Loie Fuller
Nome orixinal | (en) Loïe Fuller |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (en) Marie Louise Fuller 15 de xaneiro de 1862 Fullersburg, Estados Unidos de América (en) |
Morte | 1 de xaneiro de 1928 (65 anos) 8.º arrondissement de Paris, Francia (pt) |
Causa da morte | pneumonía |
Lugar de sepultura | Crematorio e columbario do Père-Lachaise, 87 48°51′24″N 2°21′07″L / 48.8567, 2.3519 |
Outros nomes | Loïe Fuller |
Residencia | París (1892–) Chicago (1878–1886) |
Actividade | |
Campo de traballo | Danza, teatro, Coreografía, Actuación, design de iluminação (pt) e luminotécnica (pt) |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | deseñadora de iluminación, modelo, Intendente, actriz, actriz de teatro, coreógrafa, bailarina, directora de cinema |
Empregador | Folies Bergère (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | New International Encyclopedia (pt) |
|
Marie Louise Fuller, coñecida como Loie Fuller ou Loïe Fuller, nada en Chicago o 15 de xaneiro de 1862 e finada en París o 1 de xaneiro de 1928 foi unha actriz e bailarina estadounidense, pioneira da danza contemporánea e das técnicas de iluminación teatral.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada no suburbio de Fullerburg, en Chicago, hoxe Hinsdale, Illinois, Fuller comezou a súa carreira teatral como actriz infantil e máis tarde coreografou e interpretou bailes en espectáculos de burlesque, vodevil e circo. Pioneira da danza libre, desenvolveu os seus propios movementos naturais e de improvisación. En moitos espectáculos experimentou cunha saia longa, coreografando os seus movementos e xogando coas luces que se reflectían nela. Contra 1891, Fuller combinou a súa coreografía con roupas de seda iluminadas con luces multicor do seu propio deseño e creou a danza serpentina.[1] Tras moitas dificultades en atopar alguén que quixese producir a súa obra cando era basicamente coñecida como actriz, finalmente foi contratada para actuar entre os actos dunha comedia titulada Uncle Celestine, e recibiu críticas entusiastas.[2]
Case inmediatamente foi substituída por imitadoras (oxinalmente por Minne "Renwood" Bemis). Coa esperanza de recibir o recoñecemento artístico serio que non estaba a lograr nos Estados Unidos, marchou a Europa en xuño de 1892. Foi unha das primeiras de moitos bailaríns modernos estadounidenses que viaxou a Europa en busca de recoñecemento.[3] A súa cálida recepción en París fíxoa permanecer en Francia, onde se converteu nunha revolucionaria nas artes. Intérprete habitual no Folies Bergère con obras como a Danza do Lume, Fuller volveuse a encarnación da Art Nouveau e identificouse decote co simbolismo, xa que a súa obra foi vista como unha reciprocidade perfecta entre idea e símbolo.[4] Fuller comezou a adaptar e expandir o seu vestiario e luces, para que se convertesen no elemento principal nas súas actuacións, quizais máis importante que a propia coreografía, especialmente a lonxitude da saia foi aumentada e pasou a ser o foco central, mentres que o corpo quedaba en gran parte oculto nas profundidades da tea.[3] Un filme de 1896 da danza serpentina[5] realizada polos cineastas pioneiros Auguste e Louis Lumière dá unha pista de como eran as súas interpretacións. A bailarina descoñecida foi erroneamente identificada como Fuller, mais non se conserva metraxe real de Fuller bailando.
A obra pioneira de Fuller atraeu a atención, o respecto e a amizade de moitos artistas e científicos franceses, incluíndo Jules Chéret, Henri de Toulouse-Lautrec, François-Raoul Larche, Henri-Pierre Roché, Auguste Rodin, Jean-Léon Gérôme, Franz von Stuck, Maurice Denis, Thomas Theodor Heine, Koloman Moser, Demetre Chiparus, Stéphane Mallarmé e Marie Curie. Fuller foi membro da Société astronomique de France (Sociedade astronómica de Francia).
Fuller ten moitas patentes relacionadas coa iluminación do escenario, incluíndo compoñentes químicos para crear xeles de cor e o uso de sales para a luminiscencia e o vestiario (US Patent 518347).[6] Intentou crear unha patente para a súa danza serpentina agardando que as imitadoras parasen de realizar coreografías e mesmo dicir que eran ela. Fuller enviou unha descrición por escrito da súa danza á United States Copyright Office;[7] mais un xuíz denegoulla, xa que a danza serpentina non conta unha historia e polo tanto non é elixible para a protección do copyright.[8] Nese momento, a danza só estaba protexida se se cualificaba como "dramática" e a danza de Fuller era demasiado abstracta para esta cualificación. O precedente do caso Fuller permaneceu en vigor entre 1892 e 1976, cando a Lei Federal de Copyright estendeu explicitamente a protección a obras coreográficas.[8]
Fuller apoiou outros intérpretes pioneiros, como a bailarina Isadora Duncan. Fuller axudou a arrincar a súa carreira europea en 1902, patrocinando concertos independentes en Viena e Budapest.[9]
O nome artístico orixinal de Loie Fuller foi "Louie". En francés moderno "L'ouïe" é a palabra para oído. Cando Fuller chegou a París gañouse como alcume un xogo de palabras con "Louie"/"L'ouïe". Foi logo renomeada "Loïe", corrupción do francés medieval "L'oïe", precursor de "L'ouïe", que significa "receptividade" ou "entendemento". Tamén foi chamada "Lo Lo Fuller".
