Lockheed Hudson
Lockheed Hudson | |
---|---|
Tipo | bombardeiro, recoñecemento, transporte, patrulla marítima |
Fabricante | Lockheed |
Deseñado por | Clarence "Kelly" Johnson |
Primeiro voo | 10 de decembro de 1938 |
Introducido | 1939 |
Principais usuarios | Royal Air Force Royal Canadian Air Force Royal Australian Air Force United States Army Air Forces |
Produción | 1938 - 1943 |
Unidades construídas | 2 941 |
O Lockheed Hudson foi un bombardeiro lixeiro e avión de recoñecemento costeiro estadounidense construído inicialmente para a Royal Air Force pouco antes do estoupido da segunda guerra mundial, e principalmente operado pola RAF durante o conflito. O Hudson era a conversión militar do avión de pasaxeiros Lockheed Model 14 Super Electra, e foi o primeiro contrato significativo para the Lockheed Aircraft Corporation (o pedido inicia da RAF por 200 avións superou con creces todos os pedidos anteriores da compañía).[1] O Hudson operou durante toda a guerra, principalmente co Coastal Command pero tamén en tarefas de transporte e adestramento, ademais de entregar axentes na Francia ocupada. Tamén foi moi usado polos escuadróns antisubmarinos da Royal Canadian Air Force e pola Royal Australian Air Force.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A finais de 1937 Lockheed enviou a varias publicacións un corte esquemático do seu Model 14 amosando ao seu novo avión de pasaxeiros convertido nun bombardeiro lixeiro.[2] Isto chamou a atención de varias forzas aéreas, e en 1938 a British Purchasing Commission buscou un avión de patrulla marítima estadounidense para o Reino Unido que apoiase ao Avro Anson.
A British Purchasing Commission pediu 200 avións para ser operados pola Royal Air Force, e as primeiras unidades comezaron a realizar voos de proba dende Burbank o 10 de decembro de 1938.[3] O voos de proba foron satisfactorios e as primeiras entregas á RAF comezaron o 15 de febreiro de 1939.[3] A produción acelerouse despois de que os británicos indicasen que pedirían outros 50 aparellos se os 200 orixinais eran entregados antes do final de 1939.[3] Lockheed subcontratou a montaxe dalgunhas partes a Rohr Aircraft de San Diego e aumentou a súa forza de traballo, permitindo á compañía fabricar a unidade númer 250 sete semanas e media antes do prazo dado polos británicos.[3]
Lockheed subministrou un total de 350 Hudson Mk I e 20 Mk II (o Mk II tiña hélices distintas). Estes tiñas dúas metralladoras fixas Browning no morro, e dúas máis na torreta dorsal Boulton Paul. O Hudson Mk III incorporaba unha metralladora ventral e dúas laterais e substituía os motores radiais de 9 cilindros Wright R-1820 Cyclone de 1 100 hp por versións de 1 200 hp (fabricáronse 428).[4]
Os Hudson Mk V (309 fabricados) e Mk VI (450) levaban equipados os motores de 1 200 hp Pratt & Whitney R-1830 Twin Wasp de 14 cilindros en dúas ringleiras. A RAF tamén obtivo 380 Hudson Mk IIIA e 30 Mk IV baixo o programa Lend-Lease.
Historial operacional
[editar | editar a fonte]Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]En febreiro de 1939 comezaron a entregarse os Hudson da RAF, equipando inicialmente ao escuadrón 224 baseado en RAF Leuchars, Escocia, no mes de maio. No inicio da guerra en setembro había 78 Hudson en servizo.[5] Debido á neutralidade dos Estados Unidos ao principio do conflito, os aparellos das primeiras eran voados ata a fronteira co Canadá, aterrados, e despois remolcados en terra por tractores ou cabalos ao país veciño, antes de ser voados a aeródromos da Royal Canadian Air Force (RCAF) onde se desmontaban e preparaban para o transporte por barco ata Liverpool. Os avións eran subministrados sen a torreta dorsal Boulton Paul, a cal instalábase á súa chegada ao Reino Unido.
Aínda que posteriormente foi superado por bombardeiros máis grandes, o Hudson realizou algunhas fazañas significativas durante a primeira metade da guerra. O día 8 de outubro de 1939, sobre Xutlandia, un Hudson converteuse no primeiro avión aliado operando dende as Illas Británicas en derrubar un aparello inimigo[6] (as vitorias anteriores foran de avións baseados en Francia ou en portaavións). Os Hudson tamén proporcionaron cobertura aérea durante a batalla de Dunquerque.
