KAS Eupen
KAS Eupen | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Königliche Allgemeine Sportvereinigung Eupen | |||
Alcume(s) | Pandas | |||
Fundación | 9 de xullo de 1945 (79 anos) | |||
Estadio | Kehrwegstadion, Eupen | |||
Inauguración | 1947 | |||
Capacidade | 8.363 | |||
Propietario | Aspire Zone Foundation | |||
Presidente | Mishal bin Khalifa bin Nasser Al-Thani | |||
Adestrador | Florian Kohfeldt | |||
Liga | Pro League de Bélxica | |||
2022/23 | 15º | |||
Na rede | ||||
https://www.as-eupen.be/ | ||||
| ||||
O KAS Eupen (abreviatura de Königliche Allgemeine Sportvereinigung Eupen e coñecido simplemente como Eupen) é un club de fútbol belga con sede en Eupen, provincia de Liexa, que milita na Pro League belga, a máxima categoría do fútbol do país. Foi fundado o 9 de xullo de 1945 pola fusión do Jugend Eupen e o FC Eupen 1920.
Dende a súa fundación, o club xoga os seus partidos como local no Kehrwegstadion de Eupen. O Eupen é o primeiro club belga da Comunidade Xermanófona de Bélxica que xogou na máxima división belga.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación e primeiros anos
[editar | editar a fonte]O KAS Eupen foi fundado o 9 de xullo de 1945 a partir da fusión de dous clubs máis antigos de Eupen: o Jugend Eupen e o FC Eupen 1920.[1] Xogou o seu primeiro partido oficial o 21 de xullo do mesmo ano, nun torneo festivo durante unha festa nacional.[2]
Poucas semanas despois, o club disputou a súa tempada inaugural na II División Provincial de Liexa.[2] Aínda que en 1947 se construíu a primeira bancada e ao ano seguinte se instalou a iluminación, mellorando así a infraestrutura, o club non puido evitar o descenso á II División Rexional.[2] Baixo o liderado do xogador e adestrador Roger Burgers, o Eupen gañou o primeiro título da súa historia, que se repetiu ao ano seguinte, o que permitiu ao club alcanzar as divisións nacionais por primeira vez en 1951.[2]
A primeira etapa do club nas divisións nacionais foi curta, pero conseguiu un novo ascenso ao final da tempada 1955/56, liderado por Albert Bertrand.[2] Despois dun novo descenso dous anos despois, o club volveu ascender antes en 1961 para estabilizarse nas divisións superiores ata 1969.[2]
Chegado ao club en 1966, Hubert Van Dormael levou ao equipo a un segundo posto na tempada 1967/68, antes de conseguir un histórico primeiro ascenso á Terceira División belga na tempada seguinte, por diante do LC Bastogne e do Herve FC. O club decidiu entón construír unha nova bancada.[2] No proceso, Van Dormael levou ao equipo ao título de Terceira División, o que supuxo o seu primeiro ascenso á Segunda División belga. O equipo gañador do título contou con algúns dos xogadores máis emblemáticos da historia do club, entre eles Werner Pirard e Karl Franssen, o histórico capitán Günter Brüll, así como o porteiro Elmar Keutgen, futuro alcalde da cidade de Eupen e deputado do Parlamento da Comunidade Xermanófona de Bélxica.[2][1]
Os Cinco de Ouro
[editar | editar a fonte]De cara á súa primeira tempada na segunda división do fútbol belga, o Eupen e o seu adestrador Paul Brossel eran ambiciosos O club fichou a Gerhard Prokop, procedente do Alemannia Aachen, considerado un dos tres mellores porteiros da Bundesliga pola prensa deportiva alemá xunto con Sepp Maier e Manfred Manglitz.[2] O Eupen perdeu o seu primeiro partido na casa contra o FC Malinois pero gañou o seguinte contra o Daring Club Bruxelles de Jean Nicolay, logrando así a súa primeira vitoria na segunda división.[2]
Despois de sobrevivir á súa primeira tempada no segundo nivel, o club conseguiu outra gran fichaxe: Philippe Garot.[2] Unhas semanas máis tarde, un segundo xogador alemán, Helmut Graf, chegou desde o Bonner SC.[2] O Eupen conseguiu de novo a permanencia na segunda división, rematando na décima posición na tempada 1971–72.[2] Ao final da tempada e despois de seis anos no club, Hubert Van Dormael foi substituído por Gerhard Prokop, que asumiu a dirección como xogador-adestrador.[2] Pero a falta de fondos obrigou ao club a desfacerse dalgúns xogadores clave ao final da tempada, entre eles Philippe Garot.[2]
Paul Brossel volveu optar por contratar xogadores en Alemaña, e fíxose co máximo goleador da Rot-Weiß Oberhausen, Ulrich Kallius, que chegou ao Eupen ao comezo da tempada 1972–73.[2] Kallius pasou á historia do club como un dos seus mellores dianteiros, marcando 16 goles en 25 partidos esa tempada.[3] A pesar diso, o Eupen só puido ser 13º.[2]
