Saltar ao contido

Locutores de claves choctaw

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Choctaws adestrando durante a primeira guerra mundial para facer códigos de radio e transmisións de teléfono.

Os locutores de claves choctaw foron un grupo de indios choctaw de Oklahoma, pioneiros no uso de linguas nativas americanas como código militar para as Forzas Armadas dos Estados Unidos de América durante os últimos días da primeira guerra mundial.

O goberno da Nación Choctaw declarou que eses homes foron os primeiros locutores nativos americanos en servir nas Forzas Armadas dos Estados Unidos.[1] Otorgóuselles a Medalla ao Valor de Texas no 2007.[2]

A fala en clave, a práctica de empregar linguas nativas americanas complexas como código militar polas forzas armadas, empezou na primeira guerra mundial. O exército alemán demostrou non só falar un inglés excelente, senón tamén poder interceptar e descifrar os códigos do exército estadounidense. Un oficial estadounidense, o Coronel Alfred Wainwright Bloor, decatouse de que había un número importante de indios americanos servindo con el en Francia. Escoitando a dous indios choctaw falar entre eles, deuse conta de que non podía entendelos, e se el non podía, tampouco poderían os alemáns, sen importar como de ben entenderan o inglés. Ademais, moitas linguas nativas americanas non contaban cun rexistro escrito.

Coa cooperación activa dos soldados choctaw, o coronel Bloor puxo a proba un código, empregando a lingua choctaw en lugar dun código militar convencional. A primeira proba en combate tivo lugar o 26 de outubro de 1918, cando o coronel Bloor ordenou a retirada “delicada” de dúas compañías do 2º batallón, de Chufilly a Chardeny. O movemento foi un éxito: “pola completa sorpresa do inimigo é evidente que non puideron descifrar as mensaxes”, observou Bloor. Un oficial alemán capturado confirmou que estaban “completamente confusos pola lingua india e non obtiveron ningún beneficio en absoluto” das súas escoitas telefónicas. Os nativos americanos xa serviran de mensaxeiros entre unidades. Grazas a que se asignaron choctaws a cada compañía, as mensaxes podían ser transmitidas independentemente de se tiñan intervidas as radios ou as liñas telefónicas.

Nun informe de posguerra, Bloor expresou a súa satisfacción: “Sentímonos seguros de poder aproveitar as vantaxes dos teléfonos sen correr riscos”.[3] Porén, decatouse de que a lingua choctaw non permitía expresar plenamente todo o rango de terminoloxía militar. Por exemplo, non existía ningunha palabra ou frase para describir unha “metralladora”. Así pois, os choctaws tiveron que improvisar, empregando o termo “arma grande” para describir a “artillería” e “pequena arma dispara rápido” para “metralladora”. “Os resultados foron moi satisfactorios”, concluíu Bloor.[1][4][5][6][7][8][9]

Locutores de claves

[editar | editar a fonte]

Os primeiros locutores de claves dos Estados Unidos eran indios choctaw, ben de puro sangue ou ben mestizos. Todos naceron na Nación Choctaw do Territorio indio, no que actualmente comprende o sueste de Oklahoma, cando a súa nación era unha república autogobernada. Máis tarde, outras tribos empregarían as súas linguas con propósitos militares en diferentes unidades do exército, entre as que destacaron os navajo na segunda guerra mundial.[1]

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]
Vídeos externos
Choctaw Nation Congressional Gold Medal
Choctaw Code Talkers, 55:30, 2010, American Archive of Public Broadcasting[10]

Pouco foi o que se dixo ou escribiu sobre os locutores de claves despois da primeira guerra mundial. A mención máis temperá nos medios de comunicación semella que foi no 1919, cando os soldados volveron de Francia.[11] O seu regreso foi relatado en ducias de xornais en todo o país.

Dez anos despois do fin da guerra, o xornal Oklahoma City News describiu a súa actividade militar.[12] Parece ser que os choctaw non se referían a si mesmos como “locutores de claves”: esa expresión non foi acuñada ata despois da segunda guerra mundial. Ó describírenlles as súas fazañas en tempos de guerra ós seus familiares, polo menos un membro do grupo, Tobias W. Frazier, empregaba sempre a expresión “falar na radio” para referirse ó teléfono de campaña.

