Saltar ao contido

Xota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Jota»)
Xota castelá.

A xota[1] é unha baile e xénero musical español de carácter popular, estendida por gran parte da xeografía peninsular. As súas características varían segundo os diferentes territorios

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O seu nome provén do castelán, jota, este do antigo xota, este do mozárabe *šáwta, que significa "chimpo", e este deriva do latín saltare, "bailar". Algunhas teorías din que este baile naceu en Valencia, e o seu nome provén do valenciano antigo xotar ("botar" ou "saltar"), que pasou ao castelán como «jota».

En Valencia, antigamente, bailábase a xota na cerimonia dos enterros, así como en Cataluña, especialmente en zonas próximas ao Ebro (Amposta, Tortosa). Tamén nas Canarias as xotas e rondallas con características peculiares eran a parte máis destacadas do folclore, hoxe día un tanto desprazadas pola protección doutros estilos máis autóctonos. Nas illas existe a isa, unha peza musical derivada da xota. En Filipinas, os relixiosos españois transmitiron a xota aos tagalos, que a interpretan en rondallas acompañada de instrumentos característicos da zona.

A maioría dos etnomusicólogos considera a xota un baile de orixe relativamente moderna, baseándose tanto na características documentais como nos documentos conservados, posto que aparece citada no sainete La junta de los payos, de Ramón de la Cruz (1761). Non aparece mencionada, porén, noutras escolmas de bailes dos séculos XVI-XVIII. Considérase, polo tanto, que o seu espallamento pola xeografía peninsular produciuse durante o século XIX.

Características

[editar | editar a fonte]

O seu ritmo adoita ser compaseado en 3/4, aínda que algúns autores sosteñen que o 6/8 se adapta mellor á estrutura do ciclo coreográfico e estrófico. As harmonizacións populares máis habituais son acordes de primeira, cuarta e quinta do modo maior con sétima dominante. Para a súa interpretación empréganse guitarras, bandurras, laúdes, dulzaina e tambores no caso da variante castelá, e no caso da cántaba, asturiana e galega por gaitas, pitu montañés, pandeiretas, tambores e bombo.

As versións de exhibición cántanse e báilanse con traxes rexionais e castañolas, non sendo tan habitual no caso de bailala por diversión ou como baile social. O contido das cancións é diverso, dende o patriotismo ou a relixión ata os temas sexuais.

Os pasos que executan os bailadores son semellantes aos do valse, aínda que no caso da xota hai moita máis variación. A letra, en canto á forma, adoita seguir o esquema tradicional de cuartetos octosílabos, rimando en asonante o primeiro e terceiro verso.

Un bo número de compositores non españois empregaron este xénero en obras de inspiración española:

  • Maurice Ravel inclúe compases de xota na súa impresionista Rhapsodie Espagnole.
  • Jules Massenet en Le Cid e Georges Bizet en Carmen inclúen «aragonaises».
  • Emmanuel Chabrier incorpóraa na súa sinfonía Espagne (1883).
  • O compositor ruso Mikhail Glinka, tras unha viaxe por España empregou o estilo da xota na súa obra A xota aragonesa.
  • Liszt, pianista e compositor de orixe húngaro, escribiu unha xota para piano.
  • Saint-Saëns, compositor francés, compuxo unha xota para orquestra, o mesmo que o compositor ruso Balakirev.
  • Raoul Laparra, compositor francés, compuxo unha ópera titulada La jota.
  • José White, compositor cubano (1836-1918), compuxo La jota aragonesa.

Xota aragonesa

[editar | editar a fonte]
Xota aragonesa.

A xota aragonesa é a máis coñecida das manifestacións do folclore musical de Aragón. Poderíase datar a súa orixe contra finais do século XVIII, tendo o seu maior esplendor durante o século XIX, adquirindo grande auxe trala Guerra da Independencia. A súa bravura, a elegancia das súas formas, a difícil execución dos seus pasos e o peculiar xeito de se cantar fixo que a xota evolucionase, e que dende finais do século XIX fora levada aos escenarios como espectáculo. A xota tense incluído en zarzuelas, películas, grandes festivais, concursos e certames.

