José Manuel Breijo Vidal
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1968 ![]() Lalín, España ![]() |
Educación | Universidade de Vigo Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ![]() |
Director de tese | Carmen Becerra Suárez e Manuel Vieites ![]() |
Actividade | |
Ocupación | dramaturgo, músico, investigador ![]() |
![]() |
José Manuel Breijo Vidal, nado en Lalín en 1968, é director de escena, intérprete, músico e investigador escénico galego, máis coñecido como Topo Vidal ou Xosé Vidal. A súa traxectoria artística vencéllase a compañías como A Xanela do Maxín e a formacións musicais como Pandeiromus.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Topo Vidal iniciouse no mundo da escena con traballos de creación, dirección e dramaturxia de espectáculos con produtoras como Ribeirart, na que se encargou de pezas como O Papa e a Bruxa (adaptación de 2006 dun texto de Dario Fo) ou Dragonada (2009), ou Pistacatro coa montaxe Reciclaxe. Exerceu a dirección artística da compañía de teatro e de animación de rúa Art-monium entre 2006 e 2021.
Nos últimos anos o seu labor escénico vinculouse máis estreitamente con compañías do xénero dos monicreques. Así, con Títeres Alakrán dirixiu a obra Finisterrae: O último ultramarinos[1] (2019) e con A Xanela do Maxín, desenvolveu a dirección de obras como Gale. Historia da Lingua, A viaxe de Saira, Leonardo e os Biosbardos,[2] Lúa quere viaxar… a Marte ou Coliño[3]
O seu traballo escénico nestes décadas veu acompañado dun proceso formativo que incluíu o título en Dirección de Escena e Dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en 2009 e o mestrado en Artes Escénicas e Pedagoxía Teatral na Universidade de Vigo. En 2021 doutorouse na UVigo coa tese O teatro de obxectos en Galicia entre 1970 e 2010. Estudo do proceso de emerxencia e desenvolvemento dun xénero escénico no sistema teatral galego, codirixida por Carmen Becerra Suárez e Manuel F. Vieites.
No eido audiovisual traballou entre 2000 e 2021 nos ámbitos de produción e coordinación no programa Luar da Televisión de Galicia nas seccións Vaidebaile, Vaidegaita, Os Humorosos e Punta e Tacón. No ámbito musical foi membro fundador, director artístico e músico do grupo Pandeiromus, con traballos discográficos como En Conserva!! ou Teño días. Ademais, ten colaborado con crónicas e críticas en publicacións escénicas especializadas[4].
Destacan tamén na súa traxectoria diversos proxectos culturais e educativos: O Ano do Libro (2010), itinerante por 50 concellos galegos; Actúa en galego (2015), promoción lingüística na ESAD Galicia; e iniciativas de inclusión social como Teatro de obxectos e diversidade (2019) con ASPANAES ou Pasando a bóla (2023), baseado no teatro do oprimido para previr o acoso escolar. Participou no congreso As Artes na Educación Especial (2019) cun artigo sobre teatro inclusivo e desenvolveu proxectos posteriores como Actuando en con-vivencia (2024) para resolución de conflitos e Rachando co guión (2025), sobre igualdade de xénero mediante pedagoxía crítica.
Obra escénica
[editar | editar a fonte]- O papa e a bruxa (Ribeirart, 2006; dirección e dramaturxia)
- A coca (Concello de Redondela, 2008; creación e dirección)
- Reciclaxe (Pistacatro, 2010; dirección e dramaturxia)
- Finistererrae: O último ultramarinos (Producións teatrais Alakrán, 2019; dirección e dramaturxia)
- A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza (A Xanela do Maxín, 2019; codirección)
- Gale. Historia da lingua (A Xanela do Maxín, 2019; codirección)
- A viaxe de Saira (A Xanela do Maxín e Fundación Galicia Sustentable, 2020; codirección)
- Leonardo e os Biosbardos (A Xanela do Maxín, 2021; dramaturxia e dirección)
- A gárgola no rural (A Xanela do Maxín, 2022; dramaturxia e dirección)
- Toupiciencia Show (A Xanela do Maxín, 2022; dramaturxia e dirección)
- Lúa quere viaxar a... Marte! (A Xanela do Maxín, 2022; dramaturxia e dirección)
- Sorpresa! (A Xanela do Maxín, 2023; dramaturxia e dirección)
- Coliño (A Xanela do Maxín, 2023; dramaturxia e codirección)
- O Apalpador e as palabras perdidas (A Xanela do Maxín, 2023; dramaturxia e dirección)
- Babá-Bebé (A Xanela do Maxín, 2023; dramaturxia e dirección)
- De Castro a Villalta (A Xanela do Maxín, 2024; dramaturxia e codirección)
- Pasando a bóla. Xogando para cambiar (A Xanela do Maxín, 2024; dramaturxia e codirección)
- Confi, o Golfiño Manoliño (A Xanela do Maxín, 2024; dramaturxia e codirección)
Proxectos de intervención social
[editar | editar a fonte]- O Ano do Libro (2010): Proxecto itinerante de fomento da lectura por 50 concellos de Galicia.
- Actúa en galego (2015): Iniciativa para promover o uso do galego a través das artes escénicas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
- Teatro de obxectos e diversidade (2019): Obradoiros e creacións artísticas en ASPANAES[5] centradas na inclusión mediante técnicas de teatro de obxectos.
- As Artes na Educación Especial: Teorías, Metodoloxías e Prácticas Sociais, Culturais e Educativas para a Inclusión (2019): onde presentou o artigo Teatro de obxectos e consideración á diversidade, editado pola Associação para a Promoção e Divulgação Cultural.
- Pasando a bóla (2023): Proxecto de intervención en centros educativos de Galicia para a prevención do acoso escolar baseado no teatro do oprimido de Augusto Boal[6] dentro do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar da Xunta de Galicia.
- Actuando en con-vivencia (2024): Estratexias teatrais para a resolución de conflitos en ambientes educativos dirixidas a institutos de educación secundaria.
- Rachando co guión (2025): Proxecto de intervención para o fomento da igualdade de xénero mediante xogos de rol dramáticos baseados na pedagoxía crítica de Paulo Freire[7], co apoio do Consorcio Editorial Galego.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Finisterrae: o último ultramarinos". 2019-01-09. Consultado o 2023-11-09.
- ↑ "Leonardo e os Biosbardos". A Xanela do Maxín. Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2023. Consultado o 2023-11-09.
- ↑ "Coliño | Erregueté". erreguete.gal. 2023-03-15. Consultado o 2023-11-09.
- ↑ Titeresante (2019-02-27). "Monicreques de Kukas (Galicia). 40 años de vida titiritera. Por José Breijo Vidal". Titeresante (en castelán). Consultado o 2023-11-09.
- ↑ "Aspanaes". Aspanaes (en castelán). Consultado o 2025-03-26.
- ↑ "Augusto Boal". 2024-02-12.
- ↑ "Paulo Freire". 2024-06-12.