O 27 de agosto de 1941 un Hudson do No. 269 Squadron RAF, operatando dende Kaldadarnes, Islandia, atacou e danou ao submarino alemán U-570, facendo que a súa tripulación sacase unha bandeira branca e acabase rendéndose. O aparello conseguiu a pouca común distinción de capturar un buque de guerra. Os alemáns foron collidos prisioneiros e o submarino foi remolcado cando barcos da Royal Navy chegaron ao lugar.[7]
Un PBO-1 Hudson do escuadrón da Armada estadounidense VP-82 converteuse no primeiro avión dese país en destruír un submarino alemán, cando afundiu o U-656 ao suroeste de Newfoundland o 1 de marzo de 1942.[8] O U-701 foi destruído o 7 de xullo de 1942, mentres estaba emerxido preto do cabo Hatteras, por un Hudson do 396th Bombardment Squadron (Medium) da USAAF. Un Hudson do No. 113 Squadron RCAF foi o primeiro aparello do Eastern Air Command da RCAF en afundir un submarino, cando o Hudson 625 atacou o U-754 o 31 de xullo de 1942.[9]
Un Hudson da Royal Australian Air Force (RAAF) foi o aparello esnafrado no desastre aéreo de Canberra en 1940, no cal morreron tres ministros do goberno australiano.[10]
En 1941 a USAAF comezou a operar o Hudson; a variante equipada con motores Twin Wasp designouse A-28 (82 adquiridos), e a variante con motores Cyclone designouse A-29 (418 adquiridos). A Armada estadounidense operou 20 A-29, redesignados PBO-1. 300 aparellos a maiores foron fabricados como adestradores para tripulacións coa designación AT-18.
Tras os ataques xaponeses en Malaisia, Hudsons do No. 1 Squadron RAAF foron os primeiros avións aliados en realizar un ataque na campaña do Pacífico, afundindo o barco de transporte xaponés Awazisan Maru en Kota Bharu, Malaisia, unha hora antes do ataque a Pearl Harbor.
Os seus opoñentes atoparon que o Hudson tiña unha manobrabilidade excepcional para un avión bimotor; destacaban os seus xiros pechados se algún dos motores poñíase en bandeira brevemente.
Os Hudson tamén foron voados por unidades de operacións especiais da RAF realizando operacións clandestinas co No. 161 Squadron en Europa e o No. 357 Squadron en Birmania.[11][12]
Posguerra
[editar | editar a fonte]Tras a guerra os militares venderon algúns Hudson para operacións civís, principalmente en Australia. A aeroliña East-West Airlines operou catro Hudson en servizos regulares entre Tamworth e varias cidades de Nova Gales do Sur e Queensland entre 1950 e 1955.[13] Adastra Aerial Surveys, baseada no aeroporto de Sydney, operou sete L-414 entre 1950 e 1972 como taxis aéreos, e en voos de recoñecemento e de fotografía aérea.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Parker 2013, pp. 59, 71
- ↑ Bonnier Corporation (novembro de 1937). "New Transport Plane Can Be Converted To Bomber". Popular Science Monthly (Bonnier Corporation): 64.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Francillon 1982, p. 146
- ↑ Parker 2013, p. 71
- ↑ Kightly 2015, p. 80
- ↑ "Lockheed Hudson IIIA". RAF Museum (en inglés). Consultado o 2022-01-24.
- ↑ Thomas, Andrew. "Icelandic Hunters - No 269 Squadron Royal Air Force." Aviation News, 24 de maio de 2001. Consultado o 24 de xaneiro 2022.
- ↑ Swanborough e Bowers 1976, p. 505
- ↑ Douglas 1986, p. 520
- ↑ "Boffins Bookshop: Air Disaster Canberra: The Plane Crash That Destroyed a Government by Andrew Tink". web.archive.org. 2013-04-09. Archived from the original on 09 de abril de 2013. Consultado o 2022-01-24.
- ↑ "Sqn Histories 161-165_P". www.rafweb.org. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ "Sqn Histories 353-361_P". www.rafweb.org. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Marson 2001, p. 110
- ↑ Marson 2001, p. 76
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Douglas, W.A.B. The Creation of a National Air Force. Toronto, Ontario, Canada: University of Toronto Press, 1986. ISBN 978-0-80202-584-5.
- Francillon, René J. (1982). Lockheed Aircraft since 1913. Londres: Putnam & Company. ISBN 0-370-30329-6.
- Kightly, James."Database: Lockheed Hudson". Aeroplane, Vol. 43, No. 10, outubro de 2015. pp. 73-88.
- Marson, Peter J. The Lockheed Twins. Tonbridge, Kent, UK: Air-Britain (Historians) Ltd, 2001. ISBN 0-85130-284-X.
- Parker, Dana T. Building Victory: Aircraft Manufacturing in the Los Angeles Area in World War II. Cypress, California: Amazon Digital Services, Inc., 2013. ISBN 978-0-9897906-0-4.
- Swanborough, Gordon and Peter M. Bowers. United States Navy Aircraft since 1911. Annapolis, Maryland: Naval Institute Press, 1976. ISBN 0-87021-792-5.