Saltar ao contido

Karshapana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Karshapanas de Kosala. Ca. 525-465 a.C. Diámetro medio: 25 mm. Peso medio 2,70 g. Cada peza presenta diversas marcas de punzón aplicadas por separado en ambas as faces.

Karshapana (sánscrito: कार्षापण, IAST: Kārṣāpaṇa), segundo o Aṣṭādhyāyī de Pāṇini, é un antigo tipo de moedas indias vixentes entre os séculos V e IV a.C., cuxa validez dependía da integridade da persoa que as autenticase. Os eruditos adoitan supor que nun principio foron emitidas por comerciantes e banqueiros, e non polo Estado.

As karshapana contribuíron ao desenvolvemento do comercio, xa que evitaban a necesidade de pesar o metal durante o intercambio. Tratábase basicamente de pezas de prata estampadas con entre un e cinco ou seis símbolos (rūpas) gravados con punzón, orixinalmente só no anverso das moedas emitidas inicialmente polos Janapadas e Mahajanapadas. Ademais, levaban adoito unha ou varias marquiñas diminutas para testemuñar a súa lexitimidade.[1][2]

Etimoloxía e referencias literarias

[editar | editar a fonte]

Estas moedas punzonadas chamábanse Kārṣāpaṇa porque tiñan o peso teórico dun kārsha cada unha.[3]

A palabra kārṣāpaṇa, aparece por primeira vez na literatura sutra, no Samvidhān Brāhmana. Moedas con esta denominación estaban en circulación durante os períodos Sutra e Brāhmana, e tamén teñen unha mención no principio do budista (Dhammapada, verso 186):[4]

Na kahapana vassena titti kamesu vijjati appassada dukha kama iti vinnaya pandito.

"Os desexos sensuais non se poden saciar cunha choiva de karshapanas; os desexos sensuais dan pouco pracer e están cargados de malas consecuencias".

O comentario de Patañjali titulado Mahabhashya, de mediados do século II a.C., sobre as regras da gramática sánscrita do tratado de Pāṇini de ca. 400 a.C., utiliza tamén a palabra, kārṣāpaṇa para se referir a unha moeda.[5]

कार्षापणशो ददाति.

"El dá pola moeda karshapana".

ou

कार्षापणम् ददाति.

"El dá unha karshapana".

Esta cita prodúcese ao explicar o uso do sufixo – शस्, recollido por Pāṇini no Sutra V.iv.43, neste caso, कार्षापण + शः para indicar distributividade.[6]

O Shatapatha Brahmana fala de kārṣāpaṇas cun peso de 100 ratis, cuxo tipo foi achado soterrado en Taxila por John Marshall en 1912.

O achado de Golakpur (Patna) pertence ao período do rei Ajatashatru.[7]

Os achados do túmulo de Bhir (1924-1945), en Taxila, Paquistán inclúen moedas do Imperio Maurya e unha moeda de Diodoto I (255-239 a.C.) emitida en 248 a.C.[8]

No tesouro de Chaman-e-Hozori en Cabul (ca. 380/350 a.C.) hai dúas variedades de moedas indias punzonadas, xunto con numerosas moedas gregas do século V a.C. e principios do século IV a.C.,[9] o que indica que as Kārṣāpaṇas deste tipo eran contemporáneas das moedas gregas e circulaban como moeda de curso legal.[10]

Período Maurya

[editar | editar a fonte]
Karshapana do Imperio Maurya, período do rei Bindusara (ca. 297-272 a.C.). Ceca: Pataliputra. A/: Símbolos cun Sol. R/: Símbolo. Dimensións: 14 x 11 mm. Peso: 3,4 g.

Durante o período Maurya, a moeda punzonada chamada rūpyārūpa —que era o mesmo que kārṣāpaṇa ou kahāpana, ou prati ou tangka— estaba feita dunha aliaxe de prata (11 partes), cobre (4 partes) e calquera outro metal ou metais (1 parte). As primeiras moedas indíxenas indias denominábanse suvarṇa (de ouro), purāṇa ou dhārana (de prata) e kārṣāpaṇa (de cobre). Xa na época do imperio Maurya instaurouse definitivamente a economía monetaria.[11] As moedas de cobre punzonadas chamábanse paṇa.[12] Este tipo de moedas estaban en circulación moito antes da ocupación do Punjab polos gregos,[13] que mesmo as levaron á súa propia patria.[14] Orixinalmente, eran emitidas polos comerciantes como barras ou pezas de prata dobradas; a karshapana de prata do Reino de Magadha marcada con punzón emitida polo rei Ajatashatru, da dinastía Haryanka, era unha emisión real que levaba cinco marcas e pesaba cincuenta e catro grans, o peso védico denominado kārsha, igual a dezseis māshas.[15]

Descoñécese a cronoloxía interna das karshapana e as marcas de distinción entre as moedas emitidas polos Janapadas e as emisións de Magadha. O tratado indio sobre a arte de gobernar Arthashastra, atribuído a Chanakya, fala sobre o papel do superintendente da casa da moeda (lakshanadhyaksha), que coñecía os símbolos, e do "examinador de moedas" (rupadarshaka), aínda que non trata a construción, a orde, o significado nin o que subxace aos símbolos punzonados nestas moedas; de aí que non fose posible a súa identificación nin a súa datación exactas.[16]

Karshapana do rei Pushyamitra Sunga (185-149 a.C.), da dinastía Sunga (185-73 a.C.). Ceca: Vidisa (?). A/: 5 símbolos, incluído un Sol. R/: 2 símbolos. Dimensións: 19,7 x 13,87 mm Peso: 3,5 g.

