Linguas dravídicas
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2018.) |
As linguas dravídicas[1] forman unha familia dunha trintena de linguas, orixinarias da India e esencialmente faladas no sur da India, nos estados de Querala, Tamil Nadu, Carnataca e Andhra Pradesh, pero tamén noutros puntos do subcontinente no noroeste e no nordés, e mais tamén na illa de Sri Lanka (no norte e no leste sobre todo) e nas comunidades de emigrantes indios espalladas polo mundo (Oriente Medio, Oceanía e Índico, e Europa). A familia dravídica, que é a cuarta do mundo polo número dos seus falantes, abrangue ao redor duns 200 millóns de usuarios.
O termo foi usado por primeira vez con este sentido por Robert Caldwell no século XIX. Procede da palabra sánscrita drāviḍa, que fora empregada ata daquela para referirse á lingua e á poboación támil e ás veces, dunha forma máis imprecisa, a todas as poboacións do sur da India.
Os lingüistas adoitan dividir esta familia en tres grupos :
- O setentrional, que está localizado nas comunidades espalladas do noroeste e do nordeste da península india.
- O central, que comprende como principais linguas o telugu, o gondî, o conda, o cui, o manda...
- O meridional, que comprende principalmente o támil, o kannará e o malaiala.
Da trintena de linguas dravídicas as catro máis importantes por número de falantes son o telugu (70 millóns), o támil (62 millóns), o malayalam (35 millóns), e o kannará (outros 35 millóns). Por extensión, a máis difundida é o támil.
Esta familia lingüística independente sufriu e exerceu diversas influencias nas linguas veciñas. De feito, as linguas dravídicas teñen un léxico de orixe indoiránica moi importante, como no caso do támil, amplamente influenciado polo sánscrito. Pola contra, as linguas indoiránicas da India e do Paquistán integraron procedementos sintácticos propios das dravídicas, como a posición final fixa do verbo, pero tamén as consoantes retroflexas das linguas dravídicas do norte.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dravídico.