Aínda con problemas económicos, o club volveu verse obrigado a vender algúns dos seus mellores elementos e Kallius e Graf puxeron rumbo ao Olympique Charleroi.[2] Para compensar estas saídas, Paul Brossel conseguiu fichar outro dianteiro alemán: utilizando o diñeiro recibido pola venda de Kallius, adquiriu a Rainer Gebauer, dianteiro do FC Köln.[4] A tempada 1973/74 supuxo o regreso de Hubert Van Dormael,como adestrador, volvendo Prokop só ás funcións de xogador. Isto deu os seus froitos e no outono o equipo ocupaba o primeiro posto da clasificación da liga, manténdose no liderado ata a última xornada ante o Lokeren. Nese último encontro, o Eupen adiantouse no marcador a falta de 15 minutos, pero o Lokeren empatou de penalti antes de marcar un segundo gol ao final do partido.[5] Isto significou que o Lokeren superase ao Eupen na clasificación, e que se perdese o ascenso directo.[2] O Eupen accedeu entón ao play-off de ascenso, pero a moral desaparecera e o equipo rexistrou seis derrotas noutros tantos partidos.[2]
Á decepción deportiva sumáronse novos problemas económicos que obrigaron ao club a vender de novo os seus mellores xogadores: Gebauer marchou ao Charleroi, Taeter fichou polo Winterslag e Prokop co Aachen.[2] O club, con todo, continuou desenvolvendo a súa infraestrutura, creando a súa primeira xunta directiva e instalando unha nova iluminación no estadio.[2] O equipo continuou con dificultades nas seguintes tempadas, e sufriu o descenso á Terceira División ao final da tempada 1974/75.[2]
Altibaixos
[editar | editar a fonte]Con René Irgel como novo adestrador, o Eupen gañou o título na tempada seguinte, o que lle permitiu regresar á segunda división. Con todo, o club volveu descender ao ano seguinte.[1]
Despois de varias tempadas na terceira división, o club gañou de novo o ascenso ao final da tempada 1980/81.[1] Durante este período producíronse tres grandes cambios: o club optou por centrar a súa política deportiva na formación,[2] o Concello de Eupen comprou as instalacións do club por un período de 30 anos en maio de 1979, e a entidade cambiou o seu nome para converterse no Allgemeine Sportvereinigung Eupen.[2]
Con xogadores principalmente novos, e con Claude Siemianow no banco, o club gañou un novo título da Cuarta División en 1984, regresando así á Terceira División. O máximo goleador da liga por segundo ano consecutivo, Pierrot Thissen, tivo un papel importante neste éxito.[2]
O club permaneceu na terceira división ata o final da tempada 1987/88, cando caeu de novo á cuarta, na que se mantivo varios anos. Incluso foi preciso o retorno providencial da lenda do club, Hubert Van Dormael, para salvar o equipo dun novo descenso na primavera de 1989. A partir de 1992, as actuacións melloraron e en 1995, baixo a dirección de Tony Fagot, o Eupen terminou segundo na liga e volveu acadar a terceira división, esta vez a través dos play-offs de ascenso.[1][2] Entre os principais xogadores deste período están o porteiro local, Frank Neumann e Frank Mockel.[1]
De volta na terceira división, o club celebrou nesta ocasión o seu cincuenta aniversario, obtendo o título de "Real" o 28 de setembro de 1995.[1] No terreo de xogo, o equipo adestrado por Claudy Chauveheid volveu á parte alta da clasificación.[6] Durante este período, o primeiro equipo estaba formado principalmente por xogadores novos da rexión, como Marc Chauveheid, fillo do adestrador e autor de 90 goles durante a súa carreira no Eupen.[7] Grazas en particular a esta conexión pai-fillo, o club gañou outro título e volveu á segunda división por primeira vez desde 1977. Sorprendentemente, o club optou ao ascenso á Primeira División, que estivo preto de acadar na tempada 2002/03, antes de perder finalmente nos play-offs.[1]
Os resultados do Eupen empeoraron nas seguintes campañas, e tras a saída de Claudy Chauveheid,[8] o equipo caeu ao fondo da segunda división no inverno de 2008. Nese momento, investidores italianos, representados por Antonino Imborgia, tomaron o relevo no Kehrweg.[9] Realizáronse numerosas fichaxes, moitos deles xogadores de Italia e Suíza.[9] O club comezou a primavera con Danny Ost como adestrador e conseguiu evitar o descenso á terceira categoría.[1] N tempada 2009/10 liderou a segunda división durante varias xornadas e finalmente clasificouse por terceira vez na súa historia para o play-off de ascenso á Pro League belga.[1] Aínda que non era considerado favorito antes do play-off, o Eupen logrou un ascenso histórico tras a vitoria por 2-1 sobre o Mons. O ascenso supuxo a primeira vez que un club da Comunidade Xermanófona de Bélxica chegaba á máxima categoría.[1][9]
Debut na Primeira División
