Jurij Chěžka
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de xullo de 1917 Horka, Alemaña |
Morte | 1944 (26/27 anos) Kragujevac, Serbia |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Pseudónimo literario | Ludomil Hórčanski |
Descrito pola fonte | Nowy biografiski słownik k stawiznam a kulturje Serbow, (sec:Chěžka, Jurij, p.207–208) |
Jurij Chěžka (tamén coñecido polo pseudónimo de Ludomil Hórčanski e na súa época polo seu nome xermanizado oficial Georg Keschka), nado o 22 de xullo de 1917 en Hórki e finado en outubro de 1944 nos arredores de Kragujevac en Iugoslavia, foi un poeta sorbio, recoñecido como o fundador da moderna poesía sorbia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seu pai Mikławša Chěžki (1868–1931) era canteiro e súa nai, Hana, nacida Delenkec (1887–1984) en Haslow, era unha narradora popular, mesmo Pawoł Neda escribiu sobre ela en Wopyt pola bajkarki (1957), e exerceu unha grande influencia literaria no seu fillo. Por recomendación do párroco de Chrósćicy e activista cultural Jakub Šewčik estudou como interno no instituto arcebispal de Praga (1929-1937). A lingua de ensino era o checo, pero Chěžka ao igual ca outros sorbios mantiñan o uso da súa lingua grazas ás actividades que desenvolvía a asociación de estudantes católicos sorbios Serbowka dirixida na época por Mikławš Krječmar.
En 1936 publicou no suplemento "Serbskim studenće" da revista Serbske Nowiny o seu primeiro experimento poético. Nas vacacións de 1937 escribiu un conxunto de poemas ao que lle deu o título de Na puću za druhej domiznu. Neses textos prevalecen os temas do amor materno, o fogar, a xente mais a morte e constitúen a base da súa produción poética. Logo da prohibición de Serbske Nowiny en agosto de 1937 polas autoridades nazis fundou e escribiu Gmejnskeje heje intitulado órgano dos estudantes sorbios de Praga que se editaba de xeito manuscrito e na que se preservaron outro feixe de poesías do autor. Tras rematar os estudos secundarios en 1937 entrou na Universidade Carolina para estudar bohemística e xermanística, e asistiu tamén ás clases de sorbio que daba o profesor Josef Páta dende a súa creación no curso 1933/34.
Após a ocupación de Checoslovaquia polos alemáns en 1939 a Gestapo interrogouno e pasou un mes no centro de interrogamento de Dresden. Pouco despois da súa liberación, tivo que servir na Wehrmacht e marchou á fronte en Francia e máis tarde loitou en Bulgaria, Grecia e Iugoslavia. Morreu ao intentar desertar e contactar cos partisanos[1] preto da cidade serbia de Kragujevac.
A partir de 1961 coa publicación da súa obra, composta por 54 poemas en sorbio, converteuse no punto de referencia para os novos poetas xurdidos tras a guerra, como Kito Lorenc, Benedict Dyrlich ou Róža Domašcyna[2]. A súa prosa é tamén escasa, un relato, o comezo dunha novela e algunha colaboración literaria, pero a diferenza da súa poesía tivo escasa relevancia literaria.
Obra
[editar | editar a fonte]- Na puću za druhej domiznu [manuscrito], 1937
- Basniske dźěło, Bautzen 1961
- Poezija małej komorki , Ludowe nakładnistwo Domowina, Budyšin 1971
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Milan Hrabal "Jurij Chěžka - 100 let od narození" Česko-lužický věstník, nº 7-8/2017, p. 60
- ↑ Dietrich Scholze: "Georg Keschka (1917–1944)" in: Institut für Sächsische Geschichte und Volkskunde (Hrsg.): Sächsische Biografie.