Keichū
![]() ![]() | |
Nome orixinal | (ja) 契沖 ![]() |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1640 ![]() Amagasaki, Xapón ![]() |
Morte | 4 de marzo de 1701 ![]() Enju-an, Xapón (en) ![]() ![]() |
Relixión | Budismo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, poeta, escritor ![]() |
Obra | |
Obras destacables |
Keichū (xaponés: 契沖), nado o 25 de febreiro do 1640 e finado o 3 de abril do 1701, foi un monxe budista xaponés e erudito da escola kokugaku de mediados do período Edo.[1][2] O máis importante pensador da kokugaku, Motoori Norinaga, consideraba a Keichū o fundador desta tradición intelectual.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Keichū naceu en Amagasaki, o terceiro dos oito fillos da familia Shimokawa.[3] O seu avó foi un servo de Katō Kiyomasa, mais o pai foi un rōnin do feudo de Amagasaki. A pesar da decadencia familiar, a súa nai ofreceulle unha educación rigorosa.[2] Aos once anos, Keichū abandonou a casa familiar para ingresar na seita Shingon, estudando en Myōhōji, Imasato e Osaca.[1][2][3] Tras rematar a súa formación, obtivo un posto de ajari ou mestre no templo do monte Kōya, e logo foi sacerdote superior no Mandara-in de Ikutama, Osaca.[1][3] Durante este período, fíxose amigo do poeta e estudoso Shimonokōbe Chōryū (1627-1686).[3]
Con todo, Keichū estaba descontento coas súas obrigas monacais e, tras unha viaxe pola rexión de Kinki, regresou ao monte Kōya.[1] Despois, serviu como sacerdote superior no templo Myōhōji. Keichū pasou os seus últimos anos en Enju'an, na provincia de Settsu.[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Moi influenciado polo pensamento de Kūkai, tamén estudou os clásicos xaponeses baixo a tutela de Fushiya Shigetaka, un patrón das artes da provincia de Izumi.[1][4] A súa prolífica obra estableceu un novo estándar para o estudo dos clásicos, fundamentado en traballos anteriores sobre a materia.[4]
Cando o daimyō de Mito, Tokugawa Mitsukuni, decidiu patrocinar unha nova edición do Man'yōshū, encargou o traballo a Shimonokōbe Chōryū, discípulo do grande poeta e erudito Kinoshita Chōshōshi (1569-1649).[5] Porén, tras falecer por unha enfermidade, a obriga recaeu sobre o seu amigo Keichū, que fora recomendado polo propio Shimonokōbe Chōryū.[3][5]
O resultado foi o Man'yō Daishōki 万葉集大匠記 ("Gran rexistro do Man'yōshū", 1687-1690), unha obra moi influente entre os autores da kokugaku.[3][6] En particular, destacou por aplicar os métodos da filoloxía chinesa, combinados cun ríxido empirismo.[7] Tamén empregou esta metodoloxía hermenéutica para elaborar unha crítica filolóxica do budismo, ensalzando o shintō como a relixión indíxena do Xapón.[7]
De xeito similar, o seu Waji shōranshō 和字正濫鈔 ("Tratado sobre o modo apropiado de escribir as palabras xaponesas", 1695) puxo en dúbida as convencións ortográficas tradicionais, establecidas por Fujiwara no Teika.[3][4] Ademais, ofreceu unha nova interpretación sobre o uso dos kana nos textos antigos.[3]
Tamén escribiu o Kōganshō 厚顔抄 (1691), o Kokin yozaishō 古今余材抄 ("Restos materiais das épocas antiga e moderna"), o Seigo okudan 勢語臆断 ("Conxeturas sobre os Contos de Ise), o Genchū shūi 源註拾遺 ("Notas complementarias sobre a orixe") e o Hyakunin isshu kaikanshō 百人一首改観抄 ("Unha nova mirada sobre o Hyakunin isshu").[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "契沖". norinagakinenkan.com. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2022. Consultado o 2024-01-19.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Fujiwara, Gideon; Nosco, Peter (2021). Zalta, Edward N., ed. The Kokugaku (Native Japan Studies) School (Fall 2021 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Murphy, Regan E. (2009). "Esoteric Buddhist Theories of Language in Early Kokugaku: The Sōshaku of the Man'yō daishōki" (PDF). Japanese Journal of Religious Studies (en inglés) 36 (1): 65–91.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Foulk, Emi Joanne (2016). "The Jeweled Broom and the Dust of the World: Keichū, Motoori Norinaga, and Kokugaku in Early Modern Japan" (en inglés). UCLA.
- ↑ 5,0 5,1 "『万葉代匠記』の歴史的意義と思想的背景について(3. 契沖は同時代においてどう評価されていたか -その1-)". shoshi-shinsui.com. Consultado o 2024-01-19.
- ↑ Hisamatsu, Sen'ichi (1973). Man'yō Kōza (en xaponés). Yūseidō.
- ↑ 7,0 7,1 Josephson, Jason Ananda (2012-10-03). The Invention of Religion in Japan (en inglés). University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-41235-1.