Lois Bonaparte


Lois Napoleón Bonaparte[1] (en francés: Louis Napoléon Bonaparte) nado o 2 de setembro de 1778 en Ajaccio, Córsega, Francia, o 25 de xullo de 1846 e finado en Livorno, Gran Ducado de Toscana, foi un príncipe francés, irmán do emperador Napoleón Bonaparte.
A partir de 1806, e grazas á influencia do seu irmán, converteuse en Rei de Holanda co nome de Lois I de Holanda (en neerlandés: Lodewijk I).
Despois da derrota de Napoleón usou o título de Conde de Saint-Leu.
Primeiros anos de vida
[editar | editar a fonte]Lois naceu como Luigi Buonaparte en Ajaccio, Córsega, o 2 de setembro de 1778, froito do matrimonio entre Carlo Buonaparte e María Letizia Ramolino.[2] Foi o irmán máis novo de Xosé Bonaparte, Napoleón I de Francia, Luciano Bonaparte e Elisa Bonaparte, e o irmán máis vello de Paulina Bonaparte, Carolina Bonaparte e Xerónimo Bonaparte.
Ao principio da súa carreira pasou polo exército e serviu a Napoleón en Exipto. Grazas a Napoleón, foi xeneral de brigada á idade de 25 anos, A plena satisfacción do emperador Lois loitou con notábel enerxía e coraxe na primeira liña de varias batallas.[3] Porén, loitaba polo sentido do deber, pero carecía de entusiasmo e sentía unha profunda repugnancia ante a violencia dos campos de batalla, os saqueos e a devastación.[4]
Rei de Holanda
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Reino de Holanda.
Napoleón nomeouno rei de Holanda o 5 de xuño de 1806, cando transformou a República Bátava, unha República irmá da Primeira República Francesa, en monarquía. Aínda que o seu irmán máis vello quixo facer del pouco máis que un simple gobernador francés, Lois tomouse as súas obrigas como rei moi seriamente, chamándose a si mesmo Reo Lodewijk I (adoptando a forma holandesa para o seu nome), intentando aprender o idioma holandés e esforzándose duramente para ser un gobernante de Holanda responsábel e independente. Supostamente, cando chegou por primeira vez a Holanda, díxolle ao pobo que era o Konijn van 'Olland ("coello de 'Olland"), en vez de Koning van Holland ("Rei de Holanda"), porque o seu holandés non era perfecto. Porén, isto mostrou que estaba intentando falar o idioma e gañou o respecto dos seus súbditos.
Dúas grandes traxedias ocorreron durante o seu reinado: a explosión dun barco cheo de pólvora no corazón da cidade de Leiden en 1807, e unha importante inundación en 1809. En ambos os casos, Lois, de forma persoal e eficazmente, supervisou os esforzos locais de auxilio, o que lle axudou a gañar o nome de Luís o Bo.
O seu reinado nos Países Baixos foi de curta duración, o cal se debeu a dous factores. O primeiro foi que Napoleón buscaba reducir o valor dos empréstitos a franceses de investidores holandeses en dous terzos, o que significou un golpe económico serio. O segundo foi un feito que se converteu en pretexto para a exixencia da súa abdicación. Como Napoleón estaba preparando un exército para a campaña de Rusia, buscaba tropas de todos os territorios baixo o seu control, e dos países limítrofes aliados. Isto incluía as tropas dos Países Baixos. Lois, facendo fronte á petición de seu irmán, negouse categoricamente. Napoleón entón acusou a Lois de poñer os intereses holandeses sobre os de Francia e forzouno a abdicar o 30 de xuño de 1810.
En xullo, logo da abdicación de Lois Bonaparte e tras un breve reinado de 12 días do seu fillo Napoleón Lois Bonaparte, Napoleón incorporou os Países Baixos ao Imperio Francés estruturados en 8 departamentos. Nomeou gobernador xeral a Charles-François Lebrun, un antigo cónsul, que tería que facer fronte ao descontento provocado polo bloqueo continental.
Durante o reinado de Napoleón I, Lois Bonaparte foi nomeado Conde de Saint-Leu. En 1808 foi nomeado tamén Condestábel de Francia, un título estritamente honorífico.[5]
Anos finais
[editar | editar a fonte]Despois da morte do seu irmán máis vello Xosé, en 1844, Lois foi visto polos bonapartistas como o lexítimo Emperador dos franceses, a pesar de que el tomou poucas medidas para avanzar na pretensión. (O seu fillo e herdeiro, o futuro Napoleón III, por outro lado, foi neses tempos encarcerado en Francia por intentar maquinar un golpe de Estado bonapartista).
