Juan Martínez Vila
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1907 Redondela, España |
Morte | valor descoñecido |
Outros nomes | Gallego |
Actividade | |
Ocupación | político, maquis |
Juan Martínez Vila, coñecido como Gallego, nado en Redondela en 1907, foi un político comunista e guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Veciño de Vilar de Infesta. Emigrou a Arxentina a finais de 1923 e retornou cinco anos despois para facer o servizo militar en Ferrol. En agosto de 1931 foi elixido presidente da acabada de constituír sociedade agraria La Ideal de Vilar de Infesta.[1] En 1933 a Federación Agraria de Redondela proclamouno candidato á alcaldía para as eleccións municipais parciais de abril de 1933,[2] foi elixido concelleiro, sendo o candidato máis votado presidiu a sesión de constitución do concello o 10 de maio e foi nomeado segundo tenente alcalde nunha corporación corporación presidida por Serafín Dacosta Pazo.[3] Designado pola Federación Agraria de Redondela, foi proclamado candidato comunistas ás eleccións xerais de 1933.[4] Foi destituído polo gobernador civil en outubro de 1934 e reposto no cargo logo do triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e despois agochouse na súa propia casa. O xuíz militar de Vigo reclamouno mediante requisitoria o 22 de outubro.[5] Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en xullo de 1937 con Benigno Puche Castro.[6] En 1939 acolleuse ao bando do gobernador civil Manuel Gómez Cantos para que se presentaran ás autoridades os fuxidos sen delitos de sangue. Foi detido pola Garda Civil de Redondela e trasladado á prisión de Vigo, onde foi xulgado e condenado a 12 anos de prisión. Cumpriu condena nas prisións de Pontevedra, Santiago de Compostela e novamente a Prisión do Partido de Vigo, da que saíu en liberdade condicional en xuño de 1943.[7]
Desterrado a Sevilla, traballou como enfermeiro no asilo provincial dende xuño de 1943. Membro da célula comunista de Sevilla, en 1946 foi o encargado de imprimir na multicopista do seu domicilio exemplares de Mundo Obrero, que despois recollían os camaradas no asilo. No outono de 1946 a policía desmantelou o PCE de Sevilla e detivo a Juan Martínez, Filiberto Cardador García "Félix", José Expósito Expósito, Manuel López Reyes "Fernando", Casimiro Pousa Álvarez, Juan Posito Ramos, Carmen Navarro del Saz, Florencio Chacarte Echevarría e as irmás Francisca e Pilar Luque Luque. Foron xulgados en consello de guerra en Sevilla o 20 de xuño de 1947. Juan Martínez foi condenado a 12 anos de prisión xunto con Carmen Navarro e Pilar Luque, mentres que os demais acusados recibiron penas que oscilaban entre os 20 anos e os 6 meses de prisión. Cumpriu condena na Prisión de Burgos e na Colonia Penitenciaria del Dueso, da que saíu en liberdade condicional en abril de 1955.[8] Volveu a Vigo e traballou un tempo como conserxe no Hotel Estación. Emigrou a Arxentina en agosto de 1957. Visitou varias veces Redondela, a última en 1992.[9]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Dora Arhancet.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Pueblo Gallego, 19-7-1931, p. 7.
- ↑ Partidos Políticos da 1ª metade do s. XX
- ↑ El Pueblo Gallego, 13-5-1933, p. 8.
- ↑ El Pueblo Gallego, 14-11-1933, p. 10.
- ↑ El Pueblo Gallego, 23-10-1936, p. 3.
- ↑ BOE, 7-6-1937, p. 1787.
- ↑ BOE, 24-7-1943, p. 7160-7162.
- ↑ BOE, 27-6-1955, p. 3655-3856.
- ↑ "Juan Martínez Vila sufrió 17 años de cárcel por díscolo y rebelde", La Voz de Galicia, Vigo, 19-8-1992, p. 29.