Folosa manchada
Folosa manchada | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
A folosa manchada,[2] fulepa pintada[3] ou folosa pintada[4] (Locustella naevia) é unha especie de paseriforme do Vello Mundo clasificado na familia Locustellidae (antes en Sylviidae). Reprodúcese nas zonas temperadas de Europa e Asia. En Galicia é unha ave de paso escasa.[3] É unha ave migratoria, que inverna no norte e oeste de África. O nome do xénero Locustella é o diminutivo latino de locusta, 'saltón'.[5] Fai referencia ao canto parecido ao destes insectos desta especie de ave e outras do seu xénero. O nome específico naevia en latín significa 'con pintas'.[5]
Este paseriforme encóntrase en zonas de vexetación densa e curta, a miúdo preto da auga. É de medio tamaño dentro do seu grupo, cunha lonxitude de case 13 cm. O adulto ten un dorso marrón con vetas, e partes inferiores grises abrancazadas que non teñen vetas excepto nas cobertoiras de debaixo da cola. Os sexos son idénticos, pero os individuos novos son máis amarelos por debaixo. É insectívoro. Pon de catro a sete ovos nun niño construído no chan ou preto do chan en zonas de vexetación espesa ou de matas de herba (tussock).
É unha especie que se despraza polas matogueiras, movéndose entre os arbustos e a follaxe baixa, que é difícil de ver agás ás veces cando canta desde unha posición prominente. O seu canto é un son renxente mecánico e monótono parecido ao que fan algúns insectos, que a ave canta ao amencer ou ao solpor.
Descrición
[editar | editar a fonte]Mide uns 12,5 cm de longo. É moi sixiloso e raramente se pode ver, pero a súa presenza é doadamente detectada debido á súa canción característica.[6] As partes superiores son de cor marrón olivácea, e todas as plumas teñen unha liña central marrón máis escura. As meixelas son cincentas, o iris é marrón e ten unha difuminada veta detrás do ollo. A mandíbula superior do bico é marrón escura e a mandíbula inferior marrón amarelada. As partes inferiores son de cor crema ou beixe amarelada con algunhas manchas marróns escuras e vetas no peito e flancos. As ás son marróns coa beira externa das plumas marrón clara. As plumas da cola son marróns avermelladas con barras transversais difuminadas que son visibles nalgúns individuos e nas cobertoiras subcaudais teñen vetas. As patas delgadas e os pés son marróns amarelados claros.[6]
O seu canto é un trilo renxente agudo e longo e non musical realizado mantendo o bico aberto e vibrando todo o corpo. Dura desde uns poucos segundos a dous ou tres minutos facendo só unha pausa para respirar. Varía en volume desde un feble rumbar a un son que lembra ao dunha segadora de herba distante. Realízao a calquera hora do día desde á mañanciña cedo ata despois de que se poña o sol e pode sentirse constantemente desde a chegada destas aves en primavera ata finais de xullo. A chamada de alarma é un ruído de tictac repetido que se ten descrito como "twkit-twkit-twkit".[7]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Reprodúcese no noroeste de Europa e partes do oeste de Asia. A súa área de distribución inclúe España, Francia, Italia central, Romanía, Iugoslavia, as illas británicas, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Dinamarca, sur de Suecia, sur de Finlandia, e os estados bálticos e oeste de Rusia. Máis ao leste é substituído por especies relacionadas. A finais do verán migra ao noroeste de África, a India e Sri Lanka, onde pasa o inverno.[6]
Na estación reprodutora, encóntrase en sitios secos ou húmidos con herbas fortes e arbustos, como nas beiras de pantanos, claros, setos descoidados, matogueiras, páramos altos, áreas cubertas de vexetación espiñosa como toxos, plantacións novas e bosques que foron cortados. No inverno encóntrase xeralmente en localidades similares, pero a información é escasa sobre o seu comportamento e hábitat.[6]
Comportamento
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b0/Grasshopper_Warbler_Locustella_naevia_by_Dr._Raju_Kasambe.jpg/220px-Grasshopper_Warbler_Locustella_naevia_by_Dr._Raju_Kasambe.jpg)