“Nova York, 31 de maio – cando o barco de vapor Louisville chegou aquí hoxe dende Brest (Francia) con 1897 soldados a bordo, o centro de atención foi un grupo de 50 indios baixo as ordes do Capitán (Elijah W.) Horner, de Mena, Arcansas. Estes indios tiñan o mérito extraordinario de frustrar os esforzos dos interventores de teléfonos alemáns. Baixo a responsabilidade do Xefe George Baconrid, un indio da reserva Osage, as ordes eran transmitidas en choctaw, unha lingua non incluída nos manuais de guerra alemáns.”
Arkansas Gazette, domingo 1 de xuño de 1919[11]

Os locutores de código navajo da segunda guerra mundial convertéronse en protagonistas de películas, documentais, e libros, pero non os choctaw. Os navajo, coa súa historia de enfrontamentos militares contra os Estados Unidos, demostraron ser moito máis populares que os indios choctaw, coa súa sociedade tradicionalmente tranquila, pacífica e agrícola. Estes, de feito, adoptaron a principios do século XIX un goberno e unha constitución de inspiración estadounidense, incluíndo eleccións e separación de poderes.[13]

O goberno choctaw galardoou postumamente aos locutores de claves coa Medalla ao Valor nunha cerimonia especial en 1986. Francia seguiu o exemplo en 1989, concedéndolles a distinción de Chevalier de l’Ordre National du Merite da Quinta República (Cabaleiro da Orde Nacional do Mérito).[14]

En 1995, ergueuse unha estatua en memoria da Guerra no Choctaw Capitol Building en Tuskahoma, Oklahoma. Inclúe unha gran placa de granito adicada aos locutores de claves choctaw.[15]

O 15 de novembro de 2008, o presidente George W. Bush asinou a Lei de Recoñecento dos locutores de claves (Lei Pública 110-420), que recoñece todos os locutores de claves nativos americanos que serviron no exército dos Estados Unidos durante a primeira e a segunda guerra mundial, coa excepción dos xa galardoados navajo, cunha Medalla de Honra de Ouro para toda a tribo, que se conservará na Smithsonian Institution, e un duplicado da medalla en prata para cada un deles.[16]

  1. 1,0 1,1 1,2 Choctaw Nation of Oklahoma. "Choctaws: The Original Code-Talkers in Defense of Our Land and People." Unpublished manuscript.
  2. "Choctaw Code Talkers to be Honored by TX Military Forces". KTEN. 15 de agosto de 2007. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2021. 
  3. Greenspan, Jesse (29 de maio de 2014). "World War I’s Native American Code Talkers". History in the Headlines, The History Channel. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  4. "Choctaw Code Talkers", Oklahoma Today, xullo–agosto de 1988
  5. "Indian Code Talkers Will be Recognized", Antlers American, 2 de novembro de 1989
  6. "Choctaw Tongue Proved Too Tough for Germans", Antlers American, 5 de marzo de 1966
  7. "Unsung Heroes Indian Military ‘code Talkers'", Oklahoma Observer, 19 de novembro de 1986
  8. "Transmitting Messages in Choctaw", Col. A.W. Bloor, memo to the Commanding General, 36th Division, National Archives
  9. Greenspan, Jesse (2014-05-29). "World War I’s Native American Code Talkers". History in the Headlines. Consultado o 2014-06-04. 
  10. "Choctaw Code Talkers". American Archive of Public Broadcasting. 2010. Consultado o 4 de xuño de 2017. 
  11. 11,0 11,1 "Arkansan Led Company of Indian Braves in France". Arkansas Gazette. 1 de xuño de 1919. 
  12. "Officer Who Led Indians in Rout of Germans Now Sets Type – Enemy Fooled by Wires Sent in Language of Red Men." Oklahoma City News, 5 de abril de 1928.
  13. Debo, Angie. Rise and Fall of the Choctaw Republic. Norman: University of Oklahoma Press, 1934.
  14. Oklahoma Observer, 10 de setembro de 1989.
  15. Letter by Judy Allen of the Choctaw Nation government, 25 de outubro de 1996.
  16. "P.L. 110-420" (PDF). gpo.gov. Consultado o 9 de setembro de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bloor, Colonel A.W. "Transmitting Messages in Choctaw." Memo to Captain Spence for the Commanding General, 36th Division, U.S. Army. 23 de xaneiro de 1919. National Archives, Washington, D.C.
  • Chastaine, Captain Ben F. Story of the 36th. Oklahoma City: Harlow Publishing Company, 1920. OCLC 2384186
  • Meadows, William C. Comanche Code Talkers of World War II. College Station: University of Texas Press, 2003. ISBN 0292752636 OCLC 49773679.
  • Meadows, William C. “They Had a Chance to Talk to One Another…” The Role of Incidence in Native American Code Talking. Ethnohistory 56(2):269-284. 2009
  • Meadows, William C. "Honoring the Native American Code Talkers: The Road to the Code Talkers Recognition Act of 2008 (Public Law 110-420)." American Indian Research and Culture Journal. 35(3)3-36. 2011.
  • Meadows, William C. "An Honor Long Overdue: The 2013 Congressional Gold and Silver Medal Ceremonies in Honor of Native American Code Talkers". American Indian Research and Culture Journal, 40(2):91-121. 2016.
  • White, Lonnie J. 1982. "Forming the 36th Division in World War I". Military History of Texas and the Southwest. 17, no. 2. OCLC 11826450