Lois morreu o 25 de xullo de 1846 en Livorno, Gran Ducado de Toscana,[2] e foi enterrado en Saint-Leu-la-Forêt, Île-de-France.
Matrimonio e fillos
[editar | editar a fonte]Lois casou o 4 de xaneiro de 1802 con Hortensia de Beauharnais, filla do defunto xeneral Alexandre, vizconde de Beauharnais e da súa esposa Xosefina Tascher de la Pagerie.[6] Xosefina foi a primeira esposa do seu irmán Napoleón.[7] Por iso Hortensia era tamén a sobriña política de Lois.
O matrimonio foi forzado e completamente sen amor. Por regra xeral, os Bonaparte, coa excepción de Napoleón, aborrecían aos Beauharnais. Lois incluso dubidou da lexitimidade dos seus fillos con Hortensia.
Lois Napoleón Bonaparte e Hortensia de Beauharnais tiveron tres fillos:[2]
- Napoleón Carlos Bonaparte, nado o 10 de outubro de 1802, Príncipe Real de Holanda. Cando morreu o 5 de maio de 1807 aos catro anos e medio de idade o seu corpo foi levado á catedral de Notre Dame de París. Está enterrado en Saint-Leu-la-Forêt, Île-de-France.
- Napoleón Lois Bonaparte, nado o 11 de outubro de 1804. Foi nomeado Príncipe Real de Holanda á morte do seu irmán, e foi o Rei Lodewijk II durante unha semana, entre a abdicación de seu pai e a invasión de Holanda polas tropas napoleónicas. Morreu o 17 de marzo de 1831, e foi enterrado en Saint-Leu-la-Forêt, Île-de-France.
- Carlos Lois Napoleón Bonaparte (1808 – 1873). Nado en París, foi o terceiro e último fillo, e terminou sendo o Emperador Napoleón III de Francia (1852 – 1870).
Lois foi tamén pai dun fillo ilexítimo, François de Castelvecchio (26 de abril de 1826 - 29 de maio de 1869). Naceu en Roma e morreu en Rennes.[2]
Distincións honoríficas
[editar | editar a fonte]Soberano Gran Mestre (e fundador) da Orde da Unión (Reino de Holanda, 24/08/1806).
Cabaleoro Grande Aguia da Orde da Lexión de Honor (Primeiro Imperio Francés).
Soberano Gran Mestre da Real Orde das Dúas Sicilias (Reino de Nápoles).
Cabaleoro Gran Dignatario da Orde da Coroa de Ferro (Primeiro Imperio Francés).
Cabaleiro da Insigne Orde do Vélaro de Ouro (Rama Española).[2]
Antepasados
[editar | editar a fonte]Predecesor: Ningún (Creación do Reino) |
![]() Rei de Holanda 1806-1810 |
Sucesor: Lois II |
Predecesor: Xosé I |
![]() Emperador titular dos franceses 1844-1846 |
Sucesor: Napoleón III |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-07.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Louis I Bonaparte, roi d' Holande en Geneall (en francés).
- ↑ Jourdan, Annie (2010), p. 144.
- ↑ Jourdan, Annie (2010), p. 146.
- ↑ Testu Almanach Impérial pour l'année MDCCCX en napoleon-series.org (en francés), (en inglés).
- ↑ Hortense de Beauharnais en Geneall (en francés).
- ↑ Joséphine Tascher la Pagerie (Joséphine de Beauharnais) en Geneall (en francés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lois Bonaparte |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bergeon, Louis; François Furet e Reinhart Koselleck (1976): Historia Universal 26. La época de las Revoluciones Europeas. 1780-1848. Ed. Siglo XXI de España. ISBN 978-84-323-0219-0.
- Jourdan, Annie, dir. (2010): Louis Bonaparte, Roi de Hollande. París: Nouveau Monde éditions/Fondation Napoléon. ISBN 978-2-84736-492-7.
- Schama, S. (1977): Patriots and Liberators. Revolution in the Netherlands 1780-1813. Nova York: Vintage books. ISBN 0-679-72949-6.
- Van Wie, Paul D. (1999): Image, History, and Politics: The Coinage of Modern Europe. University Press of America, Inc. ISBN 0-7618-1221-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]=== Ligazóns externas ===¡
- Crítica de Cyril Triolaire da biografía de Arianne Jourdan en Révolution française PDF.