Saltar ao contido

La bola de cristal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La bola de cristal foi un programa de Televisión Española emitido nos 80. Estaba dirixido por Lolo Rico. A primeira emisión foi o sábado 6 de outubro de 1984, emitíndose o último programa en 1988. Contaba con varias seccións orientadas a diversas franxas de idade. Recibiu dous premios «TP de Ouro» ó mellor programa infantil nos anos 1985 e 1987.

Cabe destacar o continuo recoñecemento de diferentes sectores da sociedade cara este programa que se saía da norma marcada polos programas infantís da época e outros máis actuais, e que apostaba por tratar os nenos como persoas adultas. La Bola de Cristal reflectía o cambio sociopolítico que supuxo a transición en España e a explosión cultural e musical coñecida como a movida madrileña.

Seccións

[editar | editar a fonte]

O programa estaba dividido en catro seccións diferentes, ben diferenciadas, e cada unha delas estaba dirixida a un público de diferente idade, que comprendía desde os máis nenos ós xa case adultos.

Primeira sección

[editar | editar a fonte]

Para os máis pequenos, e conducida por Isabel Bauzá e Gerardo Amechazurra, a primeira parte protagonizábana «Los electroduendes»: Bruja Avería, Bruja Truca, Hada Vídeo, Maese Cámara e Maese Sonoro. As voces destes bonecos foron, respectivamente, as dos actores de voz Matilde Conesa, Laura Palacios, Alicia Saínz de la Maza, Luis Pérezagua e Ángel Egido.

Estes eran os duendes da electrónica, e cada un tiña unha personalidade e unhas capacidades únicas das que só se fixo uso nos primeiros meses do programa e logo rara vez. Por exemplo, Maese Sonoro tiña a capacidade de oílo todo e producir sons, a Fada Video podía visionar e proxectar calquera imaxe que quixese, a Bruja Truca era unha namorada do cine e coñecíao todo sobre o mesmo etc. En cambio, a Bruja Avería tiña o poder de facer estoupar cousas, incluído os demais electroduendes.

Máis tarde, ó elenco de personaxes uniuse outro chamado El Hombre de las Nieves ou Amperio Felón, que adoitaba acompañar á Bruja Avería nos seus trucos. Ademais, ó terminar o programa adoitaban aparecer tódolos electroduendes xuntos cantando unha canción propia en diferentes videoclips creados para a ocasión.

Se ben nos primeiros meses do programa, en 1984, o formato do mesmo era algo diferente, presentado inicialmente por Isabel Bauzá, e acompañada polos Electroduendes (aparecendo a través do televisor ou unha bola de cristal e provocando desgrazas ós presentadores), pronto acabou prescindindo desta protagonista de carne e óso e o programa quedou só coas marionetas.

Ó longo da súa vida de emisión, os Electroduendes pasaron de protagonizar aventuras infantís a ser auténticos artífices das máis variopintas críticas contra o goberno, o capitalismo, a guerra, o terrorismo etc... grazas ó guionista Santiago Alba Rico. O programa converteuse nunha crítica social do seu tempo que non gustaba a todo o mundo, e moitos críticos (xornalistas sobre todo) puñan en cuestión se realmente era un programa dirixido ó público infantil, adolescente ou adulto.

Coa chegada de Pilar Miró como directora de RTVE en 1987, houbo que parar moitas desas cosas. Meteu presión para que se deixase de criticar a Felipe González (presidente do goberno español naquela época), a Ronald Reagan (presidente dos Estados Unidos de América entre 1980 e 1989) ou a Margaret Thatcher (primeira ministra do Reino Unido entre 1979 e 1990)[1] o que provocaba certo malestar á directora do programa, Lolo Rico, e ós seus guionistas, que se ben, durante todos eses anos tiveran toda a liberdade que quixeron para falar e tratar os temas que lles parecesen, agora víanse cunha soga no pescozo e atados de pés e mans para poderen falar e criticar en liberdade e ó seu modo o que quixeran e, por tanto, con ganas de seguir co programa.

Foron todas estas restricións as que provocaron que esta sección chegase ó seu fin a finais de 1987 e que posteriormente, La Bola de Cristal deixase de emitirse en 1988, substituído por un programa novo de corte máis infantil chamado Cajón Desastre e conducido por Miriam Díaz Aroca.

