Leirón careto
Leirón careto | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada [1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Eliomys quercinus' (Linnaeus, 1766) | |||||||||||||||||
Distribución xeográfica
|
O leirón careto (Eliomys quercinus) é unha especie de roedor esciuromorfo da familia Gliridae. É un pequeno roedor que presenta as características morfolóxicas do resto de leiróns.
Características
[editar | editar a fonte]É un roedor de tamaño mediano cuxa lonxitude, excluíndo a cola, oscila entre 10 e 17 cm. De complexión reboluda e cunha pelaxe contrastada que presenta unha coloración pardo-avermellada no lombo e branca na parte inferior. Na cabeza destacan dúas orellas prominentes e dúas características manchas negras que se espallan dende os seus grandes ollos cara a atrás, a semellanza dun antiface, e que son a causa do seu nome. Mans con cinco longos dedos, que lle permiten rubir doadamente ás árbores.
Posúe ademais unha longa cola, cuxa lonxitude oscila entre 9 e 13,5 cm, rematada nun penacho de pelos máis longos, o cal pode desprenderse se é collido por un depredador e rexenerarse logo (aínda que non hai posibilidade de renovación do óso, como nas lagartas). Non presenta dimorfismo sexual, fóra das mamas (catro pares) que son visibles nas femias durante a etapa de lactación.
As distintas subespecies presentan distintos pesos, que oscilan de 50 gramos na menor delas, a 150 g na maior.
O lrirón adoita vivir uns tres anos, aínda que excepcionalmente pode acadar os sete.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Ao rematar o período de hibernación prodúcese o primeiro período de celo no que ten lugar o cortexo e a cópula, xusto antes do verán. A xestación dura aproximadamente de 21 a 23 días, sendo a primeira camada usualmente de 4 ó 5 leiróns.
O segundo período de celo ten lugar desde mediados de xullo ata medidados de setembro, ou despois do período de estivación se o verán é moi seco. Esta segunda camada adoita ter un maior número de leiróns que poden oscilar entre 4 e 7.
O tempo de lactación dura entre 25 e 30 días, transcorridos estes días os pequenos completan por si sós a súa dieta no exterior. O seu crecemento culmina entre os 93 e 146 días, interrompendo o seu crecemento a segunda camada polo letargo do inverno[2].
Hábitat
[editar | editar a fonte]O lirón vive xeralmente en zonas boscosas típicas da Península Ibérica, rochedos e ata contrucións humanas, tanto na vertente Atlántica como na Mediterránea, polo que pode atoparse tanto en bosques de coníferas como caducifolios, debesas e enciñais etc. É posible atopar exemplares a grande altitude sobre o nivel do mar, por riba dos 2.500 metros.
Distribución
[editar | editar a fonte]É unha especie que está presente en toda Europa, agás nas illas Británicas e a península de Escandinavia. Pódese atopar nos Urais e o norte de África.
Alimentación e costumes
[editar | editar a fonte]É unha especie nocturna, aínda que durante o período de apareamiento aproveita as últimas horas do día. É un mamífero eminentemente adaptado á inxesta de vexetais, cunha dentición dotada de moas e uns incisivos adecuados. A súa dieta abarca cereais, froitos secos, bagas pero tamén desenvolveu unha faceta depredadora e inclúe na súa dieta pequenos invertebrados como caracois, cempés, formigas, saltóns e arácnidos. Excepcionalmente pode comer pitos de aves, anfibios, réptiles, ovos ou ata crías doutros roedores.
Ao final do verán e comezo do outono, previamente á hibernación, a súa dieta pasa a compoñerse case exclusivamente de froitos secos, que lle permiten acumular graxas para pasar todo o inverno en estado de letargo. Tamén hai que considerar, polos restos de coellos achados en contidos do seu estómago, que é capaz de predar sobre coellos e lebres de pequeno tamaño.
En catividade comprobouse que captura con suma facilidade ratos de campo e ata pegas. En estado salvaxe tamén pode atacar a esta especie, que na noite se presenta sumamente vulnerable, así como os seus ovos e pitos. Estes ataques poden ir dirixidos ademais de para procurarse o sustento para poder apropiarse do niño que empregará para a súa propia reprodución [2].
Subespecies
[editar | editar a fonte]Son varias as subespecies catalogadas de leirón careto, catro das cales se distribúen na Península Ibérica e illas adxacentes:
- E. q. dichrurus, presente en Sicilia.
- E. q. gymnesicus, propio das illas Baleares de Mallorca e Menorca.
- E. q. liparensis, de Lipari, pequena illa preto de Sicilia.
- E. q. lusitanicus, atópase no suroeste da Península Ibérica, de ton avermelado.
- E. q. quercinus, presente no resto da Península Ibérica, ten unha tonalidade máis escura e de menor tamaño.
- E. q. ophiusae, que vive en Formentera, co maior tamaño das catro subespecies españolas.
- E. q. pallidus, que se distribúe pola Península Itálica e Sicilia.
- E. q. sardus, propio de Sardeña e Córsega.
A subespecie E. q. ophiusae está catalogada como rara e de especial atención dado o reducido da súa área de distribución.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ S. Bertolino, G. Amori, H. Henttonen, I. Zagorodnyuk, J. Zima, R. Juškaitis, H. Meinig & B. Kryštufek, (2008). "Eliomys quercinus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o June 24, 2011.
- ↑ 2,0 2,1 Revista Natura nº37, Abril de 1986.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Leirón careto |