José Grande Juncal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1887 ![]() Deiro, España ![]() |
Morte | xullo de 1967 ![]() Deiro, España ![]() |
Outros nomes | José de Diego ![]() |
Actividade | |
Ocupación | mestre ![]() |
![]() |
José Grande Juncal, nado en Deiro (Vilanova de Arousa) en 1887 e finado na mesma parroquia en xullo de 1967[1], foi un activista obreiro, traballador do mar, emigrante, escritor e mestre galego, tamén coñecido coma José de Diego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Con 19 anos emigrou á Arxentina, onde se formou e traballou durante dúas décadas. Foi expulsado do país polas autoridades debido á súa militancia en organizacións obreiras anarquistas.
De regreso na súa terra, ó tempo que traballaba coma mariñeiro mantivo actividades na defensa dos obreiros, tentando organizar un sindicato de traballadores do mar. Participou nun mitin de afirmación sindical en Cangas con Jaime Baello o 19 de xaneiro de 1936[2]. Tamén deu conferencias no Centro Cultural de Vilaxoán[3]. Isto fixo que logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fose denunciado polo párroco de San Miguel de Deiro e perseguido polos falanxistas da zona. Durante tres anos conseguiu evitar a súa detención e probable asasinato agochándose no monte, en faiados e casas abandonadas, contando co apoio dalgúns familiares, veciños e amigos.
Rematada a Guerra, puido acollerse á amnistía que perdoaba a vida ós inimigos do réxime que non tivesen delitos de sangue. Volveu traballar no mar ata que un accidente sufrido mentres cargaba un moble no teito dun autobús o deixou incapacitado dun brazo. A partir dese accidente exerceu de mestre, ensinando as primeiras letras ós nenos, labor pola que é recordado cunha placa na súa parroquia.
Recuperación da súa obra
[editar | editar a fonte]Durante un traballo para unha materia de bacharelato, Lucía Esperón Janeiro descubriu a figura e os escritos de José Grande; animada polo seu profesor, a estudante recompilou os textos biográficos, poemas e disertacións filosóficas que sobreviviran deste autor, publicándoos no seu libro A memoria dun mestre: José Grande Juncal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Pueblo Gallego, 26-7-1967, p. 11.
- ↑ El Pueblo Gallego, 21-1-1936, p. 15.
- ↑ El Pueblo Gallego, 2-2-1936, p. 11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Esperón Janeiro, Lucía (2002): A memoria dun mestre: José Grande Juncal. Cambados: Asociación Candea.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Recensión de "A memoria dun mestre: José Grande Juncal".
- "A memoria dun mestre", en La Voz de Galicia.