Liudmila Rudenko
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xullo de 1904 Lubny, Ucraína |
Morte | 4 de marzo de 1986 (81 anos) San Petersburgo, Rusia |
Actividade | |
Ocupación | xadrecista |
Nacionalidade deportiva | Unión Soviética |
Deporte | xadrez |
Título de xadrecista | Mestre Internacional (1950) Mestra Internacional Femenina (1950) Mestra do deporte da Unión Soviética en xadrez (1950) Gran Mestra Feminina (1976) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Руденко Людмила Владимировна) |
Liudmila Vladimirovna Rudenko (ruso: Людми́ла Влади́мировна Руде́нко, ucraíno: Людмила Володимирівна Руденко) nada en Lubny (RSS de Ucraína) o 27 de xullo de 1904 e finada en Leningrado (RSFS de Rusia) o 4 de marzo de 1986, foi unha xadrecista soviética e a segunda muller en proclamarse campioa mundial de xadrez, desde 1950 até 1953.[1] A FIDE outorgoulle os títulos de Mestre Internacional (a primeira muller en recibir este título) e Mestra Internacional Feminina en 1950 e Gran Mestra Feminina en 1976.[2] Rudenko tamén foi campioa feminina da URSS en 1952.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rudenko naceu en Lubny, na rexión de Poltava (actual Ucraína).[3] Con 10 anos foi instruída no xadrez polo seu pai, malia que, ao principio, tiña máis interese na natación. Rematada a escola secundaria, marchou a Odesa estudar economía.[3]
Rudenko converteuse na campioa de natación de Odesa nos 400 metros braza. En 1925 foi subcampioa de Ucraína nesa modalidade. Iniciou unha carreira como planificadora económica para a Unión Soviética, e o xadrez converteuse nunha afección para ela.
Xadrez
[editar | editar a fonte]Rudenko comezou a xogar en torneos en 1925, tras mudarse a Moscova. En 1928 gañou o campionato feminino desa cidade. Posteriormente mudouse a Leningrado onde coñeceu o científico Lev Davidovich Goldstein, con quen casou. En 1931 tiveron un fillo.[3] En 1929 empezou a adestrar en Leningrado con Peter Romanovski, e gañou tres veces o campionato feminino da cidade.
Na segunda guerra mundial, Rudenko organizou un tren para evacuar nenos tralo Sitio de Leningrado. Describiu este feito como o logro máis importante da súa vida.[3]
A primeira campioa feminina mundial, Vera Menchik, morreu en Londres en 1944 durante un bombardeo. Despois da guerra, no inverno de 1949-1950, a FIDE organizou un torneo en Moscova para nomear a nova campioa feminina. Competiron dezaseis mulleres de doce países, e as catro xogadoras soviéticas obtiveron os catro primeiros postos. Rudenko, quen tiña entón 45 anos, gañou o torneo, con nove vitorias, unha derrota, e cinco táboas. Mantivo o título de Campioa Feminina Mundial até 1953, cando o perdeu contra Elisaveta Bykova. A súa puntuación era 6–8 (cinco vitorias, sete derrotas e dúas táboas).
Despois da guerra, os adestradores de Rudenko foron Alexander Tolush e Grigori Levenfish.[3] En 1950 obtivo o título de Mestre Internacional e en 1976 o de Gran Mestra Feminina.[2]
Legado
[editar | editar a fonte]En 2015 Rudenko foi incluída no Salón Mundial da Fama de Xadrez.[2] Foi homenaxeada cun Doodle de Google o 27 de xullo de 2018, o 114º aniversario do seu nacemento.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Graham, John (1987). Women in chess: players of the modern age (en inglés). McFarland Publishing. ISBN 9780899502328.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Lyudmila Rudenko". World Chess Hall of Fame. Consultado o 30 de novembro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Bishard, E. "e3e5.com : Articles in sections". e3e5.com. Consultado o 29 de novembro de 2022.
- ↑ Martínez, Gina (27 de xullo de 2018). "Google Doodle Celebrates Chess Grandmaster Lyudmila Rudenko's on What Would Have Been Her 114th Birthday". Time (en inglés). Consultado o 30 de novembro de 2022.