As moedas locais de prata punzonadas incluídas nos achados de Bhabhuā e Golakpur foron emitidas polos Janapadas e estiveron en circulación durante o reinado da dinastía Brihadratha, á que sucedeu a dinastía Haryanka en 684 a.C. Estas moedas amosan catro punzóns —o Sol, o símbolo dos seis brazos, frechas (tres) e figura taurina (tres)— que estiveron vixentes mesmo durante o reinado de Bimbisara (ca. 492-460 a.C.). Ajatashatru (552-520 a.C.) emitiu as primeiras moedas imperiais de seis punzóns, ás que se lles engadiron o touro e o león. Os sucesores de Ajatashatru, que gobernaron entre 520 e 440 a.C., a dinastía Shishunaga e a dinastía Nanda emitiron moedas con cinco símbolos: o símbolo do Sol, o dos seis brazos e outros. As moedas de Maurya tamén teñen cinco símbolos: a marca solar, os seis brazos, un outeiro con tres arcos con unha media lúa na cimeira, unha póla de árbore e un touro.[17]

  1. Parmeshwari Lal Gupta (2023). Páxinas 7-11.
  2. Ghosh, A. (1990). An Encyclopaedia of Indian Archaeology. BRILL. Páxina 10. ISBN 90-04-09264-1
  3. Narsimha Murthy, A. V. (1975). The Coins of Karnataka. Geetha Book House. Páxina 19.
  4. "The Dhammapada: Verses and Stories". Tipitaka.net.
  5. Scharf, P. M. (1996). The Denotation of Generic Terms in Ancient Indian Philosophy: Grammar, Nyāya, and Mīmāṃsā. American Philosophical Society. ISBN 978-0-87169-863-6
  6. The Ashtadhyayi of Panini Vol.2. Motilal Banarsidass. 1962. Páxina 998. ISBN 9788120804111
  7. Anand Singh (1995). Bhārat kī prāchīn mudrāyen (Ancient coins of India) 1998 Edition. Sharda Pustak Bhavan, Allahabad. Páxinas 41-42. ISBN 8186204091
  8. Parmeshwari Lal Gupta (2023). Páxinas 17-20, 239-240.
  9. Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 57-59: "O máis importante e revelador destes tesouros é o de Chaman-e-Hozori, en Cabul, descuberto en 1933, que contiña siclos reais aqueménidas da parte occidental do Imperio Aqueménida, xunto cunha gran cantidade de moedas gregas do século V e principios do IV a.C., incluída unha imitación local dun tetradracma ateniense, todas elas aparentemente collidas da circulación na rexión".
  10. Recording the Progress of Indian History. Primus Books. 2012. ISBN 9789380607283
  11. Radhakumud Mookerji (1966). Chandragupta Maurya and his times. Motilal Banarsidass. Páxinas 106, 107, 215, 212. ISBN 9788120804050
  12. Indian Sculpture. University of California Press. 1986. Páxina 67. ISBN 9780520059917
  13. Cunnigham, A. (1996). Coins of Ancient India. Asian Educational Services. Páxina 47. ISBN 9788120606067
  14. Holt, F. L. (2005). Into the Land of Bones. Alexander the Great in Afghanistan. University of California Press. Páxina 161. ISBN 9780520245532 karshapana.
  15. Kosambi, D. D. (1994). The Culture and Civilization of Ancient India in Historical Outline. Páxinas 124, 129. ISBN 9780706986136
  16. Bhardwaj, H. C. (1979). Aspects of Ancient Indian Technology. Motilal Banarsidass. Páxinas 140, 142. ISBN 9788120830400
  17. Srinivasan Kalyanaraman. "Punch-marked coin symbols are Indus Script Cipher continuum, signify wealth-accounting mint ledgers". Academia.edu

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). "Coins illustrating the History of the Crossroads of Asia". En Errington, E. et al. (eds.). The Crossroads of Asia: transformation in image and symbol in the art of ancient Afghanistan and Pakistan. Ancient India and Iran Trust. Páxinas 57-59. ISBN 978-0-9518399-1-1
  • Parmeshwari Lal Gupta (1985). Indian silver punchmarked coins: Magadha-Maurya Karshapana series (con T. R. Hardaker). Indian Institute of Research in Numismatic Studies, Nasik.
  • Parmeshwari Lal Gupta (2023). Coins. National Book Trust. Páxinas 17-20, 239-240. ISBN 81-237-1887-0