Lemon of Troy
"Lemon of Troy" (en galego, "O limoeiro de Troia") é o vixésimo cuarto episodio da sexta tempada da serie de animación The Simpsons. A súa primeira emisión foi o 14 de maio de 1995[2]. Neste episodio, os cativos de Springfield declaran a guerra aos de Shelbyville despois de que estes últimos roubasen o limoeiro da cidade.
"Lemon of Troy" foi escrito por Brent Forrester e dirixido por Jim Reardon. O título vén do nome Helena de Troia da mitoloxía grega. Para o episodio, os animadores deseñaron unha versión non contaminada de Springfield. Nel, fanse diversas referencias á canción "When Doves Cry" e á película Mad Max 2, o guerreiro da estrada.
Argumento
[editar | editar a fonte]Cando Marge cacha a Bart pousando as mans no cemento fresco dunha obra pública, explícalle a importancia de estar orgulloso da cidade e do patriotismo. Bart dáse de conta do marabilloso que é vivir en Springfield e anóxase, en consecuencia, cos habitantes que a odian, os da cidade veciña de Shelbyville. O avó Simpson cóntalle que a rivalidade entre Springield e Shelbyville vén xa doutrora, na fundación das dúas cidades. Coméntalle que os fundadores Jebediah Springfield e Shelbyville Manhattan descubriron que tiñan grandes diferenzas na concepción dunha cidade perfecta.
Ao outro día, os cativos de Shelbyville rouban o limoeiro de Springfield. É daquela cando Bart, Milhouse, Nelson, Martin, Todd e Database se somerxen en Shelbyville para recuperaren o limoeiro perdido. Non obstante, os nenos pérdense. Entón Bart disfrázase para infiltrarse entre os mozos de Shelbyville, pero non é capaz de obter información. Finalmente, os nenos de Springfield atopan a árbore nun depósito municipal.
De volta en Springfield, Homer, usando a caravana de Ned, lidera un grupo de adultos para iren na procura dos seus fillos. Cando os atopan, únense a eles na recuperación do limoeiro. Usando un plan similar ao do cabalo de Troia, Bart conduce a caravana ata as aforas do hospital e esta é levada ao depósito. Ao caer a noite, os de Springfield saen e atan a árbore á parte superior do vehículo. Descóbrenos pero conseguen escapar e devolver a planta ao seu lugar orixinal, aínda que considerablemente danada pola accidentada viaxe.
Produción
[editar | editar a fonte]
Brent Forrester escribiu "Lemon of Troy", o seu segundo episodio de The Simpsons[3]. Jim Reardon encargouse da dirección do mesmo[3]. Axiña na etapa de produción, os guionistas decidiron que o líder dos nenos de Shelbyville, Shelby, e mais seu pai deberían asemellarse a Bart e Homer[4]. A voz de Shelby proporcionouna Tress MacNeille e a do seu pai, Hank Azaria, quen baseou a súa interpretación en Walter Matthau[5]. Orixinalmente, Dan Castellaneta, voz de Homer, tomara como referencia a Matthau para darlle vida ao seu personaxe[5].
Os guionistas querían que os cativos de Springfield tivesen unha zona sen polución, e os animadores deseñaron unha versión idílica da cidade[5]. Debuxaron varias escenas dos nenos correndo a través de ríos e bosques non contaminados[5]. Do mesmo xeito, déronlle á natureza de Shelbyville unha aparencia máis escura en comparación coa de Springfield[4].
Referencias culturais
[editar | editar a fonte]No episodio, Milhouse recita unha liña lixeiramente parafraseada da canción "When Doves Cry" de Prince[1]. Bart identifica o número sete en números romanos cunha secuela inexistente da saga Rocky, Rocky VII: Adrian's Revenge[5]. A escena na que aparece o grupo de Bart sentado nun outeiro sobre o campamento inimigo ollando cara abaixo á árbore capurada mentres os de Shelbyville a rodean coas súas bicicletas ten parecido cunha das primeiras imaxes do filme Mad Max 2, o guerreiro da estrada.[4]

O conxunto da estrutura do argumento dos habitantes de Springfield que atacan os seus rivais despois de que estes lles roubasen unha prezada posesión constitúe unha referencia á lenda da Guerra de Troia, onde o móbil dos gregos fora o secuestro de Helena de Troia por parte dos troianos. De feito, o título do episodio trátase dunha referencia ao nome desta muller. O método para recuperaren a árbore é unha imitación dos feitos acaecidos na lenda do cabalo de Troia[6].
Recepción
[editar | editar a fonte]Na súa emisión orixinal nos Estados Unidos, "Lemon of Troy" obtivo o posto 55 nas audiencias da semana do 11 ao 17 de maio de 1995, cunha valoración de 8,1 por parte de Nielsen[7]. O episodio foi o sexto programa mellor valorado da Fox nesa semana[7], e desde a súa emisión, recibiu moitas críticas positivas dos fans e mais dos críticos televisivos. Matt Groening, creador de The Simpsons, dixo del que era un episodio "clásico" e que se atopaba entre os seus favoritos da serie[3]. Warren Martyn e Adrian Wood, autores do libro I Can't Believe It's a Bigger and Better Updated Unofficial Simpsons Guide, comentaron que había moi boas ideas neste episodio e que contén unha estraña exursión que semella sabiamente agochada neste punto da temporada[1]. Nunha revisión do DVD da sexta temporada, Ryan Keefer dixo que o episodio "é un dos mellores da temporada" e deulle unha puntuación de A[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Martyn, Warren; Wood, Adrian (2000). "Lemon of Troy". BBC. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 2008-03-28.
- ↑ 2,0 2,1 Richmond, Ray; Antonia Coffman (1997). Harper Collins Publishers, ed. The Simpsons: A Complete Guide to Our Favorite Family. p. 175. ISBN 0-00-638898-1.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Groening, Matt (2005). The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Reardon, Jim (2005). The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 David, Mirkin (2005). The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Gareth Huw Davies (2 de maio de 2004). "Linger At A Quiet Spot And You Can Conjure Up A Hero". The Mail on Sunday. Comprobado o 23 de setembro de 2008.
- ↑ 7,0 7,1 "NBC Continues As Top Network". Associated Press. 18 de maio de 1995. p. 4E. Comprobado o 22 de setembro de 2008.
- ↑ Keefer, Ryan (29 de agosto de 2005). "DVD Verdict Review - The Simpsons: The Complete Sixth Season". DVD Verdict. Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2009. Consultado o 2008-09-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Lemon of Troy" en The Simpsons.com
- "Lemon of Troy" en The Simpsons Archive
- "Lemon of Troy" Arquivado 18 de setembro de 2008 en Wayback Machine. en TV.com
- "Lemon of Troy" na Internet Movie Database