Jerónimo de Sosa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XVII Freixo de Numão, Portugal |
Morte | 1711 Madrid, España |
Actividade | |
Lugar de traballo | Nápoles |
Ocupación | xenealoxista |
Orde relixiosa | Ordes franciscanas |
Jerónimo de Sosa, nado en Freixo de Numão e finado en Madrid en 1711, foi un teólogo, xenealoxista e frade franciscano español de orixe portuguesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha freguesía da Beira Alta co nome de Jerónimo de Sousa e Meneses. Marchou a España para estudar teoloxía no colexio franciscano de San Pedro y San Pablo de Alcalá (1650-1653), e logo integrouse na provincia de Castela da orde. Ensinou filosofía no convento de Torrelaguna e foi garda no convento de Sigüenza para marchar despois a Italia para ensinar teoloxía no convento de Palermo e posteriormente foi lector de teoloxía no Real Convento de Santa María a Nova de Nápoles, onde escribiu un primeiro tratado de teoloxía trinitaria. Foi durante un tempo secretario xernal dos franciscanos observantes. O cardeal Francesco Barberini, protector da orde, encargoulle a dirección dun tratado sobre a compatibilidade entre a presciencia divina e a liberdade humana. En 1680 co manuscrito case rematado marchou a París e logo que lle deu a versión final no verán dese ano recibiu a aprobación dos profesores franciscanos da Sorbona, entre eles Claude Frassen, eminente scotista. Ao pouco publicouse so o título Polysophia futurorum contingentium ad mentem Doctoris Subtilis. A intención de Sosa nesta obra era resolver a dicotomía entre a influencia divina, que podía condicionar as decisións futuras das persoas, e a liberdade humana na escolla das propias accións. Para de Sosa era a necesidade moral[1], non os decretos de Deus nin o coñecemento, xa que os humanos precisaban actuar moralmente. En 1682 volveu a España para presidir o capítulo de Salamanca, e foi garda do convento de Madrid, definidor e custodio da provincia de Castela e procurador xeral da orde, así como definidor xeral. Escribiu tamén unha obra, perdida, sobre as cátedras do scotismo e do nominalismo da Universidade de Alcalá.
En 1676 na súa obra xenealóxica Noticia de la Gran Casa de los Marqueses de Villafranca desenvolveu o método de numeración dos antepasados nunha xenealoxía ascendente creado polo nobre austríaco Michel Eyzinger en 1590. Este método coñécese como sistema Ahnentafel, ou sistema de numeración Sosa-Stradonitz, a partir da mellora introducida en 1898 polo xenealoxista alemán Stephan Kekulé von Stradonitz (1863-1933), quen o popularizou[2] no seu libro Ahnentafel-Atlas. Ahnentafeln zu 32 Ahnen der Regenten Europas und ihrer Gemahlinnen que contiña 79 táboas da ascendencia de soberanos europeos e dos seus cónxuxes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Knebel, Sven K. (xaneiro de 1996). "Jonathan Edwards's Moral Necessity, or How to Defend Calvinism in Eighteenth-Century New England". The Modern Schoolman 73 (2): 129–139.
- ↑ Michel-Gasse (1999). Dictionnaire-guide de la généalogie. Editions Jean-Paul Gisserot. p. 109.