Saltar ao contido

Lei xeral de educación e financiamento da reforma educativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lei de Educación de 1970»)

A Lei 14/1970, de 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa foi a principal lei do sistema educativo do réxime franquista e estivo vixente, aínda que con importantes modificacións, até 1990, ano de aprobación da LOXSE. Tamén se coñece como Lei Xeral de Educación ou Lei de Villar Palasi. Ampliou a educación obrigatoria de 6 a 14 anos coa Educación Xeral Básica, que se organizaba en dúas etapas, de 6 a 11 anos e de 12 a 14 anos, coa posibilidade de estendela até os 16 anos. Tras esta fase obrigatoria, obtíñase o título de Graduado Escolar e podíase acceder ao Bacharelato Unificado Polivalente (BUP). Terminada a escolaridade obrigatoria, se non se obtiña o Graduado Escolar recibíase o Certificado de Escolaridade. Con este certificado, podía accederse á Formación Profesional (FP). O bacharelato, constituído por tres cursos, e o Curso de Orientación Universitaria (COU) daban acceso á universidade.

Educación preescolar

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Educación preescolar.
fachada dun edificio dun andar con numerosas fiestras rodeado de patio
Centro de Educación Infantil e Primaria Virxe do Carme, Burela

A LXE estabeleceu por primeira vez unha etapa educativa previa á escolaridade obrigatoria que denominou Educación Preescolar co obxectivo fundamental de desenvolver de forma harmónica da personalidade dos petís, aínda que de natureza voluntaria, dividíndoa en dúas etapas:

  1. Xardín da Infancia, para meniños e meniñas de dous a tres anos, para a formación semellante á vida no lar.
  2. Escola de Párvulos, para cativos e cativas de catro a cinco anos, para promover as virtualidades dos petís.

O seu artigo 14 define de forma específica a metodoloxía. Obsérvese a referencia rechamante a "se é o caso, lingua nativa" identificándoa cunha lingua diferente á lingua española, dando a entender que esta non pode ser nativa. Aínda así, ademais do enfoque metodolóxico avanzado para o ano 1970, supón un recoñecemento da necesidade da aprendizaxe da lingua materna for a que for esta:

Un. A educación preescolar comprende xogos, actividades de linguaxe, incluída, se é o caso, a lingua nativa, expresión rítmica e plástica, observación da natureza, exercicios lóxicos e prenuméricos, desenvolvemento do sentido comunitario, principios relixiosos e actitudes morais.
Dous. Os métodos serán predominantemente activos para lograr o desenvolvemento da espontaneidade, a creatividade e a responsabilidade.

Educación Xeral Básica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Educación Xeral Básica.

A Educación Xeral Básica (EXB) consistía en 8 cursos de escolarización obrigatoria, dividida inicialmente en dúas etapas (Primeira etapa de 1º a 5º curso e segunda etapa de 6º a 8º curso). Posteriormente, estruturouse en tres ciclos a partir de 1981:[1]

  • Ciclo inicial: 1º e 2º de EXB
  • Ciclo medio: 3º, 4º e 5º de EXB
  • Ciclo superior: 6º, 7º e 8º de EXB.

As áreas do ciclo superior de EXB eran:

A partir de 1979, en moitos centros, ofreceuse a materia de Ética en lugar da formación relixiosa, aínda que o libro de escolaridade oficial mantivo unicamente a cualificación da segunda.

Unha vez finalizado o ensino obrigatorio, o alumnado que aprobaba recibía o título de Graduado Escolar e o alumnado que suspendía algunha área obtiña o Certificado de escolaridade. O título de Graduado Escolar daba acceso ao BUP ou á FP de primeiro grao, mentres que o Certificado de escolaridade só daba acceso ao segundo itinerario.

Bacharelato Unificado Polivalente

[editar | editar a fonte]
vista do Instituto Eduardo Blanco Amor de Ourense con zona arbórea da dianteira
Instituto Eduardo Blanco Amor, Ourense

O Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) duraba tres anos, mais, para acceder á universidade, era preciso realizar o Curso de Orientación Universitaria (COU).

O plan de estudos de 1º BUP incluía:[2]

O plan de estudos de 2º BUP incluía:[2]

O plan de estudos de 3º BUP incluía:[2]

  • Xeografía e Historia de España e dos Países Hispánicos
  • Filosofía
  • Lingua estranxeira
  • Relixión ou Ética
  • Educación Física
  • E.A.T.P.

Ademais, o alumnado debía escoller entre dúas opcións, ciencias e letras. En cada itinerario, ofertábanse catro materias e o estudante tiña que elixir tres. As materias que se ofertaban en cada rama eran:

  • Letras: Literatura, Latín, Grego e Matemáticas.
  • Ciencias: Física e Química, Ciencias Naturais, Matemáticas e Literatura.