Os estilos de baile, chamados puros, por conservarse ata os nosos días, son os correspondente ás localidades de Calanda, Alcañiz, Andorra, Albalate e Zaragoza. Actualmente existen infinidade de coreografías modernas realizadas por e para os grupos folclóricos.

Xota navarra-rioxana

[editar | editar a fonte]

Xunto coa aragonesa, forman o grupo das xotas do Ebro. As letras das cancións son versos populares, nalgúns casos referidos a temas cotiáns presentes nas vidas da persoas polas que foron compostas. Un exemplo son as xotas á vendima ou cantos a Navarra mesma. Outros temas son os familiares, de campo ou de amor e desamor. Normalmente a parte instrumental da actuación está interpretada por unha rondalla. Existen escolas de xota ao longo de todo o val do Ebro ao paso pola Rioxa e Navarra, e tamén é moi popular en Miranda de Ebro, Tudela, entre outras localidades. Realízanse diversos concursos deste baile, que é un dos máximos expoñentes culturais desta zona.

Xota montañesa

[editar | editar a fonte]

Chámase así a variante cántabra da xota, que tamén é coñecida como "A lu altu y a lu baju". A xota montañesa é de suma elegancia, con movementos de mans suaves e ondulatorios, máis lenta e señorial que as demais. As mulleres non deben moverse apenas; case só as mans, os brazos e os pés, levando o compás, sen os movementos bruscos que son propios doutras zonas da Península, e cos ollos baixos, fitos nos pés do bailador. Cando hai máis mozos que mozas, os desaparellados adícanse a "revolver", é dicir, entran no baile e quitan o sitio aos que xa están bailando, interpóndose entre estes e a súa parella.

A xota non só se acompañaba de pandeiretas. Na cidade de Santander contrataban gaiteiros. En Cabuérniga e no resto de occidente cántabro tocábase con gaita e tambor, e máis modernamente co pitu montañés. En Carmona os mozos levaban "triscos", pequenas tarrañolas.

Xota castelá

[editar | editar a fonte]

A xota castelá (tanto da parte castelá de Castela e León como de Castela-A Mancha) adóitase acompañar con guitarras, bandurras, laúdes, dulzaina e tamboril. Todo mentres a parella de bailadores danza mantendo as mans por riba da altura da cabeza, en ocasións acompañados por castañolas. A xota castelá báilase cos característicos pasos saltados, un chisco picada, e é máis sobria e menos movida e airosa ca a de Aragón.

A xota manchega ten como característica propia o trazo de ronda. Moitas xotas da zona coñécense como "Xota do mantecado", xa que era frecuente cantalas e bailalas contra a época de Nadal e outras datas sinaladas.

Xota galega

[editar | editar a fonte]

A xota galega[2] é un baile similar ao resto das xotas peninsulares, de onde chegou a través dos que ían á sega a Castela. De feito, é normal chamala polo seu nome en castelán, jota. Musicalmente falando, interprétase como a muiñeira, tanto por grupos de pandeiretas ou como con gaita. O baile estrutúrase en paseo e punto, habendo en ocasións unha terceira parte chamada descanso. A variante do maneo caracterízase por ter puntos arrastrados, feitos de xeito sincopado. O zapateado é unha variante na que, como o seu nome indica, adóitanse a marcar mediante golpes cos pés os cambios a paseo ou troques de punto.

Xota filipina

[editar | editar a fonte]

A xota filipina era unha das danzas máis populares durante o período colonial español en Filipinas. Era orixinalmente interpretada en reunións sociais (convites de casamento, festas e bautizos) durante o réxime español. Os filipinos adaptaron a danza española, combinando música e baile de ámbalas dúas culturas.

As variantes da xota filipina difiren de rexión a rexión. Un exemplo é a xota paragua, procedente da antiga capital de Palawan, que amosa unha forte influencia castelá. A vestimenta empregada no baile dos zapateados, cubrados e sevillanas teñen unha evidente orixe española. As mulleres axitan o seu mantón, mentres que os cabaleiros seguen o ritmo cunhas tarrañolas de bambú. A música alterna tempos rápidos con lentos, de xeito similar aos aires españois de danzas como o flamenco, a propia xota española, o bolero, a seguidilla e o fandango.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Xota.
  2. "Aula de xota con Olga Kirk e Pablo Díaz". ardelloeixo.gal. Consultado o 22/01/2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]