Krugerrand
Krugerrand [1] | |
---|---|
A/: busto de Paul Kruger cara á esquerda.
Lenda: SUID-AFRIKA * SOUTH AFRICA. |
R/: gacela saltona cara á dereita, que divide a data a ambos os seus lados. Marca de gravador (CLS).
Lendas: KRUGERRAND / FYNGOUD 1 OZ FINE GOLD. |
O krugerrand é unha moeda de ouro surafricana de investimento co peso dunha onza troy de ouro puro, cuñada por primeira vez o 3 de xullo de 1967 como vía para comercializar o ouro surafricano e producida pola Rand Refinery e a Casa da Moeda de Suráfrica.[2][3]
O nome da moeda resulta dunha combinación do apelido do antigo presidente da República Surafricana Paul Kruger —representado no anverso—, e de rand, a unidade monetaria surafricana. No reverso do krugerrand aparece unha gacela saltona, o animal nacional de Suráfrica.
En 1980, o krugerrand representaba máis do 90 % do mercado mundial de moedas de ouro e era a primeira opción para os investidores que compraban este metal. No entanto, durante as décadas de 1980 e 1990, os krugerrand caeron en desgraza, xa que algúns países occidentais prohibiron a súa importación pola súa vinculación co Goberno surafricano do apartheid.[4][5]
Aínda que os krugerrand carecen de valor nominal, teñen a consideración de moedas de curso legal en Suráfrica, en virtude da Lei do Banco da Reserva de Suráfrica (SARBA), de 1989.[6]
En 2017, a Rand Refinery comezou a cuñar versións en prata, que teñen o mesmo deseño xeral que a moeda de ouro, aínda que cun diámetro superior.[7]
Historia
[editar | editar a fonte]O krugerrand introduciuse en 1967 como unha vía para a propiedade privada do ouro. Cuñouse nunha aliaxe o 91,67 % de ouro e o 8,33 % de cobre —máis duradeira que o ouro puro— e co contido en ouro dunha onza troy. En 1980, cando o krugerrand representaba o 90 % do mercado mundial de moedas de ouro,[8] o Goberno surafricano introduciu tres moedas máis pequenas de carácter divisionario, que contiñan ½, ¼ e ⅒ onza troy (15,6; 7,8 e 3,1 g) de ouro, respectivamente.[9][10][11]
Por mor das sancións económicas contra Suráfrica pola súa política de apartheid, o krugerrand pasou a ser considerado como un obxecto de importación ilegal en moitos países occidentais durante as décadas de 1970 e 1980, e os Estados Unidos, que historicamente fora o maior mercado desa moeda, chegou a prohibir as importacións en 1985. O ano anterior comercializáranse nese país krugerrands por valor de máis de 600 millóns de dólares.[4]
A maioría destas sancións elimináronse en 1991, logo de que o Goberno surafricano tomara medidas para pór fin ás súas políticas de apartheid.[13][14][15]
En total vendéronse máis de 50 millóns de onzas en moedas de ouro krugerrand desde que comezou a súa produción en 1967.[16]
Moeda | Diámetro | Espesor | Peso | Pureza | Contido en ouro puro | |
---|---|---|---|---|---|---|
Gramos | Oz. Troy | |||||
1 | 32,77 mm | 2,857 mm | 33,9305 | 917 ‰ | 31,104 | 1,00 |
½ | 27,07 mm | 2,20 mm | 16,9653 | 917 ‰ | 15,552 | 0,50 |
¼ | 22,06 mm | 1,83 mm | 8,4826 | 917 ‰ | 7,776 | 0,25 |
⅒ | 16,55 mm | 1,30 mm | 3,3931 | 917 ‰ | 3,110 | 0,10 |
Deseño
[editar | editar a fonte]A moeda recibiu o nome de krugerrand porque no anverso, deseñado por Otto Schultz, aparece o rostro do estadista bóer Paul Kruger, presidente durante catro mandatos da antiga República Surafricana. A imaxe da gacela saltona do reverso foi deseñada por Coert Steynberg e utilizárase xa anteriormente no reverso das moedas surafricanas de cinco xilins (1947-1951 e 1953-1959)[17][18] e de 50 centavos (1961-1964).[19] A denominación do país e a alusión ao contido en ouro da moeda están inscritos tanto en afrikaans (SUID-AFRIKA) como en inglés (SOUTH AFRICA).[1]
Emisións proof
[editar | editar a fonte]A Casa da Moeda de Suráfrica produce edicións limitadas do krugerrand con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— destinadas non tanto aos investidores en ouro senón aos coleccionistas numismáticos. Estas moedas teñen un prezo superior ao da emisión común. Ambas as emisións diferéncianse, á parte de polo seu acabamento, polo número de estrías do seu canto, que nas da versión proof son 220, en tanto que nas da versión estándar de investimento son 160.[20]
50 aniversario do krugerrand
[editar | editar a fonte]En 2017 fixéronse 50 anos de primeira emisión do krugerrand e, para conmemorar o aniversario, a Casa da Moeda de Suráfrica produciu versións especiais en ouro, que a maiores da moeda dunha onza incluíron fraccións de ¹⁄₅₀ e de ¹⁄₂₀ hrugerrands,[21][22] así como un múltiplo de 5 krugerrands.[23] Por primeira vez, a emisión do krugerrand abriuse tamén a unha versión en prata e outra en platino, ambas de 999 milésimas.[1][24][25] A versión de prata tivo continuidade nos anos seguintes, xa sen a marca do cincuentenario.[7][26]
O límite de tiraxe destas moedas conmemorativas foi de 2.017 para a onza de platino, 5.000 para a de ouro e 1.000.000 para a de prata. As emisións conmemorativas distínguense pola inclusión dun emblema do 50 aniversario sobre o deseño da gacela no reverso das versións de platino e de prata, e á dereita do deseño da gacela nas emisións de ouro.[1][16][24][25].
