Ji Kang
Representación do sabio Ji Kang | |
Nome orixinal | 嵇康 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 223 Condado de Suixi, Anhui |
Morte | 262 Luoyang, Henan |
Causa da morte | pena de morte, decapitación |
País de nacionalidade | Chinesa |
Actividade | |
Campo de traballo | Xuanxue (en) |
Ocupación | Escritor, filósofo, músico |
Período de actividade | Período dos Tres Reinos |
Movemento | Daoísmo |
Lingua | Chinés |
Familia | |
Fillos | Ji Shao |
Irmáns | Ji Xi |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Livro de Jin (pt) |
Ji Kang (chinés tradicional e simplificado: 嵇康; pinyin: Jī Kāng; Wade-Giles: Chi1 K'ang1), nome de cortesía Shuye (叔夜), nado en Suixi no 223 e finado en Luoyang no 262, foi un escritor, poeta, filósofo daoísta, músico e alquimista chinés do período dos Tres Reinos.[1] Foi un dos famosos Sete Sabios da Fraga de Bambú.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ji Kang naceu no condado de Suixi, na provincia de Anhui.[1] Ademais de literato, foi un célebre compositor e intérprete de guqin.[3] Foi un home fermoso e alto, de preto de 1.88 metros. Ji Kang mantivo unha relación amorosa con outro dos Sete Sabios, Ruan Ji, que foi descrita como "máis forte que o metal e máis fragrante que as orquídeas".[4] Estivo casado coa neta ou bisneta de Cao Cao.
Ji Kang foi funcionario do reino de Cao Wei, pero o traballo oficial aburríuno. Tras chegar ao poder, o rexente Sima Zhao ofreceulle un cargo a Ji Kang, quen rexeitou con insolencia ao emisario Zhong Hui. Cando un dos amigos de Ji Kang foi acusado de falsos cargos, o sabio intercediu na súa defensa, polo que ambos foron encarcerados. Entón, Zhong Hui pediu o axustizamento de Ji Kang, que lle foi concedido a pesar da intercesión de centos de eruditos. A lenda conta que Ji Kang interpretou unha derradeira melodía antes de ser executado, unha canción que se perdeu para a historia.[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Como pensador, Ji Kang escribiu sobre a lonxevidade, teoría musical, política e ética. Ji Kang foi moi crítico co confucianismo e puxo en cuestión moitas das convencións sociais do seu tempo, provocando escándalos e sospeitas.[1] Por exemplo, defendía eliminar as diferenzas entre ricos e pobres, e aprendeu traballos manuais como a metalurxía, impropia de alguén da súa posición.[1] Entre as súas obras están o Yangsheng lun 飬生論 ("Ensaio sobre a vida"), o Shengwu aile lun 聲無哀樂論 ("Discurso sobre a ausencia de sentimentos na música"), o Qinfu 琴賦 ("Unha composición sobre o qin"), e o Shisi lun 釋私論 ("Discurso sobre a individualidade").[3]
Como músico, compuxo numerosas pezas para o guqin. Entre as máis aclamadas, está Guangling san, que reconta o asasinato dun dos reis da dinastía Han.[5] Cóntase que foi inspirada por unha aparición espectral. O taoísmo relixioso considera que se converteu nun xian 仙 ou inmortal a través do shijie 屍解.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Ji Kang - Daoism, Confucianism, Poetry - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-13.
- ↑ "Seven Sages of the Bamboo Grove - Tang Dynasty, Chinese Poetry, Taoism - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-13.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Neo-Daoism > Ji Kang and Ruan Ji (Stanford Encyclopedia of Philosophy/Winter 2017 Edition)". plato.stanford.edu. Consultado o 2023-12-13.
- ↑ Hinsh, Bret (1990). Passions of the Cut Sleeve (en inglés). University of California Press.
- ↑ Lai, T.C.; Mok, R. (1981). Jade Flute: The Story of Chinese Music (en inglés). Schocken Books.