Os Electroduendes tiñan certa forma de falar en rima bastante orixinal, e acostumaban utilizar expresións, frases e formas nunca antes oídas. Un exemplo das mesmas podería ser: -"Viva el mal, viva el capital" (frase insignia da Bruja Avería), -"Soy Avería y aspiro a una alcaldía"-, "Mea pilas" -"Lo mío es... ¡El cine!" (frase insignia da Bruja Truca), -"Me importa un voltio".

Segunda sección

[editar | editar a fonte]

Dirixido a un público adolescente, «El librovisor» era un programa conducido por Olvido Gara, coñecida como «Alaska» e creado a partir dos guións de Carlo Frabetti e Carlos Fernández Líria.

Ó igual que pasaba coa sección dos Electroduendes, ó principio da emisión, Alaska estaba acompañada do Detective Mantequilla, encarnado por Miguel Ángel Valero, famoso polo seu papel de Piraña na serie Verano Azul. Ó longo do mesmo, o fin principal era que Alaska contase algunha historia da antiga Grecia, a era Romana, a Idade Media etc. mentres o Detective Mantequilla resolvía algún caso que gardase certa relación ou ningunha co tema que se trataba.

Máis tarde sumáronse ó elenco de personaxes Pedro Reyes e Pablo Carbonell, que naquela época eran un dúo humorístico, e que tiñan por misión interpretar as historias que contaba Alaska cun modo de ver un pouco disparatado e bastante persoal. Desta maneira na seguinte tempada prescindiuse do Detective Mantequilla, facendo que Pedro Reyes e Pablo Carbonell fosen fixos nesta sección xunto a Alaska ata o final da emisión en 1988.

A rodaxe con estas personaxes moitas veces foi unha auténtica loucura, pois adoitaban esquecer os guións, improvisaban moito e Alaska ás veces chegaba a perder a paciencia. Aínda así, o resultado final era satisfactorio e a sección acababa funcionando sen problemas.

Ó finalizar esta parte do programa, acostumaban pór un videoclip protagonizado por Alaska, Santiago Auserón, Loquillo ou Kiko Veneno.

Terceira sección

[editar | editar a fonte]

Chamada «La banda magnética», emitíase a serie infantil «La Pandilla», que trataba das aventuras e desventuras de Alfalfa e o seu grupo de amigos no barrio típico estadounidense dos anos 50. Máis tarde, esta serie substituíuse pola de The Monsters, e posteriormente pola súa versión moderna.

Tamén nesta sección repúxose a exitosa Bewitched. Moitas veces os capítulos eran introducidos por Alaska.

Despois do episodio proxectábase un «Monográfico» que trataba sobre a vida de antigos artistas do mundo do cine, como Charlie Chaplin, Romy Schneider etc.

A cuarta parte

[editar | editar a fonte]

Era a cuarta sección do programa, se ben parece que se preferiu deixar como programa á parte porque podía pensarse que non era apropiado para o público infantil.

Esta sección comezaba con «La entrevista del patito» onde a propia directora do programa, Lolo Rico, facía entrevistas a personaxes actuais daquela época, tales como Fernando Savater ou Pedro J. Ramírez, ou simplemente facía monólogos críticos sobre outros temas como a publicidade, a moda etc.

Logo comezaba «El Noticiario» con Javier Gurruchaga á fronte. Nel Gurruchaga tiña certa liberdade para tratar temas que lle viñesen en gana, falando de política, música, cine, e incluso protagonizando unha miniserie onde el mesmo interpretaba todas as personaxes da súa suposta familia imaxinaria, con guións escritos por Isabel Alba.

Ademais, tamén se emitían videoclips de autores ou grupos como Franco Battiato, Radio Futura, Mecano, Los Nikis, Eskorbuto, Javier Gurruchaga, La Unión, Los Toreros Muertos, Golpes Bajos, Glutamato Ye Ye, La Frontera, Nacha Pop, Gabinete Caligari ou Ramoncín. Grupos que representaban o conxunto de artistas e gustos musicais da etapa da Movida nos anos 80 e outros estranxeiros.

Anos máis tarde, engadiuse a esta sección a proxección de curtas humorísticas españolas como The Traka onde unha novísima Anabel Alonso Gómez facía as súas primeiras aparicións na televisión, ou «el Show de Pedro Reyes», onde o actor protagonizaba disparatadas e absurdas situacións.

  1. Lolo Rico, El Libro de La Bola de Cristal, Barcelona, Plaza & Janés, 2003, páx. 189.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]