Loris Malaguzzi
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de febreiro de 1920 Correggio, Italia (pt) |
Morte | 30 de xaneiro de 1994 (73 anos) Correggio, Italia (pt) |
Educación | Universidade de Urbino (pt) |
Actividade | |
Ocupación | pedagogo |
Loris Malaguzzi, nado en Correggio o 23 de febreiro de 1920 e finado en Reggio Emilia o 30 de xaneiro de 1994, foi un mestre, pedagogo, deportista e psicólogo italiano, fundador do proxecto pedagóxico levado a cabo na cidade italiana de Reggio Emilia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Loris Malaguzzi viviu a súa infancia xunto coa súa familia nunha casa na praza Piazza Flume de Reggio Emilia. Malaguzzi consideraba esta praza como un lugar importante na súa infancia, na súa formación, e na súa consciencia de felicidade, do permitido e do prohibido. Estudou Pedagoxía e no seu traballo educativo aplicou ideas de moi diferentes campos do saber, como a arte, o deseño, a arquitectura, a bioloxía ou a química.
Militou no Partido Comunista de Italia, aínda que sempre mantendo unha grande autonomía e espírito crítico. Entre 1947 e 1951 dirixiu a edición de Reggio Emilia do xornal Il progresso d'Italia. En 1954 cofundou o Teatro Club canda o poeta Corrado Costa, e como director teatral puxo en escena obras de Samuel Beckett, Bertolt Brech ou Eugène Ionesco entre outros.
Proxecto pedagóxico
[editar | editar a fonte]Criticou durante toda a súa a vida os apuntamentos e ideas de diferentes psicólogos, mestres ou autores que falaran ou traballaran no ámbito da Educación como Jean Piaget ou Sigmund Freud. Para el a concepción da infancia significaba:
Todos aqueles [...] que se puxeron a reflexionar seriamente sobre os nenos/as sempre remataron por descubrir non tanto as debilidades e os límites da infancia, senón máis ben a sorprendente e extraordinaria forza das súas potencialidades, das súas capacidades e o seu inmediato protagonismo interactivo un dos puntos principais da nosa filosofía, coincide con esa imaxe do neno. Un neno que, desde o nacemento, desexa sentirse parte do mundo, usar activamente unha complexa (e aínda non valorada) rede de capacidades e de aprendizaxes, e capaz de organizar relacións e mapas de orientación persoal, interpersoal, social, cognitiva, afectiva e ata simbólica.
Malaguzzi dedicou toda a súa vida á construción dunha experiencia de calidade educativa, que a partir dunha enorme escoita, respecto e consideración das potencialidades dos nenos e nenas, pode recoñecer o dereito destes a ser educados en contextos dignos, esixentes e acordes con ditas capacidades, que as persoas adultas non debemos traizoar.
O proxecto das escolas infantís de Reggio Emilia nace despois da segunda guerra mundial, en 1945, cando algúns grupos de mulleres constrúen coas súas propias mans e cos ladrillos das casas derrubadas polos bombardeos as primeiras Escolas Infantís para nenos de tres a seis anos.
En 1963 o Concello de Reggio funda a primeira Escola Infantil laica para ese tramo de idade. Malaguzzi foi nomeado director pedagóxico, e ocupou ese posto ata xubilarse en 1985. O concello de Reggio Emilia, que estaba gobernado pola esquerda nese momento, mostrou o seu apoio á creación desta primeira escola laica para nenos e nenas de 3 a 6 anos fronte aos grandes intereses das ordes relixiosas ás que ata ese momento estaba vinculada a educación. Como proxecto de carácter social e comunitario, a escola trasladábase unha vez á semana á cidade.
O traballo que desenvolvía Loris Malaguzzi nestes centros dirixíase tanto á actividade na propia escola infantil, mirando e escoitando aos nenos e nenas e reflexionando co profesorado, como divulgando a experiencia por todo o mundo mediante viaxes e conferencias. Para difundir a experiencia deséñase a mostra L'occhio se salta il muro ("O ollo salta o muro"), unha exposición itinerante que recolle a experiencia educativa das escolas de Reggio. Esta mostra lévase e ensínase arredor de todo o mundo.
A cidade Reggiana fíxose famosa polo enfoque educativo das súas escolas para nenos e nenas menores de seis anos. Os centros educativos que seguen o seu proxecto son visitados por persoal docente. En 1993 creouse Reggio Children, unha sociedade de capital público e privado que trata de promover a experiencia reggiana en todo o mundo posibilitando a visita das numerosas persoas que queren coñecer e estudar esta experiencia.
Obra
[editar | editar a fonte]Os libros máis recoñecidos nos cales se fala do labor pedagóxico de Loris Malaguzzi son:
- (1971) Esperienze per una nuova scuola dell'infanzia : atti del seminario di studio tenuto a Reggio Emilia il 18-19-20 marzo 1971 (ed.), Roma : Editori Riuniti.
- L'approccio di Reggio Emilia all'educazione dell'infanzia
- Revista Zerosei (director)
- Revista Bambini, Azzano S. Paolo : Edición júnior. (director)
- (1987) I cento linguaggi dei bambini : narrativa del possibile = The hundred languages of children : narrative of the possible [exposición], Reggio Emilia, Italia : Coptip Modena.
Premios
[editar | editar a fonte]1992- Premio LEGO, concedido a persoas ou institucións que contribuíron de forma excepcional a mellorar a calidade de vida dos nenos/as en calquera parte do mundo. 1993- Premio Khol (Chicago), que galardoa a eminentes personalidades da Pedagoxía.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cagliari, P., Castagnetti, M. & Giudici, C. (2017) Loris Malaguzzi y las escuelas de Reggio Emilia: una selección de textos y discursos de 1945 a 1993, Madrid : Ministerio de Educación de España.
- Hoyuelos, A. (2013) La estética en el pensamiento y obra pedagógica de Loris Malaguzzi, Barcelona : Octaedro. ISBN 9788480637985.
- Martínez-Agut, M. P. & Ramos Hernando, C. (2015) Escuelas Reggio Emilia y los 100 Lenguajes del niño: experiencia en la formación de educadores infantiles, en Actas del XVIII Coloquio de Historia de la Educación: Arte, literatura y educación (2) ISBN 978-84-943286-6-4