[editar | editar a fonte]A total profesionalización, esixencia marcada pola Primeira División belga para poder xogar na máxima división, supuxo en particular a modernización e ampliación do Kehrwegstadion.[9][10] Durante as obras, o Eupen xogou os seus primeiros partidos na casa no Stayen de Sint-Truiden.[11] Os seus primeiros pasos na primeira división foron difíciles, e o equipo sufriu cinco derrotas en cinco partidos. Danny Ost foi destituído e substituído por Ezio Capuano. Só permaneceu 19 días á fronte do equipo antes de dimitir e ser substituído por Albert Cartier.[12] Co adestrador francés o equipo foi mellorando aos poucos. No seu debut no estadio reconstruído, o Eupen goleou por 6-0 ao Sint-Truiden,[13] vitoria á que seguiron outros resultados positivos, pero o equipo mantívose loitando contra o descenso durante boa parte da tempada 2010/11. Finalmente, tivo que disputar a fase de permanencia, e acabou descendendo de novo a segunda.[14]
Propiedade de Qatar
[editar | editar a fonte]En xuño de 2012, o club foi comprado polo goberno de Qatar e a súa Aspire Zone Foundation, propietaria tamén do Paris Saint-Germain. A Aspire Academy anunciou a súa intención de usar o club como plataforma de lanzamento ao fútbol europeo para os seus futbolistas das academias de África, América do Sur e Asia.[15] O Eupen acabou segundo na Segunda División 2015/16, conseguindo o ascenso á máxima categoría do fútbol belga por segunda vez na súa historia e acadou a permanencia na seguinte.[1]
A tempada 2017/18 comezou sen os mellores goleadores da última tempada, Onyekuru e Sylla. O Eupen ocupou postos de descenso durante a maior parte da tempada e o adestrador Jordi Condom foi destituído e substituído polo ex internacional francés Claude Makélélé. O KV Mechelen converteuse no seu principal rival pola permanencia, e ambos equipos chegaron á última xornada empatados a puntos pero con mellor diferenza de goles para o Mechelen. O Mechelen gañou o seu partido por 2-0, polo que o Eupen precisaba gañar por tres goles para seguir en Primeira, e conseguino ao golear por 4-0 ao Royal Excel Mouscron, con dous goles de Toyokawa e outros dous do capitán, o asturiano Luis García. Na tempada 2018/19, o club acadou o posto 12º da táboa, evitando loitar polo descenso por primeira vez na súa historia.
Palmarés
[editar | editar a fonte]Nacional
[editar | editar a fonte]- Terceira División belga: (3): 1969–70, 1975–76, 2001–02
- Cuarta División belga: (2): 1968–69, 1983–84
Rexional
[editar | editar a fonte]- Primeira Provincial de Liexa: (1): 1955–56
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 "Historia". as-eupen.be (en alemán). Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 2,20 2,21 2,22 2,23 2,24 2,25 2,26 Falter, Erich (1995). 50 Jahre A.S. Eupen 1945-1995 (en alemán). Eupen: Grenz-Echo Druckerei.
- ↑ "„Ole“ Kallius und das Desaster des HSV, in dessen Veteranen-Elf er 14 Jahre u.a. mit Seeler und Magath spielte" (en alemán). 2 de xullo de 2020. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Rainer Gebauer: „Das Jahr in Eupen war gigantisch, einmalig“ [1. Teil]" (en alemán). 16 de xaneiro de 2017. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "KSC Lokeren in Konkurs: Erfolgsstory fing 1974 mit einem umstrittenen 2:1-Sieg gegen die AS Eupen an" (en alemán). 20 de abril de 2020. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "« Claudy Chauveheid, celui qui m’a lancé »" (en francés). 16 de decembro de 2015. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Le maintien vu par le meilleur buteur de l'histoire d'Eupen: "Frustrant de jouer sa saison sur 90 minutes"" (en francés). 11 de marzo de 2018. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Eupen et Chauveheid se quittent" (en francés). 21 de decembro de 2004. Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2021. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 "L'As Eupen en D1, c'est fait !" (en francés). 22 de maio de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Vers un Kehrweg de 8 000 places" (en francés). 5 de xuño de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Amper 2000 fans op Stayen voor Eupen-G. Beerschot" (en neerlandés). 18 de setembro de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Capuano na 19 dagen al weg bij Eupen, Cartier neemt over" (en neerlandés). 24 de set. de 2010. Consultado o 19 de setembro de 2023.
- ↑ "L'incroyable première victoire Eupen Saint-Trond 6 0" (en francés). 18 de outubro de 2010. Consultado o 19 de setembro de 2023.
- ↑ "Degradatie naar tweede is geen drama voor Eupen" (en neerlandés). 8 de maio de 2011. Consultado o 18 de setembro de 2023.
- ↑ "Qatari Soccer Empire Buys a Foothold in Europe". The New York Times (en inglés). 15 de xullo de 2014. Consultado o 18 de setembro de 2023.