante: Implicacións políticas e estéticas do cinema en formato non profisional na Galiza dos anos 70, USC (tese de doutoramento).
- Gómez Viñas, Xan (2018). "O Cine en Galiza, un relato discontinuo", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [1] Marcas na paisaxe. Galaxia, ISBN 978-84-9151-172-4
- Martín, José Manuel; Navarro, Alejandro (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. JEDN. Pasen y vean". Flores en la sombra, Filmoteca española.
- Menchón, Manuel (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. Juego y magia"
- Pagán, Alberte (2020). "Illas descoñecidas", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [3] De illas e sereas. Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6
- Tenreiro Uzal, Cibrán (2020). "Entre illas. Reciclaxe e arquivo no cinema galego", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [3] De illas e sereas. Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sever Odnum en YouTube
- El cine amater en Vimeo
- Una idea, un esfuerzo, una realidad en Vimeo
- Los vampiros de la Transición, por Enrique Piñuel, en El Salto Diario (23/03/2019)
- Illa (Carlos L. Piñeiro, 1976) en YouTube
- JEDN (Marcos Nine, 2006) en YouTube