Saltar ao contido

Lorenza Cobián

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLorenza Cobián

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Lorenza Cobián y González Editar o valor en Wikidata
21 de maio de 1851 Editar o valor en Wikidata
Bodes, España Editar o valor en Wikidata
Morte31 de xullo de 1906 Editar o valor en Wikidata (55 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesuicidio Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmodelo Editar o valor en Wikidata

Lorenza Cobián González, nada en Bodes, Principado de Asturias, o 21 de maio de 1851 e finada en Madrid o 31 de xullo de 1906, foi unha modelo española da segunda metade do século XIX, pintada por artistas como Emilio Sala e José María Fenollera. Pasou á historia por ser amante de Benito Pérez Galdós entre 1879 e 1891, e máis en concreto por ser a nai da única filla recoñecida polo escritor canario, María Pérez-Galdós Cobián.[1][2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Lorenza Cobián y González naceu o 21 de maio de 1851 en Bodes (Parres), Principado de Asturias, España. Os sucesivos biógrafos de Galdós calcularon que o escritor e a modelo puidéronse coñecer en Santander, cidade do norte de España na que a moza parraguesa pasaba longas tempadas cuns tíos. Todo parece indicar —e segundo testemuños do propio Galdós— que Lorenza era unha moza atractiva pero inculta, e que o escritor complementou os seus ardores máis ou menos amorosos co desexo de que a modelo e amante aprendese a ler e escribir. Quedou noticia de que pronto quedou embarazada, dando a luz un primeiro fillo que faleceu ó pouco de nacer.

Mediada a década de 1880, Lorenza trasladouse a Madrid, mais non queda claro se por problemas familiares ou por desexo de Galdós. Queda noticia tamén de que na Exposición Nacional de Pintura de 1884, e ó fío desa relación, Galdós saudou ós pintores Emilio Sala e José María Fenollera, para quen Lorenza pousara como modelo. Co tempo, Galdós púxolle casa a Lorenza en Madrid e tamén en Santander durante o verán.

En xullo de 1906, con 55 anos de idade, Lorenza, vítima dende había tempo de depresións e outros síntomas de inestabilidade mental, tentou suicidarse na estación de Príncipe Pío de Madrid. Segundo relata a páxina de sucesos do diario santanderino El Cantábrico do 26 de xullo de 1906, Lorenza Cobián foi detida por tentar guindarse sobre a vía ó paso do tren. Conseguiu suicidarse finalmente aforcándose no calabozo do Goberno Civil da capital de España. Pedro Ortiz-Armengol recolle como data da súa morte o día 31 de xullo.[3]

  1. Parroquia de Santo Tomás de Collía no municipio de Parres
  2. Manuel Herrera Hernández: "Amores, amoríos e rumores na vida de Galdós", estudo no Centro Virtual Cervantes. Consultado en decembro de 2014.
  3. Calendario biográfico de Galdós. Ano 1906. Arquivado 09 de decembro de 2014 en Wayback Machine. Consultado en decembro de 2014.