Khalifa bin Said bin Sultan Al-Nahian
Khalifa bin Said bin Sultan Al-Nahian (en árabe: خليفة بن زايد بن سلطان آل نهيان), nado o 7 de setembro de 1948 e finado o 13 de maio de 2022,[1] foi presidente dos Emiratos Árabes Unidos, emir de Abu Zabi, comandante supremo das Forzas de Defensa da Unión e presidente do Consello Supremo do Petróleo.
O xeque Khalifa tamén foi presidente do fondo soberano de investimento Abu Dhabi Investment Authority, que xestionaba 875 millóns de dólares en activos, a maior cantidade xestionada por un xefe de estado no mundo.[2] Crese que a familia Al Nahyan posuía unha fortuna de 150 000 millóns de dólares.[3]
O xeque Khalifa sucedeu ao seu pai, Zayed bin Sultan Al Nahyan, como emir de Abu Zabi o 2 de novembro de 2004 e converteuse no presidente dos Emiratos Árabes Unidos ao día seguinte. Como príncipe herdeiro, xa manexaba de facto algúns aspectos da presidencia dende finais dos noventa, mentres seu pai se enfrontaba a problemas de saúde.
En xaneiro de 2014, Khalifa sufriu un ictus pero recuperouse.[4] Con todo, dende entón non participou tanto nos asuntos do Estado, aínda que conservaba os poderes presidenciais. O seu medio irmán o xeque Mohammed bin Zayed Al Nahyan levou entón algúns asuntos públicos de Estado e toma de decisións cotiás do emirato de Abu Zabi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia e xuventude
[editar | editar a fonte]Khalifa naceu o 7 de setembro de 1948 en Qasr Al-Muwaiji, Al Ain, en Abu Zabi (entón parte dos Estados da Tregua), sendo o fillo máis vello de Zayed bin Sultan Al Nahyan, e Hassa bint Mohammed bin Khalifa Al Nahyan.[5] [6]
1966–1971
[editar | editar a fonte]Cando seu pai, Zayed, se converteu no emir de Abu Zabi en 1966, Khalifa foi nomeado Representante do Gobernante (alcalde) na Rexión Oriental de Abu Zabi e xefe do Departamento de Tribunais en Al Ain. Zayed era o Representante do Gobernante da Rexión Oriental antes de converterse no emir de Abu Zabi. Uns meses despois, o cargo foi asignado a Tahnoun bin Mohammed Al Nahyan.
O 1 de febreiro de 1969, Khalifa foi nomeado príncipe herdeiro de Abu Zabi, e ao día seguinte foi nomeado xefe do Departamento de Defensa de Abu Zabi. Nese posto supervisou a creación da Forza de Defensa de Abu Zabi, que despois de 1971 converteuse no núcleo das Forzas Armadas dos Emiratos Árabes Unidos.
Independencia en 1971
[editar | editar a fonte]Despois do establecemento dos Emiratos Árabes Unidos en 1971, Khalifa asumiu varios cargos en Abu Zabi: primeiro ministro, xefe do Gabinete de Abu Zabi (baixo o seu pai), ministro de Defensa e ministro de Economía. Despois da reconstrución do Gabinete dos Emiratos Árabes Unidos, o gabinete de Abu Zabi foi substituído polo Consello Executivo de Abu Zabi, e Khalifa converteuse no segundo vicepresidente dos Emiratos Árabes Unidos (23 de decembro de 1973) e presidente do Consello Executivo. de Abu Dhabi (20 de xaneiro de 1974), baixo a presidencia de seu pai.
En maio de 1976, converteuse en vice-comandante das Forzas Armadas dos Emiratos Árabes Unidos, baixo o presidente. Tamén chegou a ser o xefe do Consello Supremo do Petróleo a finais dos anos 80, e continuou nesta posición ata a súa morte, o que lle outorgou amplos poderes en materia enerxética. Tamén foi o presidente da Axencia de Investigación Ambiental e Desenvolvemento de Vida Silvestre.
