Joseph Cloud
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de agosto de 1770. Chester, Pensilvania. |
Morte | 3 de xullo de 1845 (74 anos) Radnor, Chester, Pensilvania. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Actividade | |
Ocupación | Químico. Fundidor e refinador da Casa da Moeda de Filadelfia |
Familia | |
Cónxuxe | Eliza Taylor (1797). |
Fillos | Eliza, Elizabeth, Joseph e Edwind Cloud. |
Joseph Cloud, nado no condado de Chester, Pensilvania, o 27 de agosto de 1770 e finado en Radnor, condado de Delaware, no mesmo estado, o 3 de xullo de 1845, foi un químico estadounidense e funcionario da Casa da Moeda de Filadelfia, onde ocupou o cargo de fundidor e refinador entre 1797 e 1836.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Joseph Cloud naceu o 27 de agosto de 1770, fillo maior de Amy Pyle e de Abner Cloud, casados cara a 1760.[1] O seu pai descendía de William Cloud, orixinario de Calne, no condado inglés de Wiltshire, que comprou terras no futuro municipio de Concord en 1682.[2]
Cloud formouse como químico e entre os seus logoros está a súa contribución á individualización do paladio.[1] Malia non aparecer citado adoito na literatura científica, o máis salientable é o seu apéndice á segunda edición americana (1809) da obra de Jane Marcet Conversations on Chemistry, no que dá conta da súa invención dun soprador hidropneumático.[3][4]
O presidente George Washington nomeou a Cloud fundidor e refinador da Ceca de Filadelfia en decembro de 1796, e o nomeamento foi confirmado polo Senado o 2 de xaneiro de 1797.[5] Ocupou este cargo ata que dimitiu o 14 de xaneiro de 1836, por mor dos seus problemas de vista.[1][2] Foi sucedido nese cargo por Franklin Peale.
Cloud foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana, de Filadelfia, en 1806,[6] e ocupou os cargos de secretario (1812) e de conservador (1814-1822), no período de Thomas Jefferson como presidente da sociedade.[1] Tamén formou parte da Sociedade Química de Filadelfia.[4]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Cloud casou o 21 de agosto de 1797 con Eliza Taylor, con quen tivo dous fillos e dúas fillas.[1][2]
Durante a derradeira etapa da súa vida residiu en Radnor, no condado de Delaware, Pensilvania, onde faleceu o 3 de xullo de 1845.[2] O seu corpo foi soterrado no cemiterio Laurel Hill, de West Bradford, Pensilvania.[1][2][7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Joseph Cloud". MyKindred.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Futhey, J. S.; Cope, G. (1881). Páxina 500.
- ↑ Marcet, J. (1809). Conversations on chymistry, in which the elements of that science are familiarly explained and illustrated by experiments and plates, from the last London edition: the second American edition: enlarged by an appendix consisting of a description, with a plate, and the manner of using of the new hydro-pneumatic blow-pipe, invented by Mr. Joseph Cloud of the mint of the United States: also of three disquisitions, one on dyeing, one on tanning, and one on currying. J. Humphreys, Boston. [Ver ficha da publicación]
- ↑ 4,0 4,1 Miles, W. (1950). "Early American Chemical Societies: 1. The 1789 Chemical Society of Philadelphia. 2. The Chemical Society of Philadelphia". En Chymia. Vol. 3. Páxina 110.
- ↑ "From George Washington to the U.S. Senate, 30 december 1796". Founders Online, National Archives (Founders,archives.gov).
- ↑ "Joseph Cloud". American Philosophical Society Member History. (Amphilsoc.org).
- ↑ "Joseph Cloud". Findagrave.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Futhey, J. S.; Cope, G. (1881). History of Chester County, Pennsylvania. L. H. Everts, Filadelfia.