Saltar ao contido

Juan Ramón Aldalur Lasa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJuan Ramón Aldalur Lasa
Biografía
Nacemento22 de decembro de 1948 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Tolosa, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1967 Editar o valor en Wikidata - 1973 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1967–1971   Deportivo da Coruña
1971–1973   Rayo Vallecano
Familia
IrmánsMiguel María Aldalur Lasa Editar o valor en Wikidata

Juan Ramón Aldalur Lasa, coñecido como Chapela II, nado en Tolosa (Guipúscoa) o 22 de decembro de 1948, é un exfutbolista vasco. Xogaba de dianteiro e destacou no Fabril de Arsenio e no Deportivo da Coruña, ata que unha rotura de tibia e peroné en 1968 truncou a súa carreira.

É irmán do tamén exfutbolista Miguel María Aldalur Lasa, alcumado Chapela.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en Tolosa, e tras pasar polo equipo do colexio Lecároz chegou á Coruña en 1966 para fichar polo Fabril,[1] na Terceira división, mentres que seu irmán Chapela xogaba no Deportivo da Coruña. Na tempada 1967/68 baixo as ordes de Arsenio, o equipo despregou un gran xogo ofensivo, logrando sonadas vitorias,[2] como un 9-1 contra o Lemos con catro tantos de Chapela II.[3] Deste xeito, con 17 goles, o dianteiro vasco ocupaba a primeira posición na táboa de goleadores de Terceira en xaneiro de 1968, cando, pretendido por varios equipos grandes, pasou a ter ficha do primeiro equipo do Deportivo, asinando un contrato por tres anos.[4]

Debutou co equipo dirixido por Eguiluz en Segunda División na xornada 19, contra o Burgos no Plantío, e tardou só catro minutos en facer o seu primeiro gol.[5] Xogou como titular os seguintes nove encontros e marcou seis goles máis, converténdose na gran figura do equipo, ata que rompeu a tibia e o peroné na antepenúltima xornada contra o Rayo Vallecano, nun choque contra o gardameta Mendieta.[6] Con todo, os seus goles contribuíron a que o equipo se proclamase campión da categoría e ascendese a Primeira división.

A lesión tívoo de baixa durante nove meses, reaparecendo en xaneiro de 1969 en Caracas, nun encontro amigable do seu equipo contra o Sporting de Portugal.[7] Uns días despois debutou na máxima categoría contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu, no único partido de liga que disputaría nesa tempada 1968–69. En marzo, e ante a falta de oportunidades no equipo de Cheché Martín, chegou a un acordo co club para regresar ao Fabril ata o final da tempada.[8]

Volveu ao primeiro equipo na campaña 1969/70, participando en 18 encontros e anotando cinco tantos, dous deles no derbi contra o Celta en Balaídos. Con todo, o Deportivo acabou descendendo a Segunda División. Na tempada 1970–71, xa con Arsenio no banco, participou en 15 partidos e anotou 5 goles, no retorno do equipo á máxima categoría.

Comezou a tempada 1971–72 no Deportivo, pero uns días despois co comezo desta, foi traspasado ao Rayo Vallecano, en Segunda División, onde permaneceu dúas campañas.[9] En 1973 fichou polo Logroñés, xogando alí tres tempadas ata a súa retirada.[10]

Despois da súa retirada comezou unha carreira de adestrador, sendo o seu primeiro equipo o Logroñés Promesas. A continuación regresou a Galicia, onde adestrou o equipo xuvenil do Deportivo da Coruña e o Orillamar.[10] En 1978 converteuse no novo adestrador do Sporting Sada, ao que dirixiu ata novembro de 1985.[11]

É irmán do tamén futbolista Miguel María Aldalur Lasa, tamén alcumado Chapela e que tamén foi xogador do Deportivo. En xuño de 1972 casou na Coruña con María Grien Docampo.[12]

  1. "Chapela II jugará en Burgos". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xaneiro de 1968. p. 11. 
  2. "Un Deportivo-Racing apasionante". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de xaneiro de 1971. p. 12. 
  3. "Perdió por amplia diferencia el Lemos en La Coruña, (9-1)". El Progreso (en castelán). 19 de decembro de 1967. p. 5. Consultado o 4 de xuño de 2021. 
  4. "Chapela II ya es profesional". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xaneiro de 1968. p. 13. 
  5. "Coruña, 3; Langreo, 2". El Pueblo Gallego (en castelán). 13 de febreiro de 1968. p. 18. Consultado o 4 de xuño de 2021. 
  6. "Chapela II se rompió una pierna". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de abril de 1968. p. 15. 
  7. "Mereció ganar el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de xaneiro de 1969. p. 17. 
  8. "Chapela II al Fabril". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de marzo de 1969. p. 16. 
  9. "Chapela, traspasado al Rayo Vallecano". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de setembro de 1971. p. 28. 
  10. 10,0 10,1 "Chapela, entrenador del Sp. Sada". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 1979. p. 36. 
  11. "El ferrolano Manuel Porta, nuevo entrenador del Sada". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de novembro de 1985. p. 47. 
  12. "Chapela II se casó". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xuño de 1972. p. 16.