Moedas similares noutros países
[editar | editar a fonte]Durante o mercado alcista do ouro da década de 1970, o krugerrand de ouro converteuse axiña na principal opción para os investidores en ouro de todo o mundo.[27] Entre 1974 e 1985, calcúlase que só nos Estados Unidos se importaron 22 millóns de moedas de krugerrand de ouro. Este grande éxito do krugerrand animou outros países produtores de ouro a cuñaren e a emitiren as súas propias moedas de investimento neste metal, como a Maple Leaf ("folla de pradairo") canadense en 1979,[28] a Nugget australiana en 1987,[29] o "panda de ouro" chinés en 1982,[30] a American Gold Eagle en 1986,[31] e a Britannia británica en 1987.[32]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "1 Ounce Krugerrand". Numista.com
- ↑ "Investment Gold. Krugerrands". Rand Refinery (Randrefinery.com).
- ↑ "Bullion". South African Mint (Samint.co.za)
- ↑ 4,0 4,1 Secter, B. (1985). "Reagan Bans Imports of S. Africa Krugerrand". En Los Angeles Times, 2 de outubro.
- ↑ "Krugerrand Luster Dim for Local Collectors". En Orlando Sentinel. 10 de setembro.
- ↑ Lei do Banco da Reserva Surafricano, 1989: 17 (2) (a) [...] o valor de cada moeda de ouro así ofrecida será igual ao importe neto ao que o banco estea disposto a comprar a devandita moeda de ouro o día do seu ofrecemento [...].
- ↑ 7,0 7,1 "The Silver Krugerrand Has Arrived". London Bullion Market Association (LBMA). Nº 90. Xullo de 2018.
- ↑ Bethell, T. (1980). "Crazy as a Gold Bug". En New York. Vol. 13. Nº 5. 4 de febreiro. Páxina 34.
- ↑ "⅒ Ounce Krugerrand". Numista.com
- ↑ "¼ Ounce Krugerrand". Numista.com
- ↑ "½ Ounce Krugerrand". Numista.com
- ↑ "Protest tegenverkoop Krugerrant bij banken". Nationaalarchief.nl
- ↑ Yearbook of the United Nations 1991. Volume 45. Páxina 114. 1992.
- ↑ "Most South African Sanctions Lifted". Morgan, Lewis & Bockius . Agosto de 1991. Páxina 2.
- ↑ Friedman, T. L. (1991). "Bush Lifts a Ban on Economic Ties to South Africa". En The New York Times. 11 de xullo.
- ↑ 16,0 16,1 St. Angelo, S. (2016). "Global Interest In Silver Investment Expands As South Africa Adds New Silver Krugerrand". En Money Metals. 4 de novembro.
- ↑ "South Africa. George VI - 5 Shillings". Numista.com
- ↑ "South Africa. Elizabeth II - 5 Shillings". Numista.com
- ↑ "South Africa. 50 Cents". Numista.com
- ↑ Rodgers, K. (2017). "Krugerrand: Right idea at right time". En Numismatic News. 9 de xullo.
- ↑ "¹⁄₅₀ Ounce Krugerrand 50th Anniversary". Numista.com
- ↑ "¹⁄₂₀ Ounce Krugerrand 50th Anniversary". Numista.com
- ↑ "5 Ounce Krugerrand 50th Anniversary ". Numista.com
- ↑ 24,0 24,1 "1 oz Silver Krugerrand - 1 Rand Gold Krugerrand Anniversary". Numista.com
- ↑ 25,0 25,1 "10 Rand 50th Anniversary of the Krugerrand". Numista.com
- ↑ "Silver Krugerrand - 1 Rand". Numista.com
- ↑ "Gold Krugerrands: Buying gold coins". Bullionvault.com. 17 de agosto de 2007.
- ↑ "50 Dollars - Elizabeth II 2nd Portrait; GML Bullion Coinage". Numista.com
- ↑ "100 Dollars - Elizabeth II 4th Portrait - Australian Nugget - Gold Bullion Coin". Numista.com
- ↑ "1 Ounce Gold Panda". Numista.com
- ↑ "5 Dollars "American Gold Eagle" Bullion Coinage". Numista.com
- ↑ "100 Pounds - Elizabeth II 3rd portrait; 1 oz Fine Gold". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Krugerrand |