Fuller tivo unha grande amizade coa raíña María de Romanía e a extensa correspondencia entre elas foi publicada. A través da súa conexión na embaixada estadounidense en París, interveu para axudar a que os Estados Unidos fixesen un préstamo a Romanía durante a primeira guerra mundial. Máis tarde, durante o período en que o futuro Carlos II foi apartado da familia real romanesa e viviu en París coa súa amante Magda Lupescu, trabou amizade con eles, que ignoraban a súa conexión con María, nai de Carlos. Fuller inicialmente avogou pola parella ante María, mais logo conspirou sen éxito con María para separar a Carlos de Lupescu.[10] Coa raíña e o home de negocios Samuel Hill, Fuller axudou a fundar o Maryhill Museum of Art no Washington rural, que ten un colección permanente sobre a súa carreira.
Fuller volveu ocasionalmente aos Estados Unidos para levar ao teatro representacións dos seus alumnos, os "Fullerets" ou Musas, mais pasou o final da súa vida en París. Faleceu de pneumonía nesa cidade aos 65 anos o 1 de xaneiro de 1928. Foi incinerada e as súas cinzas foron enterradas no columbario do cemiterio do Père Lachaise. A súa irmá, Mollie Fuller, tivo unha longa carreira como actriz e intérprete de vodevil.[11]
Influencia
[editar | editar a fonte]Trala morte de Fuller, a súa parella durante trinta anos, Gab Sorère herdou a compañía de danza e o laboratorio dirixido por Fuller.[12][13] Sorère tomou accións legais contra os bailaríns que empregaban a fama de Fuller para mellorar as súas propias carreiras[14] e produciu filmes e obras de teatro para honrar o legado de Fuller como artista de efectos visuais.[15]
O traballo de Fuller experimentou un rexurdimento do interese do público e dos profesionais. O estudo de Rhonda K. Garelick de 2009 titulado Electric Salome demostrou a súa importancia non só na danza, senón tamén na interpretación contemporánea.[16] Sally R. Sommer escribiu sobre a vida e a época de Fuller;[17] Marcia e Richard Current publicaron unha biografía titulada Loie Fuller, Goddess of Light en 1997.[18] O filósofo Jacques Rancière dedicou un capítulo de Aisthesis, a súa historia da estética moderna, ás actuacións de Fuller en París en 1893, que considera emblemáticas da Art Nouveau no seu intento de ligar invencións artísticas e tecnolóxicas.[19] Giovanni Lista compilou un libro de 680 páxinas de obras de arte e textos inspirados en Fuller en Loïe Fuller, Danseuse de la Belle Epoque, 1994.[20]
Stéphanie de Giusto dirixiu o filme "La Danseuse" sobre a vida de Fuller, interpretada pola actriz Soko, xunto con Lily-Rose Depp como Isadora Duncan. Jody Sperling coreografou os bailes de Soko no filme, e serviu como axudante creativa e adestradora de danza. O filme foi presentado no Festival de Cannes de 2016.[21]
Fuller continúa a ser influente para os coreógrafos contemporáneos. Sperling, que reimaxina o traballo de Fuller dende unha perspectiva contemporánea, coreografou ducias de obras inspiradas nela e introduciu o seu vocabulario e técnica no século XXI. A compañía de Sperling Time Lapse Dance está composta de seis bailaríns versados na interpretación e a técnica de estilo Fuller.[22] Outra é Ann Cooper Albright, que colaborou cun deseñador de iluminación nunha serie de obras baseadas nas patentes de deseño de iluminación orixinais de Fuller.[23] Shela Xoregos coreografou un tributo, La Loȉe, un solo que amosa varios dos efectos especiais de Fuller.
Obra escrita
[editar | editar a fonte]As memorias autobiográficas de Fuller, Quinze ans de ma vie foron escritas en inglés, traducidas ao francés por Bojidar Karageorgevitch[24] e publicadas por F. Juven (París) en 1908 cunha introdución de Anatole France. Reescribiunas de novo en inglés uns anos despois, e foron publicadas co título Fifteen Years of a Dancer's Life por H. Jenkins (Londres) en 1913. The New York Public Library Jerome Robbins Dance Collection conserva case o manuscrito da edición inglesa case completo e materiais relacionados coa edición francesa.[25] Aínda que o seu libro é un material de primeira man, foi coñecida por adaptar moito as súas historias. Existen sete versións altamente dramatizadas do como conseguiu a súa primeira saia de seda, mais a historia real é descoñecida. Ademais de escribir sobre a creación da danza serpentina, tamén escribiu sobre as súas propias teorías da danza moderna e do movemento.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Loie Fuller | American dancer". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2017.
