Saltar ao contido

José García Martínez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé García Martínez
Biografía
Nacemento11 de abril de 1952 Editar o valor en Wikidata
A Rabadeira, España Editar o valor en Wikidata
Morte31 de maio de 2022 Editar o valor en Wikidata (70 anos)
Outros nomesRabadeira Editar o valor en Wikidata
Altura1,85 m.
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1972 Editar o valor en Wikidata -
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoExtremo
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Deportivo da Coruña

José García Martínez, máis coñecido como Rabadeira, nado na Rabadeira, Cerceda, o 11 de abril de 1952 e finado o 31 de maio de 2022, foi un futbolista galego que xogaba como extremo. Desenvolveu case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, co que xogou en tres categorías diferentes (Primeira, Segunda e Terceira División).[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Cerceda, aínda sen federar, pasando logo ás filas do Celas de Peiro.[2] En 1969 ingresou no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que xogou unha tempada. A continuación pasou ao Fabril, da Serie A, co que logrou o ascenso á Terceira División na súa primeira campaña.[3]

Rabadeira, coñecido así polo seu lugar de nacemento, debutou co primeiro equipo en partido oficial o 10 de setembro de 1972, na segunda xornada da tempada 1972/73 da Primeira División, saíndo de titular contra o Granada en Riazor.[4] Disputou un total de 23 encontros esa tempada e marcou un gol na Copa do Rei, contra o Hércules,[5] pero o equipo de Arsenio acabou descendendo ao remate da competición. Na tempada 1973/74, na Segunda División, disputou 23 partidos de liga e 3 de Copa, e marcou dous goles, o primeiro deles o 27 de xaneiro de 1974 ante o Real Valladolid. Malia todo, o Deportivo encadeou un novo descenso, neste caso a Terceira División.

Titular na maioría de partidos da tempada 1974/75 na Terceira, logrou regresar á Segunda División. Militou na categoría de prata durante as seguintes tres tempadas, e acadou os 149 partidos oficiais e 24 goles co club. Na campaña 1978/79 foi cedido ao Levante, onde se proclamou campión do grupo II da Segunda División B, conseguindo así o ascenso. Tamén chegou a viaxar a Suíza para probar cun equipo dese país, pero o día da proba lesionouse e acabou volvendo a Galicia. Colgou as botas con só 27 anos por mor das lesións, aínda que máis tarde xogou ao fútbol sala.[2]

Trala súa retirada traballou na mina das Encrobas.[6] Faleceu o 31 de maio de 2022, aos 70 anos de idade.[3]

  1. "Rabadeira". bdfutbol. 
  2. 2,0 2,1 "Rabadeira: “Siempre piensas que puedes llegar a más, pero no fui un fenómeno”" (en castelán). 18 de outubro de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  3. 3,0 3,1 "Falece Rabadeira, xogador deportivista en Primeira, Segunda e Terceira na década dos 70". 1 de xuño de 2022. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  4. "El Deportivo se salvó de la derrota". El Pueblo Gallego (en castelán) (17898). 12 de setembro de 1972. p. 15. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  5. "¡El Deportivo encontró la suerte!". El Pueblo Gallego (en castelán) (18023). 8 de febreiro de 1973. p. 14. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  6. A., X. (2 de xuño de 2022). "Rabadeira, el exdeportivista que pasó de habilidoso extremo a minero en As Encrobas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022.