O Curso de Orientación Universitaria (COU) foi variando na súa oferta. A partir de 1987, os estudantes puideron escoller entre dúas ramas de ciencias (Biosanitaria ou Técnica) e dúas de letras (Ciencias Sociais ou Humanidades).[4]

Lingua propia de comunidades autónomas

[editar | editar a fonte]

A partir da aprobación dos estatutos de autonomía, tanto en EXB como en BUP, as comunidades autónomas bilingües introduciron a lingua propia en todos os cursos ben como materia optativa, ben con posibilidade de pedir a exención, e a literatura propia noutra materia a escoller entre as optativas de letras de 3º de BUP

No caso de Galiza, a Lei de normalización lingüística[5] de 1983 estabeleceu no Artigo 14 que "A lingua galega é materia de estudo obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios" agregando deste xeito unha materia homóloga á de lingua española en todos os cursos do sistema non universitario.

Educación permanente de adultos

[editar | editar a fonte]

A lei integra a Educación permanente de persoas adultas no sistema educativo. O artigo 44 define as funcións deste sector educativo cunha misión dobre. Por unha banda, unha función compensatoria para permitir acadar o nivel educativo ou unha titulación que non se puido realizar anteriormente e, por outra banda, unha función de perfeccionamento para actualizar as competencias xa obtidas na formación anterior:

a) De seguir estudos equivalentes á educación xeral básica, bacharelato e formación profesional aos que, por calquera razón, non puideron cursalos oportunamente.
b) De perfeccionamento, promoción, actualización e readaptación profesional, así como a promoción e extensión cultural a distintos niveis.

Educación especial

[editar | editar a fonte]

A lei creou o sector da Educación Especial dentro so sistema educativo coa finalidade de

(...) preparar, mediante o tratamento educativo adecuado, a todo os deficientes e inadaptados para unha incorporación á vida social, tan plena como sexa posíbel en cada caso, segundo as súas condicións e resultado do sistema educativo; e a un sistema de traballo en todo os casos posíbeis que lles permita servirse a si mesmos e sentirse útiles á sociedade.

Tamén prevía unha atención especial aos “escolares superdotados para o debido desenvolvemento das súas aptitudes en beneficio da sociedade e de si mesmos” (artigo 49).

Modalidades de ensino

[editar | editar a fonte]
fachada dun edificio de 5 andares co nome da UNED arriba á esquerda
Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da UNED, sede inicial da UNED en 1972

A LXE previu novas modalidades de ensino para "ofrecer oportunidades de proseguir estudos aos que non poidan asistir regularmente aos centros ordinarios ou seguir os calendarios e horarios regulares" (artigo 47). Para iso, falaba de "modalidades de ensino por correspondencia, radio e televisión e o estabelecemento de cursos nocturnos e en período non lectivo,  así como en Empresas que habiliten locais adecuados" (artigo 47). Ao abeiro deste artigo, creáronse diversos centros a distancia como o CENEBAD (Centro Nacional de Educación Básica a Distancia)[6], o INBAD (Instituto Nacional de Bacharelato a Distancia)[7] e a UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia).[8]

Profesorado

[editar | editar a fonte]

O profesorado de todos os niveis foi redefinido nesta lei estabelecendo as titulacións de acceso, os sistemas de formación, o perfeccionamento continuo e mesmo o dereito de asociación (artigos 102 e seguintes).

Requisitos de acceso

[editar | editar a fonte]

Un dos cambios substanciais la LXE foi a formación e organización do profesorado no diversos niveis. O artigo 102 estabeleceu a titulación mínima para o profesorado nos seus distintos niveis:

  1. Profesorado de educación preescolar e de educación xeral básica: título de diplomado universitario, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, segundo as especialidades.
  2. Profesorado de bacharelato e agregados de escolas universitarias: título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.
  3. Profesorado de centros de educación universitaria: título de doutor, coa excepción do punto anterior e do profesorado axudante.
  4. Profesorado de formación profesional de primeiro grao: título de formación profesional de segundo grao.
  5. Profesorado de formación profesional de segundo grao: título de diplomado arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, segundo a súa especialidade.
  6. Profesorado de formación profesional de terceiro grao: título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto e certificado de especialización.

