Lincoln Experimental Satellite

Lincoln Experimental Satellite ou LES foi unha serie de satélites artificiais dos Estados Unidos adicados a probar novas técnicas de comunicación.[1]
Características
[editar | editar a fonte]Os satélites LES eran construídos polo Lincoln Laboratory do MIT para a Forza Aérea dos Estados Unidos como parte dun programa para probar novos e satélites en órbita. Lanzáronse oito satélites LES entre 1965 e 1976, máis unha sétima unidade (LES 7) que se cancelou.[1]
LES 1 e 2
[editar | editar a fonte]Os dous primeiros satélites LES lanzáronse en 1965, o primeiro o 11 de febreiro e o segundo o 6 de maio, os dous usando foguetes Titan 3A. Ambos satélites eran case idénticos e tiñan unha masa de 31 e 37 kg respectivamente. Levaban a bordo un transpondedor en banda X e unha antena de corno conmutable electronicamente. Ademais das probas de comunicacións leváronse a cabo experimentos co control de actitude e con varios sensores. LES-1 non acadou a súa órbita definitiva debido a un problema coa última etapa do seu foguete lanzador, e cumprindo so parcialmente a súa misión. Deixou de transmitir en 1967, pero en 2013 o satélite volveu a emitir sinais de forma inesperada, posiblemente debido a que as súas baterías fallaron de tal xeito que transmiten directamente electricidade ao transmisor cando o satélite se expón á luz solar.[2][1]
LES 3
[editar | editar a fonte]LES 3 foi lanzado o 21 de decembro de 1965 mediante un Titan 3C, quedando nunha órbita incorrecta por problemas co foguete lanzador. A misión do satélite era servir como emisor dun sinal UHF para facer experimentos de propagación utilizando receptores situados en terra e en aeronaves. Tiña unha masa de 16 kg e alimentábase mediante células solares. Reentrou na atmosfera o 6 de abril de 1968.[3][1]
LES 4
[editar | editar a fonte]A misión de LES 4 foi similar á de LES 1 e 2. Tiña unha masa de 52 kg, estaba cuberto por células solares e estabilizábase mediante xiro. Levaba a bordo tamén unha antena de corno e estaba previsto inxectalo en órbita xeocéntrica. Foi lanzado o 21 de decembro de 1965 no mesmo foguete que LES 3, e debido ao mesmo fallo no foguete non chegou á súa órbita prevista. LES 4 levaba tamén a bordo un instrumento para medir a enerxía dos electróns na súa órbita. A pesar dos problemas de non estar na órbita prevista, LES 4 levou a cabo algúns dos seus obxectivos. Reentrou na atmosfera o 1 de agosto de 1977[4][1]
LES 5
[editar | editar a fonte]LES 5 foi posto nunha órbita case xeoestacionaria mediante un Titan 3C o 1 de xullo de 1967. Con 194 kg e forma cilíndrica, o satélite fixo probas na banda de UHF e levaba a bordo experimentos para estudar a interferencia en radiofrecuencia e a degradación das células solares no espazo. Foi desactivado en maio de 1971, pero a principios de 2020 comezou a enviar telemetría de maneira inesperada.[5][1]
LES 6
[editar | editar a fonte]LES 6, con 163 kg, era case idéntico a LES 5. Foi lanzado o 26 de setembro de 1968 cun Titan 3C e tamén estaba adicado a experimentos en UHF e levaba experimentos de radiointerferencia, degradación de células solares e, adicionalmente, un prototipo de sistema de mantemento autónomo da posición en órbita. Foi apagado a principios de 1976 despis de cumprir a súa misión para non interferir co satélite Marisat 1, lanzado en febreiro de 1976.[6][1]
LES 8 e 9
[editar | editar a fonte]LES 8 e 9 foron lanzados o 15 de marzo de 1976 a bordo do mesmo foguete Titan 3C. Cada un tiña unha masa de 454 kg e estaban alimentados por xeradores termoeléctricos de radioisótopos. A súa finalidade era probar métodos para separar datos e voz nas comunicacións por satélite. Foron postos en órbita xeoestacionaria, cunha separación de 90º entre eles, e levaron a cabo a primeira ligazón en banda K entre satélites. Tamén probaron propulsores ablativos de plasma pulsado como método para manter a posición.[7][1]
Historial de lanzamentos
[editar | editar a fonte]Misión[1][2][3][4][5][6] | Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6] | Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6] | Notas[1][2][3][4][5][6] |
---|---|---|---|
LES 1 | 11 de febreiro de 1965 | Titan 3A | Fallo |
LES 2 | 6 de maio de 1965 | Titan 3A | Éxito |
LES 3 | 21 de decembro de 1965 | Titan 3C | Fallo parcial |
LES 4 | 21 de decembro de 1965 | Titan 3C | Fallo parcial |
LES 5 | 1 de xullo de 1967 | Titan 3C | Éxito |
LES 6 | 26 de setembro de 1968 | Titan 3C | Éxito |
LES 8 | 15 de marzo de 1976 | Titan 3C | Éxito |
LES 9 | 15 de marzo de 1976 | Titan 3C | Éxito |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Mark Wade (2020). "LES" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 1, 2" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 3" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 4" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 5" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 6" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.
- ↑ Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LES 8, 9" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2020.