Raramente se bota a voar senón que pasa a maior parte do tempo correndo entre a densa vexetación, voando de ramiña en ramiña ou correndo polo chan. Ten unha forma de camiñar peculiar con alancadas altas e longas cando se move polas ramas horizontais, parecendo máis delgado. Voa pouco e axiña volve poñerse a cuberto, e cando pousa adoita subir e exhibir a cola para mostrar as cobertoiras con vetas da parte subcaudal. Finxe estar ferido para distraer a un predador potencial.[6]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os machos tratan de atraer as femias exhibíndose perante elas. Camiñan ou corren ao longo das ramas coa cola despregada, movendo as ás arriba e abaixo, a miúdo levando unha herba ou unha folla no bico. No aire e coas ás ben estendidas e movendo as ás, estenden a cola e esponxan as plumas.[6]
Ambos os sexos toman parte na construción de niños. O niño está ben agochado e situado preto do chan en lugares como zonas de matas de herba (tussock), toxeiras, salgueiros, xunqueiras, setos enredados, matogueiras e entre uces dos páramos. Varía en tamaño e forma pero está construído con herbas, ciperáceas e musgos e a miúdo forrado con herbas finas. Poñen de catro a seis ovos cor crema con manchas avermelladas pequenas, xeralmente distibuídos ao chou, pero ás veces fusionadas en grupos ou zonas.[7] Os ovos miden de 18 × 14 mm e pesan 1,7 g. Ambos os pais están implicados na incubación dos ovos que dura 13 ou 14 días. Os polos son altriciais e aliméntanse de insectos. Empluman en 12 ou 13 días e xeralmente hai dúas roladas na estación. As aves xoves maduran cando cumpren un ano e a maior idade rexistrada nesta especie foi de cinco anos.[8]
Dieta
[editar | editar a fonte]É unha paxaro insectívoro que se alimenta dunha ampla variedade de invertebrados. A súa dieta inclúe moscas, avelaíñas, escaravellos, áfidos, libélulas e efémeras e as súas larvas. Tamén comen arañas e crustáceos oniscídeos e os polos aliméntanse de áfidos, eirugas verdes, oniscídeos e moscas.[6]
Status
[editar | editar a fonte]O status de conservación da folosa manchada foi avaliada pola IUCN como "especie pouco preocupante", porque ten unha gran poboación total e unha ampla área de distribución. A poboación de Europa estímase entre 840 000 e 2,2 millóns de parellas reprodutoras cun total de 2,52 a 6,6 millóns de individuos. En Europa están comprendidos uns dous terzos da área total, a poboación mundial estímase nesta rexión en 3,41 a 13,2 millóns de individuos. O número total de aves pode estar en declive debido á perda de hábitat, pero non nun grao que poña a especie en perigo.[1] Nun estudo que examinou os posibles efectos do quecemento global nas áreas onde viven varias especies de aves, estimouse que a área de reprodución da folosa manchada sería desprazada varios centos de quilómetros cara ao norte e abranguería as illas británicas e toda Escandinavia, pero que deixaría de reproducirse en gran parte do seu actual rango na Europa continental.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Locustella naevia". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Definición de Folosa manchada no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ 5,0 5,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 229, 265. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 36–30.
- ↑ 7,0 7,1 Coward, T. A. (1941). The Birds of the British Isles and their Eggs, Volume 1 (Corvidae to Sulidae). Frederick Warne. pp. 169–171. ASIN B00085ZBTC.
- ↑ Robinson, R. A. (2005). "Grasshopper Warbler: Locustella naevia (Boddaert, 1783)". Birdfacts. British Trust for Ornithology. Consultado o 2013-08-03.
- ↑ Huntley, Brian; Collingham, Yvonne C.; Willis, Stephen G.; Green, Rhys E. (2008). "Potential Impacts of Climatic Change on European Breeding Birds". PLOS ONE 3: e1439. PMC 2186378. doi:10.1371/journal.pone.0001439.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Folosa manchada |