- ↑ Cohen, Selma (1998). "Fuller, Loie". The International Encyclopedia of Dance. Oxford University Press. ISBN 9780195173697.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Sommer, Sally R. “Loïe Fuller.” The Drama Review: TDR, vol. 19, no. 1, 1975, pp. 53–67.
- ↑ "Loie Fuller". www.nytimes.com. Consultado o 4 de outubro de 2017.
- ↑ "'Danza serpentina' polos irmáns Lumière". YouTube
- ↑ Marie louise fuller - US 518347, Patents.
- ↑ "Copyright -- 'Dramatic Composition' -- Stage Dance (Fuller v. Bemis) Albany Law Journal, Aug. 27, 1892, p. 165-66.
- ↑ 8,0 8,1 Kraut, Anthea. "White Womanhood and Early Campaigns for Choreographic Copyright" in Choreographing Copyright : Race, Gender, and Intellectual Property Rights in American Dance. Oxford, GB: Oxford University Press, 2015. ProQuest ebrary.
- ↑ Au, Susan (2002). Ballet and Modern Dance. Nova York: Thames and Hudson. p. 90. ISBN 9780500203521.
- ↑ Easterman, A.L., King Carol, Hitler, and Lupescu, Londres: Victor Gollancz (1942), pp. 28–32, 58–61.
- ↑ Who's Who on the Stage: Volume 1, 1910, p. 102, Walter Browne (ed.), Frederick Arnold Austin.
- ↑ Coleman, Bud (2007). "Fuller, Loie". En Harbin, Billy J.; Marra, Kim; Schanke, Robert A. The Gay & Lesbian Theatrical Legacy: A Biographical Dictionary of Major Figures in American Stage History in the Pre-Stonewall Era. Ann Arbor: University of Michigan Press. pp. 171–175. ISBN 978-0-472-06858-6.
- ↑ "Loie Fuller's Work in Life Will Be Carried on by Intimate Friend". Wilkes-Barre, Pennsylvania: The Evening News. 28 de xaneiro de 1928. p. 4. Consultado o 17 de xuño de 2018 – vía Newspapers.com.
- ↑ "Imprisoned Dancer Released". Londres: The Manchester Guardian. 19 de setembro de 1929. p. 12. Consultado o 17 de xuño de 2018 – vía Newspapers.com.
- ↑ Albright, Ann Cooper (2016). "Resurrecting the Future: Body, Image, and Technology in the Work of Loïe Fuller". En Rosenberg, Douglas. The Oxford Handbook of Screendance Studies. Oxford: Oxford University Press. pp. 715–730. ISBN 978-0-19-998160-1.
- ↑ Rhonda K. Garlick, Electric Salome: Loie Fuller's Performance of Modernism, Princeton University Press, febreiro de 2009, ISBN 9780691141091.
- ↑ Sally R. Sommer, "La Loie: The Life and Art of Loie Fuller", Penguin Publishing Group, 1986, ISBN 9780399129018.
- ↑ Richard Nelson Current e Marcia Ewing Current, Loie Fuller: Goddess of Light, Northeastern University Press, maio de 1997, ISBN 1-55553-309-4.
- ↑ Jacques Rancière, Aisthesis: Scenes from the Aesthetic Regime of Art, trans. Zakir Paul, Verso, 2013, 93-109.
- ↑ Giovanni Lista, Loïe Fuller, danseuse de la Belle Epoque, Hermann (París, 2006), ISBN 2-7056-6625-7 (in French).
- ↑ "Lily-Rose Depp et Soko, comme une évidence dans "La Danseuse":". telerama.fr.
- ↑ Time Lapsed Dance
- ↑ "Dancing with Light". Loie Fuller.
- ↑ Loïe Fuller, Quinze ans de ma vie (1908) [2016 ed. by S. Filipetti], p. 203-204.
- ↑ The New York Public Library, Register of the Loie Fuller Papers, 1892-1913, scope and content note.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Loie Fuller |
A Galipedia ten un portal sobre: Ballet |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dance Heritage Coalition - 100 Dance Treasures - Loie Fuller capsule biography and essay by Jody Sperling
- "Chapter One: Loie Fuller, Goddess of Light", New York Times.
- Biodata
- Biography
- Loie Fuller collection, 1914-1928, held by the Jerome Robbins Dance Division, New York Public Library for the Performing Arts
- Loie Fuller papers, 1892-1913, held by the Jerome Robbins Dance Division, New York Public Library for the Performing Arts
- Loie Fuller notebooks and letters, held by the Jerome Robbins Dance Division, New York Public Library for the Performing Arts