Saltar ao contido

Jorge Cano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJorge Cano
Nome orixinalJorge Cano Bermúdez de Castro
Biografía
Nacemento4 de xullo de 1990 (34 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeGalicia
Altura1,81 m.
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoCentrocampista
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Deportivo Fabril

Jorge Cano Bermúdez de Castro, nado na Coruña o 4 de xullo de 1990, é un futbolista galego. Xoga de interior dereito no Compostela.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol aos 7 anos na canteira do Montañeros, ata que en idade alevín ingresou no Deportivo da Coruña.[1] Pasou polas diferentes categorías inferiores do club ata o equipo xuvenil, e en 2009 regresou ao Montañeros, para xogar co primeiro equipo na Segunda División B.

Debutou na categoría de bronce do fútbol español na xornada 5 da tempada 2009/10, da man do adestrador José Ramón ante o Eibar en Ipurua. Marcou o seu primeiro gol na seguinte xornada, contra o Barakaldo, e a partir de entón comezou a ser habitual no once titular do equipo. Militou durante tres tempadas no Montañeros, disputando 84 partidos e sumando 13 goles, ata que ao remate da tempada 2011/12 o club descendeu e prescindiu do seu equipo sénior.

Na pretempada 2012/13 anunciouse a súa volta ao Deportivo da Coruña, para militar no seu filial, o Fabril, na Terceira División.[2] Militou unha soa tempada no equipo adestrado por José Luis Devesa, disputando 32 partidos de liga e 2 máis da frustrada promoción de ascenso.

En 2013 fichou polo Cerceda, da mesma categoría. Durante a súa primeira tempada, o equipo dirixido por José Luis Lemos rematou subcampión do grupo I, mentres que Jorge Cano foi o máximo goleador do grupo, con 24 goles, 3 máis que o segundo, Curra.[3] Disputou a promoción de ascenso e marcou un gol ante o Tenerife B, pero o equipo caeu na primeira eliminatoria. Na seguinte campaña sumou 13 goles e volveu xogar a promoción de ascenso, perdendo de novo na primeira rolda, desta vez ante a SD Logroñés.

En 2015 recalou no Boiro, no que militou durante as seguintes tres tempadas. Na primeira delas o equipo logrou o ascenso á Segunda División B como campión e Jorge Cano foi elixido mellor xogador do Grupo I Terceira División.[4] Xa na terceira categoría, o equipo logrou a permanencia no campo, pero foi descendido administrativamente por motivos económicos. Cano pechou o seu paso polo club ao remate da tempada 2017/18, despois de 114 partidos e 32 goles.

Entre 2018 e 2022 xogou no Bergantiños, logrando na súa terceira campaña o ascenso á Segunda División RFEF. En decembro de 2019 foi titular no histórico partido de Copa do Rei contra o Sevilla en Riazor. Dous anos despois, tamén na Copa do Rei, marcoulle un gol ao Rayo Vallecano, da Primeira División, nun partido disputado nas Eiroas.[5] Acumulou un total de 135 encontros co club de Carballo, nos que marcou 24 tantos.

En xullo de 2022 foi anunciado como novo xogador do Compostela, tamén da Segunda RFEF.[6]

  1. Fariña, Jacobo (23 de novembro de 2012). "Jorge Cano: «El del Dépor era un tren que no podía dejar pasar»" (en castelán). Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  2. "El Fabril recupera a Jorge Cano, un centrocampista que procede del Montañeros formado en el Dépor" (en castelán). 11 de xullo de 2012. Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  3. Espiño, Diego (3 de xullo de 2014). "Pablo Couñago y Cano en la órbita del Pontevedra; Lloves, muy cerca de volver". Pontevedra Viva (en castelán). Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  4. Antelo, Iván (25 de maio de 2016). "Jorge Cano, el mejor de Tercera". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  5. Martín, Maite (15 de decembro de 2021). "La pegada del Rayo tumba a un Bergantiños que mereció más". As (en castelán). Consultado o 2 de agosto de 2022. 
  6. "Jorge Cano, reforzo para a parcela ofensiva do Compos procedente do Bergantiños". DxT Campeón. 25 de xullo de 2022. Consultado o 2 de agosto de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]