Presidencia (2004-2022)
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/fd/Vladimir_Putin_in_the_United_Arab_Emirates_10_September_2007-5.jpg/220px-Vladimir_Putin_in_the_United_Arab_Emirates_10_September_2007-5.jpg)
Accedeu aos cargos de emir de Abu Zabi e presidente dos Emiratos Árabes Unidos o 3 de novembro de 2004, en substitución de seu pai Zayed bin Sultan Al Nahyan, que morrera o día anterior.
O 1 de decembro de 2005, o presidente anunciou que a metade dos membros do Consello Nacional Federal (FNC), unha asemblea que aconsella o presidente, serían indirectamente electos. Non obstante, a metade dos membros do consello aínda deberían ser designados polos líderes dos emiratos. As eleccións celebraríanse en decembro de 2006.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/76/George_W._Bush_and_Khalifa_bin_Zayed_Al_Nahyan.jpg/220px-George_W._Bush_and_Khalifa_bin_Zayed_Al_Nahyan.jpg)
En 2010, Khalifa foi descrito nun cable de WikiLeaks asinado polo entón embaixador estadounidense Richard G. Olson como un "personaxe distante e pouco carismático".[7] O 4 de xaneiro de 2010, a estrutura artificial máis alta do mundo, coñecida orixinalmente como Burj Dubai, foi rebautizada como Burj Khalifa no seu honor.[8]
En marzo de 2011, Khalifa enviou a Forza Aérea dos Emiratos Árabes Unidos a apoiar a intervención militar en Libia contra Muammar al-Gaddafi, xunto a forzas da OTAN, Qatar, Suecia e Xordania.[9]
Khalifa comprometeu o apoio total dos Emiratos Árabes Unidos ao réxime de Bahrain ante o levantamento en prol da democracia en 2011.[10]
Tamén en 2011, Khalifa foi clasificado segundo a revista Forbes como o cuarto monarca máis rico do mundo, estimándose en 15.000 millóns de dólares a súa fortuna.[11] En 2013, botou o Azzam, o iate a motor máis longo xamais construído, con 180 metros de longo e un custo de entre 400 e 600 millóns de dólares.[12][13]
No outono de 2011, os Emiratos iniciaron un programa para promover a "lealdade" a Khalifa e outros líderes dos Emiratos.[14] O programa continuou e animou non só os nacionais dos Emiratos, senón tamén os residentes de calquera nacionalidade a rexistrar o seu "agradecemento, recoñecemento e lealdade" aos Emires.
En xaneiro de 2014, Khalifa sufriu un ictus e informouse que se atopaba nun estado estable despois de someterse a unha operación.[4]
Investimentos e axuda exterior
[editar | editar a fonte]Os rexistros do goberno das Seychelles mostran que dende 1995 Khalifa gastou 2 millóns de dólares comprando máis de 66 hectáreas de terra na illa principal de Mahé, onde se está a construír o seu palacio. O goberno das Seychelles recibiu grandes paquetes de axuda dos Emiratos Árabes Unidos, destacando unha inxección de 130 millóns de dólares que se utilizou para servizos sociais e axuda militar, financiando barcos de patrullas para os esforzos antipiratería das Seychelles. En 2008, os Emiratos Árabes Unidos acudiron á axuda do endebedado goberno das Seychelles, cunha inxección de 30 millóns de dólares.[15]
Khalifa pagou 500.000 dólares polos terreos de 29,8 hectáreas do seu palacio en 2005, segundo o documento de vendas. Unha autoridade de planificación de Seychelles rexeitou inicialmente os plans de construción do palacio, unha decisión anulada polo gabinete do presidente James Michel.[15] Un mes despois do inicio da construción do palacio, a compañía nacional de servizos públicos advertiu de que os plans do local representaban ameazas ao abastecemento de auga. Joel Morgan, ministro de Medio Ambiente de Seychelles, dixo que o goberno non licitou as terras porque quería que fosen para Khalifa. Engadiu que pode que non se respectase a lei na venda dos terreos. En febreiro de 2010, o sistema de sumidoiros creado por Ascon, a empresa que construía o palacio, para os traballadores da construción do palacio, desbordouse, enviando ríos de residuos pola rexión, que alberga a máis de 8000 residentes. As axencias do goberno local e os funcionarios de Khalifa responderon rapidamente, enviando expertos técnicos e enxeñeiros. Os funcionarios do goberno concluíron que Ascon ignorou os códigos de saúde e de construción dos seus traballadores e multaron á empresa con 81.000 dólares. Ascon culpou do suceso a "condicións meteorolóxicas imprevistas". A oficina presidencial de Khalifa ofreceuse a pagar 15 millóns de dólares para substituír o sistema de canalización de auga polo monte. E os representantes do goberno de Seychelles e residentes din que Ascon se ofreceu a pagar aproximadamente 8.000 dólares a cada un dos 360 fogares afectados pola contaminación.
