La ciudad de los prodigios
La ciudad de los prodigios | |
---|---|
Título orixinal | La ciudad de los prodigios |
Autor/a | Eduardo Mendoza |
Orixe | Cataluña |
Lingua | castelán |
Colección | Biblioteca Breve |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Seix Barral |
Data de pub. | 1986 |
Páxinas | 576 |
ISBN | 978-84-322-07815-X |
[ editar datos en Wikidata ] |
La ciudad de los prodigios é unha novela en lingua castelá de Eduardo Mendoza, publicada en 1986 pola editorial Seix Barral. A obra foi levada ao cinema co título homónimo de La ciudad de los prodigios, dirixida por Mario Camus e interpretada entre outros por Olivier Martinez (Onofre Bouvila) e Emma Suárez (Delfina).
A novela retrata a cidade de Barcelona entre a Exposición Universal de Barcelona de 1888 e a Exposición Internacional de Barcelona de 1929, mediante a memoria colectiva dunha xeración. O autor comezou a escribir a obra pouco despois da publicación en 1975 de La verdad sobre el caso Savolta, mentres vivía en Nova York, e rematouna anos despois cando vivía de novo en Barcelona.
Trama
[editar | editar a fonte]Onofre Bouvila é o personaxe principal e fío condutor da novela. Representa o ideario colectivo das aspiracións das clases sociais máis baixas que pretenden subir na escala social. É un rapaz de orixe humilde que cos seus propios esforzos acaba por converterse nun dos homes máis ricos e influentes de Cataluña e de toda España: un personaxe sórdido e cruel, sen escrúpulos, que atesoura poder e bens grazas ás súas manobras intelixentes pero tamén desapiadadas. A historia de Onofre Bouvila está fortemente influída por dúas mulleres: unha que lle axuda a acadar poder, e outra que o fai feliz.
Onofre é un rapaz de doce anos, fillo de pai emigrado a Cuba, que en 1887 chega a Barcelona desde unha aldea catalá na serra del Cadí. Alóxase nunha pensión barata e busca traballo por toda a cidade pero non o aceptan en ningures. Comeza a repartir panfletos de ideario anarquista no Parc de la Ciutadella na construción da Exposición Universal. Alí vai comprendendo como funciona a organización de peóns, capataces e enxeñeiros. Comeza a vender crecepelos pola súa conta e asóciase cun home que lle axuda a vendelos.
Ao pouco é contratado por Humbert Figa i Morera, un avogado especializado en defender ladróns e esbirros, que se converte no xefe dun dos grupos da mafia local. Comeza a medrar na organización do grupo ao tomar as súas propias decisións á marxe das ordes do avogado, facendo fronte a outro grupo da mafia liderado por Alexandre Canals i Formiga. Un día desmantela a organización de Canals i Formiga ordenando asasinar ao propio Alexandre e á maioría dos seus esbirros sen o consentimento de Figa i Morera, e toma o poder da súa organización, e introduce nela a Don Braulio (o dono da pensión na que se aloxara) e aos seus principais amigos, Efrén Castells e Odón Mostaza.
Como principal valido de Figa i Morera, Onofre empeza a amasar unha gran fortuna no mercado da especulación inmobiliaria, comezando cos cartos da hipoteca da casa dos seus pais, nos terreos do ensanche de Barcelona, mentres se levaba a cabo o plan Cerdà. Amais casa coa filla de Figa i Morera, Margarita, a pesar da oposición da nai dela. Para logralo ordena matar o fillo de Canals i Formiga, que tamén pedira a man dela. Ao tempo, aproveita para que a policía deteña ao seu amigo Odón Mostaza, quen matou o seu contrincante, eliminando así un posible competidor dentro do seu equipo.
Coa aparición do cinematógrafo Onofre coonverte a Delfina, filla dos donos da pensión na que se hospedara, na actriz Honesta Labroux. En 1923, co golpe de estado de Miguel Primo de Rivera, Onofre marcha á súa comarca natal, refuxiándose na casa do seu irmán Joan, ao que convertera en alcalde da vila. Pon a Efrén Castells como titular dos seus negocios, para evitar represalias, e logo do asasinato dun sacerdote co que non se levaba ben regresa a Barcelona. Por entón xa ten dúas fillas.
Logo dun tempo en París volve á cidade. Restaura un pazo na periferia e íllase. As súas fillas marchan a París e xa non ten relación coa súa muller. Céntrase entón nun proxecto para a Exposición de 1929, consistente na creación dun aparello voador que causaría sorpresa na poboación.
Narración
[editar | editar a fonte]A obra está contada en terceira persoa por un narrador omnisciente.