Linda Guilala
Linda Guilala | |
---|---|
A banda en Bueu en 2014 | |
Orixe | Vigo, Galicia |
Período | 2005-presente |
Xénero(s) | indie rock, noise pop, shoegaze |
Selo(s) discográfico(s) | Elefant Records |
Membros | Iván González Eva M. López Mari Vázquez |
Antigos membros | Alba Bruno Mosquera |
Na rede | |
Bandcamp |
Linda Guilala é unha banda galega de shoegaze procedente de Vigo. O grupo formouse no ano 2005 e no presente está composto por Iván González (batería), Eva M. López (teclados e voz) e Mari Vázquez (guitarra). Ata a data Linda Guilala leva publicados dous álbums de estudio e dous EPs.
Historia
[editar | editar a fonte]Linda Guilala naceu no ano 2005 tras a separación da banda de Ponferrada Juniper Moon, na que tocaban o leonés Iván González (batería) e a ourensana Eva M. López (teclados). No ano 2006 publicaron a súa primeira maqueta coa axuda do baixista arxentino Ignacio Espumado, con quen comparten os arquivos a través de Internet.[1] Este traballo foi escollido segunda mellor maqueta do ano no programa de Radio 3 Disco Grande.[2]
O seu primeiro álbum, Bucles infinitos, chegou en 2009 editado a través de Elefant Records. O disco foi gravado no seu estudio de Vigo coa axuda de Alejandro Davila e Pancho Suárez de Lis.[1] Na súa xira de presentación tocaron no festival inglés Indietracks e no Primavera Sound de Barcelona.[2] Nesa época actuaban como dúo, encargándose Eva dos teclados e Iván da guitarra, acompañados de sons pregravados.[3]
En 2011 lanzaron o EP de catro temas Paranormal, tamén a través de Elefant. O traballo foi gravado no seu estudio de Vigo, Kaiju Studios. Nesa época entrou na banda Alba para as súas actuacións ao vivo, tocando o baixo e a guitarra.[1]
Durante un tempo a banda, principalmente Eva,[3] dedicouse a producir no seu estudio a grupos como Axolotes Mexicanos, When Nalda Became Punk e Los Bonsáis, ademais de tocar con Apenino. En 2014 publicaron un novo EP de seis cancións, Xeristar (Elefant), co apoio de Bruno Mosquera (The Blows, The Cobras) nas guitarras.[1] Mosquera deixou a banda debido a diferenzas sobre a forma de levar o proxecto.[3]
O seu segundo álbum, Psiconáutica, apareceu o 10 de xuño 2016 da man de Elefant Records.[4] Para os seus directos Linda Guilala fichou á guitarrista pontevedresa Mari Vázquez.[1][3]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo | Notas |
---|---|---|---|
Bucles infinitos | 2009 | Elefant Records | |
Paranormal | 2011 | Elefant Records | EP |
Xeristar | 2014 | Elefant Records | EP |
Psiconáutica | 2016 | Elefant Records |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Linda Guilala". La Fonoteca. Consultado o 21 de outubro de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 "Acerca de Linda Guilala". Facebook. Consultado o 21 de outubro de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Leyenda, Alberto. "Linda Guilala: “Preferimos pertenecer a una escena global que empeñarnos en gustar en España”". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-12-31.
- ↑ "La psicodelia impresionista de Linda Guilala en ‘Cosas nuevas’". Jenesaispop. Consultado o 21 de outubro de 2018.