Creación dos Institutos de Ciencias da Educación

[editar | editar a fonte]

Tamén se definiu na lei o papel dos Institutos de Ciencias da Educación (ICE), como centros universitarios, na formación pedagóxica do profesorado (artigo 102):

  1. Profesorado de educación preescolar e educación xeral básica: formación inicial nas escolas universitarias, coa supervisión dos institutos amentados.
  2. Profesorado de bacharelato, das escolas universitarias e de formación profesional: titulación científica respectiva e mediante cursos intensivos dados nos ICE coa excepción dos que teñan a especialidade de pedagoxía nos seus estudos universitarios.
  3. Profesorado de educación universitaria: a través dos ICE.

Os ICE, entre eles o da Universidade de Santiago, foron creados co Decreto 1678/1969[9]. Os ICE e os centros experimentais dependentes da universidade tiveron unha función de orientación e de especial responsabilidade na formación e o perfeccionamento do persoal docente e directivo dos centros de ensino.

Ademais de asignar a formación inicial do profesorado de educación preescolar e educación xeral básica ás escolas universitarias, tamén se estabeleceu a necesidades do Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) para o exercicio como docentes de Bacharelato e FP a través dos ICE na Orden de 14 de xullo de 1971[10].

Tipos de profesorado

[editar | editar a fonte]

Estabeleceu unha estrutura de profesorado do Estado en catro grupos (artigo 108):

  1. Profesorado de educación preescolar e educación xeral básica.
  2. Profesorado de institutos de bacharelato.
  3. Profesorado de centros de educación universitaria.
  4. Profesorado de centros de formación profesional de primeiro e segundo graos.

Corpos estatais de profesorado

[editar | editar a fonte]

Tamén definiron once corpos estatais de profesorado dependentes do Ministerio de Educación e Ciencia (artigo 108):

  1. Corpo de profesorado de educación xeral básica.
  2. Corpo de catedráticos numerarios de bacharelato.
  3. Corpo de profesorado agregados de bacharelato.
  4. Corpo de catedráticos numerarios de escolas universitarias.
  5. Corpo de profesorado agregados de escolas universitarias.
  6. Corpo de catedráticos numerarios de universidade.
  7. Corpo de profesorado agregados de universidade.
  8. Corpo de profesorado adxuntos de universidade.
  9. Corpo de profesorado de ensinanzas especializadas.
  10. Corpo de catedráticos numerarios de formación profesional.
  11. Corpo de profesorado agregados de formación profesional.

Leis posteriores de educación

[editar | editar a fonte]

A LXE foi derrogada pola LOXSE en 1990, prolongando a escolarización obrigatoria até os 16 anos, facéndoa coincidir coa idade mínima de acceso ao mundo laboral. Os 6 primeiros anos da EXB pasaron a ser a Educación Primaria mentres o resto do sistema non universitario sufriu importantes transformacións coa Educación Infantil de 0 a 6 anos, a Educación Secundaria Obrigatoria de 12 a 16 anos, e un bacharelato de 2 anos.

As leis educativas posteriores á LXE foron:

  1. Real Decreto 69/1981, de 9 de enero, de ordenación de la Educación General Básica y fijación de las enseñanzas mínimas para el Ciclo Inicial http://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1981-1067
  2. 2,0 2,1 2,2 Orden de 22/3/1975 que desarrolla el Plan de Estudios del Bachillerato http://www.boe.es/boe/dias/1975/04/18/pdfs/A08049-08068.pdf
  3. Orden de 28 de julio de 1979 sobre Formación Religiosa en Bachillerato y Formación Profesional en el año académico 1979-1980 http://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1979-19154
  4. Orden de 3 de septiembre de 1987 http://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1987-21337
  5. Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística Arquivado 05 de decembro de 2022 en Wayback Machine.. Comunidade Autónoma de Galicia. ''DOG'' núm. 84, de 14 de xullo
  6. Ministerio de Educación y Ciencia (1979-03-23). "Real Decreto 546/1979, de 20 de febrero, por el que se crea el Centro Nacional de Educación Básica a Distancia". pp. 7107–7108. Consultado o 2022-08-11. 
  7. "BOE.es - BOE-A-1975-21380 Decreto 2408/1975, de 9 de octubre, por el que se crea el Instituto Nacional de Bachillerato a Distancia.". www.boe.es. Consultado o 2022-08-11. 
  8. "BOE.es - BOE-A-1972-1309 Decreto 2310/1972, de 18 de agosto, por el que se crea la Universidad Nacional de Educación a Distancia.". www.boe.es. Consultado o 2022-08-11. 
  9. "BOE.es - BOE-A-1969-1023 Decreto 1678/1969, de 24 de julio, sobre creación de los Institutos de Ciencias de la Educación.". www.boe.es. Consultado o 2022-08-11. 
  10. Porto Castro, A. M. (2015). "Os Institutos de Ciencias da Educación, Investigación, Innovación e Formación dende a súa creación ata a actualidade". Innovación Educativa (25): 3–6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]