Ligazóns interwiki
As ligazóns interwiki forman parte dun sistema de interconexión entre todos os sitios da World Wide Web que empregan o sistema wiki. Con elas evítase a utilización de enderezos URL enteiros e emprégase unha sintaxe abreviada similar ás ligazóns entre páxinas do mesmo wiki (tamén coñecidas como ligazóns internas ou ligazóns intrawiki).
Ao contrario que co que acontece cos dominios de Internet, non hai unha lista global de prefixos interwiki.
Sintaxe
[editar | editar a fonte]A notación para as ligazóns interwiki varía, dependendo en moi ampla medida da sintaxe que use cada wiki para o formato. Os dous formatos máis comúns para estas ligazóns nos wikis son o CamelCase e as ligazóns libres (frases arbitrarias delimitadas por algún tipo de delimitador, como corchetes dobres). Pola súa banda, a sintaxe CURIE (estándar W3C) usa corchetes simples.
As ligazóns interwiki dos wikis de estilo CamelCase habitualmente son da forma "Código:NomeDaPáxina", onde Código é o prefixo doutro wiki. A adición de ligazóns en wikis de estilo CamelCase cara a páxinas que conteñen espazos no seu título adoitan necesitar a substitución dos espazos por barras baixas.
As ligazóns interwiki en wikis baseados en ligazóns libres, como a Wikipedia, adoitan seguir o mesmo principio, pero usan os delimitadores das ligazóns internas. Estas ligazóns analízanse e trátanse como se fosen internas, permitindo unha inclusión máis doada dos espazos.
A maioría dos InterMap simplemente substitúen o prefixo interwiki por un prefixo URL completo, de xeito que se poida facer referencia a moitos sitios web que non son wikis. Isto fai fácil a adición de ligazóns aos recursos máis comúns de referencia desde unha páxina do wiki, sen a necesidade de coñecer a forma do enderezo URL en cuestión.