Joachim Chreptowicz
Joachim Chreptowicz, nado o 4 de xaneiro de 1729 e finado o 4 de marzo de 1812, foi un nobre, político e escritor polaco-lituano[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu preto da cidade de Navahrudak, hoxe parte de Belarús. Estudou as primeiras letras na casa familiar de Szczorsy e máis tarde cos xesuítas na Academia de Vilnius e despois durante tres anos en Braniewo e outro ano máis en Nesvizh, logo serviu no escuadrón de húsares do príncipe Carlos. En 1752 foi nomeado stolnik, oficial de distrito, na súa cidade natal e foi elixido membro do Tribunal Lituano, con xurisdición sobre a nobreza, para o ano 1753[2] e ao ano seguinte entrou no Sejm. En 1764 apoiou a elección de Estanislau Augusto Poniatowski como monarca e na cerimonia de coroación actuou como secretario maior do Gran Ducado de Lituania e en 1765 presidiu o Tribunal Lituano, ano no que foi feito cabaleiro da Orde de Santo Estanislau. Tras a morte do seu pai en 1766, influído polas ideas ilustradas, reformou as súas propiedades dándolle un mellor acceso ás terras aos campesiños, construíndo escolas, contratando doutores e en xeral mellorando as condicións do campesiñado[3]. Entre 1769 e 1772 viaxou por Europa en misión diplomática, visitando Alemaña, Francia, Inglaterra, Países Baixos e Austria, mentres construía na súa propiedade de Szczorsy un palacio ao estilo francés, cunha enorme biblioteca, para a época, de máis de 10.000 volumes.
En 1773 asumiu o posto de vicechanceler de Lituania e recibiu a Orde da Aguia Branca. Membro do Sejm da Partición (1773-1775) que tiña como misión ratificar a primeira partición de Polonia realizada por Rusia, Austria e Alemaña en 1772, e foi tamén membro da comisión encargada de liguidar os bens da Compañía de Xesús logo da supresión da orde e un dos fundadores da Comisión de Educación Nacional, considerado o primeiro ministerio de educación da historia[4]. Tras 1775 foi membro do Consello Permanente, equivalente a un consello de ministro, e presidente do departamento de asuntos exteriores. Durante a Guerra ruso-polaca de 1792 urxiu ao rei a se unir á Confederación de Targowica que se opuña á constitución do 3 de maio de 1791 negociando secretamente por orde do rei o cesamento de hostilidades[5] co embaixador ruso Yakov Bulgakov.
En 1793 recibiu o cargo de chanceler de Liturania, entre 1793 e 1795 viaxou por Europa e en 1795 estableceuse en Varsovia, retirado da vida pública, dedicándose ao traballo literario e científico. Escribiu poemas en polaco, e algún en belaruso[6], partidario das teorías fisiócratas, escribiu artigos sobre agricultura e fundou a Asociación de Amigos da Ciencia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Co termo polaco-lituano faise referencia a un habitante da República das Dúas Nacións ou Mancomunidade Polaco-Lituana, sen ter en conta a orixe étnica
- ↑ Janusz Iwaszkiewicz (1937) Polski Słownik Biograficzny, t. III, Cracovia, p. 441.
- ↑ Спірыдонаў М. (2005) Вялікае княства Літоўскае: Энцыклапедыя, Vol. 2 Міnsк: Беларуская Энцыклапедыя, p. 719
- ↑ Ted Tapper e David Palfreyman (2005). Understanding Mass Higher Education: Comparative Perspectives On Access. Routledge p. 140
- ↑ Alex Storozynski (2011). Kościuszko Książe chłopów W.A.B. p. 231.
- ↑ Мальдзіс А. Беларусіка ў польскіх рукапісных зборах «Вяртанне» № 6, 1999. p. 158