Liña de alta velocidade Valladolid-Palencia-León
A liña de alta velocidade Valladolid-Palencia-León é unha liña de alta velocidade que se estende entre a estación de Valladolid-Campo Grande e a estación de León pasando pola estación de Palencia. Constitúe parte do ramal norte/noroeste do ferrocarril de alta velocidade de España e inaugurouse o 29 de setembro de 2015, estando operativa para viaxeiros desde o día seguinte.[1]
O trazado foi deseñado de acordo coas especificacións técnicas de interoperatibilidade da Unión Europea para liñas ferroviarias de alta velocidade. Cunha lonxitude total de 166,141 km e un novo trazado de 165,217 km (desde o cambiador clausurado de San Isidro, en Valladolid), consta de plataforma para vía dobre con ancho estándar (1435 mm), con tramos de vía dobre (80,967 km) e outros de vía única (84,250 km), e será apta para unha velocidade máxima de 350 km/h.
Con esta liña dáse continuidade á LAV Madrid-Segovia-Valladolid e fai posible as futuras conexións cara a Asturias, Cantabria e Euskadi.
Características técnicas
[editar | editar a fonte]Lonxitude | 166,141 km |
Ancho de vía | UIC (1.435 mm) |
Electrificación | 25 kV 50 Hz CA |
Velocidade máxima | 350 km/h |
Sinalización | ASFA dixital e ERTMS II |
Ancho plataforma | 14 m |
Estacións | 3 (Valladolid-Campo Grande, Palencia, León) |
Postos de adiantamento | 1 (Villada) |
Postos de banalización | 3 (Dueñas, Las Barreras, Las Arenas) |
Cambiadores de ancho | 3 (Villamuriel, Vilecha, León-Clasificación) |
Servizos
[editar | editar a fonte]Os servizos para viaxeiros comezaron o día 30 de setembro de 2015, cun total de 45 servizos semanais por sentido entre Madrid e León, máis os 21 entre Madrid e Santander, que circulan pola liña ata o cambiador de Villamuriel.
Circulan pola liña:
- 2 servizos AVE diarios entre Madrid e León (con trens da serie 112 de Renfe)
- 4 servizos Alvia ata Xixón (serie 130 de Renfe), un dos cales non entra en León nin efectúa parada en Palencia.
- 3 servizos Alvia ata Santander (serie 130 de Renfe)
- 1 servizo Alvia ata Ponferrada (serie 121 de Renfe)
- 1 servizo AV City ata León (serie 121 de Renfe).
Ata o ano 2018, cando se espera que funcione o sistema de bloqueo ERTMS, circúlase a unha velocidade máxima de 200 km/h. Así, o mellor tempo entre Madrid e León pasou das 2 horas e 41 minutos que había en 2010 ás 2 horas e 6 minutos da actualidade, cunha velocidade media de 164 km/h. Entre Madrid e Palencia pasouse da hora e 36 minutos á hora e 21, cunha media de 171 km/h. Este atraso na posta en servizo coa máxima velocidade débese, á súa vez e entre outros motivos, aos atrasos na construción do terceiro dos túneles ferroviarios Atocha-Chamartín (coñecidos como túneles da risa).[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El País, ed. (29 de setembro de 2015). "O AVE chega a Palencia e León despois dun investimento de 1.620 millóns de euros.". Consultado o 27 de xuño de 2016.
- ↑ Diario de León (ed.). "O atraso do túnel Atocha-Chamartín para as probas do AVE a 300 km/h en León" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2017. Consultado o 29 de novembro de 2017.