Saltar ao contido

Libro das cavernas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Quinta división: Unha escena da tumba de Ramses V./VI. (KV9, cámara E, panel dereito)

O Libro das cavernas é un libro funerario do Antigo Exipto da época do Imperio Novo[1] Como o resto dos libros funerarios exipcios está presente no interior das tumbas reais para proveito do defunto. O texto describe a viaxe do deus do sol Ra ao longo das seis cavernas do inframundo, centrándose na interacción entre o deus do sol e os habitantes do abismo, recompensando os xustos e castigando aos que fracasaron no seu xuízo no alén e que son por tanto inimigos da orde do mundo. O Libro das cavernas é unha das mellores fontes de información sobre a concepción exipcia do inferno.[2]

A súa orixe está no século XIII a.C. durante o Imperio Novo, a versión máis antiga das coñecidas localízase no Osireion en Abidos,[1] con posterioridade aparece na tumba de Ramsés IV no Val dos Reis.

Como o máis antigo dos libros do inframundo, o Libro das cavernas principia describindo o percorrido do deus Ra desde o horizonte occidental ata o horizonte oriental a través do submundo, as criaturas divinas coas que se encontra, e mesmo varias manifestacións súas, e as relacións que establece con elas. Durante toda a viaxe Ra pasa polas cavernas do inferno, no que os inimigos da orde do mundo, isto é de Ra e Osiris, quedan reducidos ao nada. Eixos importantes nesta viaxe son as cavernas dos finados xustos (agora criaturas divinas), a caverna onde está o corpo de Osiris e a saída do inframundo coa luzada do día.

O Libro das cavernas tamén recolle a estrutura topográfica que os antigos exipcios imaxinaban que tería o alén mundo.[3]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O Libro de cavernas non é o nome co que o coñecían os antigos exipcios, e non divide a noite en horas como é corrente noutros libros do inframundo.[4] Pola contra, o libro contén sete grandes táboas con aproximadamente 80 escenas diferentes. Divídese en dúas partes con tres táboas cada un, máis unha táboa final. O Libro das cavernas é moito máis literario que outros textos funerarios da época como o Amduat ou o Libro das portas e non ten tantas imaxes como os outros libros, mais contén moito máis texto.[5]

Esquema do Libro das cavernas


A versión máis antiga atopouse no Osireion, case completa, tan só o rexistro superior presenta estragos e atopárona os arqueólogos Flinders Petrie e Margaret Murray mentres realizaban escavacións na campaña 1902/1903. Visible desde a entrada, atópase no muro esquerdo, enfronte do Libro das portas.[2] O primeiro en utilizar o Libro das cavernas na súa tumba foi Ramsés IV. A primeira (e única) copia case completa no Val dos Reis é a versión que se localiza no primeiro corredor da tumba de Ramsés VI. Aquí aparece no lado oposto do Libro das portas na fronte da tumba, nunha disposición semellante á do Osireion. As pasaxes do libro escribríronse cubrindo todo o muro sur con texto.[2]

Coñécense 13 textos do Libro das cavernas

Lugar Localización Texto Época
Osireion do templo de Osiris en Abidos Corredor Completo Fin do século XIII a.C.
Tumba de Ramsés IV (KV 2) 3.º corredor; anexo 1.ª e 2.ª táboas Mediados do século XII a.C.
Tumba de Ramsés VI (KV 9) Parte superior da tumba Case completo Mediados do século XII a.C.
Tumba de Ramsés VII (KV 1) 1.º corredor 1.ª táboa Segunda metade do século XII a.C.
Tumba de Ramsés IX (KV 6) 1.º e 2.º corredor; Cámara do sarcófago 1.ª á 5.ª táboa (fragmentos) Finais do século XII a.C.
Papiros funerarios da raíña Nodjmet (pBM EA 10490) 1.ª, 2.ª, 4.ª, e 7ª táboas (fragmentos) Mediados do século XI a.C.
Amuleto de papiro de Butehamun (pTurin 1858) Unha escena Mediados do século XI a.C.
Cartonaxe de momia(Louvre [localización descoñecida]) Unha escena Probabelmente do 1º milenio a. C.
Tumba do "alcalde"  Montuemhat (TT 34) Probablemente completa (agora en gran parte destruída) Segunda metade do século VII a.C.
Tumba de Petamenophis (TT 33) Cuartos e corredor XIX– XVII Completo Segunda metade do século VII a.C.
Bloques da illa de Roda Polo menos 1.ª e 2ª táboa Probablemente
do 1º milenio a.C.
Sarcófago do xeneral Padi Iset (Berlín Nº. 29) Tapa Unha escena. Século IV a.C.
Sarcófago de Tjihorpto (Cairo CG 29306) Superficie exterior; tapa 1.ª, 2.ª, 5.ª, e 6.ª táboas (fragmentos) Século IV a.C.

Traducións

[editar | editar a fonte]

A primeira tradución, fragmentaria, do Libro das cavernas realizouna Ippolito Rosellini en 1836 segundo a versión da tumba de Ramsés VI. Pouco despois Jean François Champollion escribiu tamén sobre este texto, realizando tamén algunhas traducións fragmentarias. Pero polo xeral os exiptólogos non se interesaron no libro ata un século máis tarde ao se descubrir a segunda versión completa no Osireion; baseándose nesta versión en 1933 Henri Frankfort publicou a primeira tradución completa do libro coa colaboración de Adriaan de Buck. Entre 1942 e 1945, Alexandre Piankoff publicou unha tradución ao francés, e en 1972 Erik Hornung traduciuno ao alemán. E a tradución máis recente publicouna o alemán Daniel Werning en 2011, baseándose nunha nova edición crítica do texto.

  1. 1,0 1,1 Hornung (1999) p.83
  2. 2,0 2,1 2,2 Ellison, The Book of Caverns
  3. The theology of the Book of Caverns and the imagined topography of the underworld are currently researched by Daniel Werning in a projects at the Excellence Cluster Topoi.
  4. Hornung (1999), p.84
  5. Taylor Ray Ellison, The Book of Gates

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hornung, Erik (1999).The Ancient Egyptian Books of the Afterlife (en inglés traducido do alemán). David Lorton (trandutor).Cornell University Press. pp. 83–94.
  • Werning, Daniel A. (2011).Das Höhlenbuch: Textkritische Edition und Textgrammatik, I: Überlieferungsgeschichte und Textgrammatik, II: Textkritische Edition und Übersetzung. Göttinger Orientforschungen 48. 2 vols. Wiesbaden: Harrassowitz Verlag.
  • Hornung, Erik (2005). The Ancient Egyptians Books of the Underworld: the Amduat, The Book of Gates, The Book of Caverns, the Litany of Ra (en inglés traducido do alemán). Irmela Stevens (tradutor). Intef Institute.
  • Piankoff, Alexandre (1946). Le Livre des Quererts: Extraits du Bulletin de l’Institut français d’Archéologie orientale, T. XLI, XLII, XLIII, XLV. Cairo: Institut français d’Archéologie orientale.