En abril de 2016, Khalifa apareceu nos Papeis de Panamá [16] desvelados por un consorcio internacional de xornalistas. Segundo estes, posuía propiedades de luxo en Londres por valor de máis de 1.700 millóns de dólares a través de compañías fantasma que Mossack Fonseca creou e administraba para el nas Illas Virxes Británicas.[17]
Condecoracións
[editar | editar a fonte]Honras estranxeiras
[editar | editar a fonte]España:
Colar da Orde do Mérito Civil[18]
Reino Unido:
Gran Cruz honoraria da Orde do Baño[19]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "UAE President Sheikh Khalifa bin Zayed passes away". Khaleej Times (en inglés). Consultado o 2022-05-13.
- ↑ "Asset-backed insecurity" (en inglés). 17 de xaneiro de 2008. Consultado o 3 de outubro de 2019.
- ↑ "The world's richest royal families revealed" (en inglés). 22 de abril de 2019. Consultado o 3 de outubro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 "Sheikh Khalifa stable after recovering from stroke" (en inglés). 25 de xaneiro de 2014. Consultado o 3 de outubro de 2019.
- ↑ "Sheikha Hessa, mother of Sheikh Khalifa, dies" (en inglés). 28 de xaneiro de 2018. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "His Highness Sheikh Khalifa bin Zayed Al Nahyan". www.cpc.gov.ae. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2019. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Leaked Papers Show Arab Leaders Critical of Iran, Neighbors" (en inglés). 30 de novembro de 2010. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "World's tallest building opens in Dubai" (en inglés). 4 de xaneiro de 2010. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Fuerzas militares en el conflicto libio". El País (en castelán). 19 de marzo de 2011. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Khalifa stresses UAE support to Bahrain" (en inglés). 4 de marzo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2013. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "The World's Richest Royals" (en inglés). 29 de abril de 2011. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Emirati royals knock Abramovich off top of yacht league" (en inglés). 14 de agosto de 2013. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "German Shipyard Launches World's Largest Private Yacht At 591 Feet" (en inglés). 5 de abril de 2013. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Want to pledge allegiance to the president of the UAE? With this new website you can!" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ 15,0 15,1 "Sheikh Abode a Sore Point in Seychelles" (en inglés). 9 de setembro de 2010. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "The Power Players". Papeis de Panamá. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Panama Papers: 12 world leaders linked to offshore dealings - and the full allegations against them" (en inglés). 5 de abril de 2016. Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "REAL DECRETO 890/2008, de 23 de mayo, por el que se concede el Collar de la Orden del Mérito Civil a Su Alteza Jeque Khalifa Bin Zayed Al Nahyan, Presidente de los Emiratos Árabes Unidos y Emir de Abu Dhabi." (PDF). BOE (en castelán). Consultado o 4 de outubro de 2019.
- ↑ "Khalifa coa condecoración". Consultado o 4 de outubro de 2019.