Kharkovchanka

O Kharkovchanka (en ruso: Харьковчанка) ou Kharkivyanka (en ucraíno: Харків'янка), é un vehículo todoterreo antártico fabricado entre 1957 e 1958 na Unión Soviética.
Co nome en clave de Manufactura 404S, foi deseñado e construído pola Planta de Enxeñaría de Transporte de Khárkiv, situada na entón República Socialista Soviética de Ucraína.[1][2] Máis tarde foi fabricado na Factoría Malyshev da mesma cidade. Está baseado no tractor de artillaría AT-T (que se inspiraba así mesmo no tanque T-54). En decembro de 1959 dúas unidades (cos números "21" e "23") foron despregadas na Antártida e chegaron ao Polo Sur. Este enorme vehículo de neve todoterreo contaba cunha pequena cociña, aseo, forno e oito camas.[1]
Na 39ª expedición antártica rusa, os Vityaz DT-30P substituíron aos Kharkovchankas.
Historia
[editar | editar a fonte]
En 1958 construíronse tres Kharkovchankas, que foron enviados á Antártida, onde atravesaron o territorio desde a costa ata a estación soviética de Vostok en febreiro de 1959. A principios de decembro de 1959, saíron da estación de Vostok dous Kharkovchankas e un tractor AT-T, en dirección ao Polo Sur xeográfico, ao que chegaron o 26 de decembro de 1959.[3] Alí sorprenderon á tripulación dos Estados Unidos que fora transportada en avión á Estación Amundsen-Scott o verán anterior. Nos anos seguintes realizáronse ducias de misións exploratorias máis con Kharkovchankas.
Entre 1974 e 1975, deseñouse e construíuse un Kharkovchanka de segunda xeración para o servizo antártico. A maior diferenza de deseño foi o cambio de localización da cabina e do motor á parte dianteira, así como a adición de xeración de enerxía auxiliar e calor cando o motor principal non estaba funcionando. Tres Karkovchankas de segunda xeración saíron da liña de produción en outono de 1975.[1]
Na década de 1980 planeouse unha terceira xeración baseada no tractor MT-T, pero quedou en suspenso permanente por razóns orzamentarias. Tras a disolución da Unión Soviética, os Kharkovchankas quedaron como o principal sistema ruso de transporte de carga antártica ata comezos da década de 2010.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Primeira xeración
[editar | editar a fonte]Do mesmo xeito que o Antarctic Snow Cruiser, o motor estaba dentro do espazo habitable, duns 20 metros cadrados, para permitir o mantemento técnico sen se expoñer aos elementos.[4] Con todo, o motor facía un ruído que dificultaba en gran medida o sono e os gases de escape cubrían o habitáculo de feluxe.[4]
Características técnicas
[editar | editar a fonte]Primeira xeración
[editar | editar a fonte]- Ensamblaxe: Khárkiv (Planta de Enxeñaría de Transporte), RSS de Ucraína
- Fabricante: Factoría Malyshev
- Lonxitude: 8,5 metros
- Ancho: 3,5 metros
- Altura: 4 metros
- Rodas: 7 a cada lado con piñón motriz e polea
- Ancho da pista: 1 metro
- Suspensión: barra de torsión
- Motor: V12 diésel de 995 CV
- Velocidade de cruceiro: 30 km/h
- Velocidade máxima: 56 km/h
- Pendente máxima: 30 graos
- Peso: 35.000 kg
- Capacidade de carga: 60 toneladas[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Calum Gillies (27 de xuño de 2020). "Kharkovchanka" - The Colossal Soviet Antarctic Cruisers (YouTube) (en inglés).
- ↑ "Антарктические вездеходы: США vs СССР". warandpeace.ru (en ruso). Consultado o 19 de decembro de 2024.
- ↑ "Russian South Pole Traverse". southpolestation.com (en inglés). Consultado o 19 de decembro de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 Gan, Irina; Drewry, David; Allison, Ian; Kotlyakov, Vladimir (2016). "Science and exploration in the high interior of East Antarctica in the twentieth centuryEnglish Full Text". Antarctic Climate and Ecosystems Cooperative Research Centre (en inglés). doi:10.13679/j.advps.2016.2.00065.